A Prosa Galega entre 1916 e 1936: Movementos e Autores Clave

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 12,93 KB

A Prosa Galega: 1916-1936

As Irmandades da Fala

O labor do movemento das Irmandades da Fala foi decisivo para o desenvolvemento da prosa galega.

  1. No referente á prosa non ficcional, Antón Villar Ponte resulta fundamental por marcar a transición ao nacionalismo e por iniciar o ensaísmo político.
  2. Pola súa parte, a prosa de Xoán Vicente Viqueira está recollida en artigos e conferencias con exposicións doutrinais de carácter galeguista e republicano.

As institucións nacionalistas agrupadas nas Irmandades preocupáronse tamén por crear as canles de expresión adecuadas para iniciar o proceso de modernización da narrativa galega.

O Grupo Nós

Denomínase Época Nós aquela que vai de 1918 até 1936, comezo da Guerra Civil. Foi unha etapa especialmente favorable para a cultura galega. Narrativa, ensaio e teatro escríbense, case por primeira vez en galego, da man dos grandes protagonistas galeguistas que foron os homes de Nós: Otero Pedrayo, Vicente Risco, López Cuevillas, entre outros. Con estes persoeiros, a cultura galega dá un xiro e na prosa galega prodúcese un cambio fundamental. O nome do grupo provén da revista Nós.

As orixes do Grupo Nós atopámolas no chamado «cenáculo ourensán» do que forman parte Risco, Otero, Arturo Noguerol e Primitivo Sanjurjo. Experimentan a súa adhesión ao galeguismo como unha especie de conversión, e Galicia pasa a ser para eles o proxecto que enche de sentido as súas vidas e o seu facer intelectual. A revista Nós foi a súa canle de difusión.

Entre os trazos comúns definidores do Grupo Nós podemos sinalar:

  1. A extracción social acomodada.
  2. A ideoloxía afín ao tradicionalismo fidalgo.
  3. A súa formación cultural inicial aparece desvinculada da tradición galega.
  4. A rigorosa formación en todos eles: estudos universitarios, coñecemento de varios idiomas, polifacetismo.
  5. Son creadores da moderna prosa galega (narrativa e ensaio) e renovadores do teatro.
  6. Incorporan o humor como revelador da realidade social da época.
  7. Introducen o espazo urbano, galego ou europeo.
  8. Participan en política.

Autores Destacados da Prosa Galega (1916-1936)

Vicente Risco

A complexa evolución da vida literaria de Risco responde a unha visión do mundo angustiada, pesimista e a miúdo apocalíptica. O seu perfil ideolóxico consta de varias etapas:

  1. Pregaleguismo: A perda da fe nos valores do momento fan de Risco un mozo individualista e estilista que busca a evasión na arte e no exótico.
  2. Galeguismo: O seu nacionalismo descansa en tres piares básicos: a lingua, a raza e a terra.
  3. Posgaleguismo: Tras a Guerra Civil, Risco abandona o galeguismo e renuncia a usar o galego.

Lingua e estilo

Risco pretendeu elevar a nosa lingua á máis alta das categorías. A súa prosa é directa e sen artificios retóricos. Renovou a nosa narrativa ao abandonar o ruralismo que a caracterizaba ata ese momento e introducir na súa obra unha ambientación urbana, motivos esotéricos, humor crítico e intencionalidade didáctica.

Obra literaria

  • Relato modernista: Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros. Primeiro relato en galego de Risco, publicado en 1919 no suplemento Terra a nosa, do xornal coruñés El Noroeste.
  • Conxunto de relatos que obedecen a uns trazos xenéricos como son a vinculación á cultura tradicional, o cometido didáctico-ideolóxico e o simbolismo:
    • A velliña vella
    • O lobo da xente
    • A trabe de ouro e a trabe de alquitrán
    • A coutada
  • Literatura satírica: Os europeos en Abrantes.
  • Novela longa: O porco de pé.

