A Promoción de Enlace na Literatura Galega: Autores e Temas Clave da Posguerra
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,9 KB
A Promoción de Enlace: Características e Autores Destacados
Os autores que se agrupan baixo esta denominación non gardan unha coherencia de grupo estrita, pero si é posible atopar neles puntos comúns:
- Naceron case todos entre 1920 e 1930.
- A súa formación produciuse nas adversas circunstancias dos primeiros anos da posguerra.
- Por iso, carecen da influencia da Xeración Nós ou das vangardas da preguerra.
- Foron nos seus comezos escritores bilingües.
- Combinan a expresión do seu compromiso social coa da angustia existencial.
Entre os autores englobados neste grupo destacan: Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás, Xosé Neira Vilas, entre outros.
Antón Tovar: Traxectoria e Temas Poéticos
Os seus poemarios máis importantes son: Arredores, Non, O vento no teu colo, Calados esconxuros e A nada destemida.
Nas súas primeiras obras, en pleno auxe da poesía social, ten como temas esenciais a conciencia do "eu" e da soidade, así como a tensión entre a angustia existencial e a esperanza. A partir de O vento no teu colo e Calados esconxuros, apréciase certa renovación na súa lírica. Tovar complementa a liña existencial anterior con poemas de firme preocupación social e con outros dun erotismo vitalista.
Luz Pozo Garza: Intimismo e Evolución Temática
A súa produción poética inclúe: O paxaro na boca, Verbas derradeiras, Códice Calixtino e Prometo a flor de loto.
Como outros autores desta promoción, comezou escribindo en castelán. A súa obra adoita caracterizarse como intimista, cun tema dominante sobre os demais: o amor. No seu primeiro poemario, plasma unha visión sensual, doce e delicada do sentimento amoroso. En cambio, en Prometo a flor de loto, escrito trala morte do seu marido, aparece unha visión máis transcendente do amor, ao reflexionar a través del sobre a vida e a morte.
Manuel Cuña Novás: Da Influencia á Angustia Existencial
A súa produción poética inclúe: Flauta na noite, Fabulario Novo e Canto e fuga da irmandade sobre da terra e da morte.
O primeiro poemario reflicte a influencia da Xeración do 25: popularismo hilozoísta e neotrobadorismo. Será no segundo poemario onde forza a súa dimensión poética, caracterizada polo sentimento da angustia e unha actitude desesperada, que se manifesta no emprego de motivos recorrentes: a escuridade, o terror, o vougo, o desacougo, o espanto...
O seu verso caracterízase pola retórica barroca e as imaxes herméticas e pechadas que arrastran dolorosamente as palabras. No último poemario, cunha linguaxe menos hermética, bota man de todos os tropos da recorrencia para construír un texto circular, que é unha reflexión agoirante sobre o incerto futuro de Galicia.