Ramón Otero Pedrayo

A pesar de iniciarse na literatura a unha idade avanzada, a súa obra é extensa. Empeñouse na narrativa e destacou como orador e colaborador en xornais; tamén foi poeta, dramaturgo, ensaísta, xeógrafo e historiador. Na súa narrativa aparecen de forma repetitiva dúas clases sociais: o campesiñado e a fidalguía.

Lingua e estilo

Otero emprega unha lingua de base popular pero enriquecida polo coñecemento do galego histórico e do portugués. O seu estilo é espontáneo e baséase na improvisación e na inspiración. Os longos parágrafos e a abundancia de imaxes son outras das súas características básicas, se ben tamén é quen de deleitar o lector con páxinas nas que predominan a concisión e a abundancia de elipses. Como escritor é considerado «o patriarca das Letras Galegas», o creador da prosa moderna galega. Á importancia da súa obra desde o punto de vista cuantitativo hai que engadir a súa enorme transcendencia, amosando unha gran capacidade de creación tanto de lugares como de ambientes ou personaxes.

Obra Narrativa

Otero adoitaba mesturar nun mesmo texto erudición e lirismo apaixonado, evocación paisaxística e síntese histórica. A súa produción narrativa está composta por: 7 novelas en galego e 4 en castelán; 5 relatos curtos en galego e 2 libros de contos.

  • Novelas histórico-culturalistas: Ambientadas na Idade Media galega ou no Romanticismo europeo. Nelas maniféstase o Otero europeísta, preocupado por interpretar os grandes momentos da cultura occidental, en especial no que atinxe á proxección universal de Galicia.
  • Novelas histórico-realistas: Teñen como marco a Galicia rural de mediados do século XIX e principios do XX e tentan interpretar o proceso de decadencia da fidalguía e os bruscos cambios que experimenta a nosa sociedade tradicional.
  • Novelas psicolóxicas: Están ambientadas nos últimos anos do século XIX e primeiras décadas do XX. O protagonista vive unha crise que o leva ao encontro de Galicia e de si mesmo. Coñece as experiencias da morte, da sexualidade e do sagrado, ao longo dun periplo de nove meses nos que se xesta a súa nova personalidade.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Un dos trazos máis salientables do autor é o seu polifacetismo e a permanente busca de orixinalidade.

  • A extracción social de Castelao é popular e mariñeira. Sentirase próximo ás clases populares e afastado do aristocratismo intelectual dos demais.
  • O seu pensamento social é profundamente laico.
  • Fronte ao tradicionalismo de Risco ou Otero, non idealiza o pasado de Galicia. Para el, a solución aos problemas do país está en construír un futuro por nós mesmos.
  • Non comparte o culturalismo dos restantes membros do grupo.

Perfil ideolóxico

Castelao foi o líder e o símbolo do galeguismo. Ao longo da súa vida política pódense distinguir tres etapas:

  • Pregaleguista: Nela vaise formando como artista plástico e xa expresa a súa preocupación pola clase traballadora, especialmente polos labregos e mariñeiros.
  • Das Irmandades da Fala: Esta é a fase de formación do seu pensamento galeguista e nacionalista, a época de maior rendemento en canto á creación plástica, literaria e investigadora.
  • Política: Decrece o seu traballo como debuxante e escritor a medida que o activismo político se vai facendo máis importante.

Obra literaria

Castelao iníciase como escritor no seminario satírico El Barbero Municipal. Alí xa se pode apreciar a súa visión crítica da realidade, sempre con humor. A súa obra literaria ten un carácter fundamentalmente lírico ou sentimental e un propósito estético. A súa técnica literaria baséase en formas da literatura oral popular, polo que empregará o relato curto, tanto de xeito independente como formando parte de entidades maiores. Debemos entender a obra artística e literaria de Castelao como un todo inseparable. Ademais da unidade temática e intencional, os seus debuxos e a súa escrita comparten unha mesma concepción estética, baseada no compromiso.

  • Un ollo de vidro. Memorias de esquelete: Obra de temática de ultratumba, protagonizada por un esqueleto que a través dun ollo de vidro relata o que ve.
  • Retrincos: Cinco relatos pretendidamente autobiográficos. As historias, magnificamente elaboradas, son profundas reflexións sobre a construción de identidade.
  • Os dous de sempre: Novela que narra a peripecia vital de dous personaxes contrapostos:
  1. Rañolas: triunfa por intelixente, agudo, emprendedor, valente e idealista.
  2. Pedriño: é preguiceiro, materialista e inactivo; a súa única preocupación é comer moito e traballar pouco.

Os temas tratados son os habituais no autor: o caciquismo, a emigración, o materialismo, etc. Castelao pretendeu con este relato aleccionar a mocidade galega presentando o fracaso e a frustración do home na sociedade burguesa.

Lingua e estilo

A lingua para Castelao é un elemento configurador e diferenciador do pobo, por iso fixo do seu idioma o instrumento da expresión literaria. O humor e o lirismo son dous dos piares nos que asenta a obra narrativa de Castelao. Nos relatos escasea a descrición, e os feitos encadéanse seleccionando elementos rítmicos para favorecer o ton emotivo.

Castelao na literatura galega

Castelao é un símbolo e un mito para os galegos, non só desde o punto de vista político ou ideolóxico, senón tamén como debuxante. A súa obra xa foi coñecida amplamente en vida, mais sería o profesor Carballo Calero un dos primeiros en consideralo como un «escritor profesional e culto».

Outros Movementos e Autores

A narrativa dos novos

Outro dos grupos importantes anteriores á Guerra Civil creouse arredor do Seminario de Estudos Galegos. Próximos a este grupo están varios escritores nados a comezos do século. Este feito, sumado á vivencia das vangardas da década de 1920, propiciou que recibisen o nome de Novecentistas. Destacamos a:

Rafael Dieste

A obra en galego de Dieste non é moi extensa e case toda ela está escrita na preguerra. A súa prosa é culta e innovadora. O enfoque da súa obra é obxectivo.

  • Dos arquivos do trasno, publicado en 1926. Na segunda edición engádense 4 contos publicados no xornal El Pueblo Gallego e outros 4 que figuraban como apéndices de A fiestra baldeira. Os relatos sitúanse na Galicia rural e mariñeira, nun tempo impreciso, e están protagonizados por personaxes populares. Os temas que manexa son o retorno, a crueldade, a morte, a emigración, a soidade...

O ensaio na Época Nós

Os homes da Época Nós serán os primeiros cultivadores de ensaio e de textos científicos en galego. O seu proxecto de modernización da cultura galega pasa por achegarse a todos os xéneros, e o ensaio servirá para dar a coñecer os ideais nacionalistas e tamén como vehículo na defensa da lingua e das tradicións do noso país.

Vicente Risco (Ensaio)

Risco foi autor dalgúns ensaios en idioma galego que poñen de manifesto as súas ideas sobre o noso país e a súa intención eminentemente didáctica.

  • Teoría do nacionalismo galego: Exalta o ser de Galicia a través da lingua, da terra e da raza.
  • Nós, os inadaptados: Neste ensaio estuda a evolución ideolóxica do seu grupo xeracional.
  • Leria: Colección de textos filosóficos e crítico-literarios.

Otero Pedrayo (Ensaio)

A obra ensaística de Pedrayo é extensísima. Comprende centos e centos de páxinas dedicadas a temas moi diversos, mais case sempre relacionados directa ou indirectamente con Galicia e o pensamento da Xeración Nós.

  • Ensaio histórico sobre a cultura galega: Presenta unha síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia desde a prehistoria ata os comezos do século XX.
  • O espello no serán: Colección de textos, medio líricos medio eruditos, sobre Compostela, a cabalo entre o relato, o ensaio e a estampa poética.

Entradas relacionadas: