Protocolo de Protección e Detección de Malos Tratos Infantis en Galicia: Risco e Desamparo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 20,01 KB

1. Situacións de Desprotección Social (CA2.6)

Situacións de Risco

Prodúcense cando o menor se ve afectado por circunstancias que prexudican o seu **desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo** e permiten temer nun futuro unha situación de desamparo, inadaptación ou de exclusión social.

A causa das súas circunstancias persoais, familiares ou da contorna, prexudican o desenvolvemento persoal ou social da/o menor, sen acadar a gravidade para xustificar a declaración de desamparo e a separación do menor coa familia.

Nestas situacións, a intervención diríxese a procurar as **necesidades básicas** da/o menor, mellorando o seu medio familiar e eliminando os factores de risco. Non levan á separación da familia.

Constitúen Situacións de Risco (Categoría I: Descoido Leve pero Repetido)

A falta de atención física ou intelectual do menor por parte dos seus titores legais que supoña un **prexuízo leve** para a súa saúde, o descoido das súas necesidades principais ou dificultar o acceso aos seus dereitos, cando se prevexa que a situación poida persistir ou empeorar.

  • Descoido físico leve pero repetido: Nena/o que chega á escola con falta de hixiene, sen almorzar ou sen roupa axeitada. Non é grave, pero ao repetirse afecta ao seu benestar.
  • Falta de apoio educativo: A menor non recibe axuda para estudar, non ten espazo nin acompañamento escolar. Afecta ao seu desenvolvemento intelectual aínda que siga escolarizada.
  • Impedir o contacto con outro proxenitor ou familia: Un proxenitor dificulta sen motivo a relación da menor coa outra figura familiar, xerándolle malestar emocional.
  • Alimentación pouco saudable ou insuficiente supervisión: Dieta desequilibrada e sen hábitos saudables, causando pequenos problemas de saúde ou baixo rendemento. Non é fame extrema, pero si falta de atención ás necesidades básicas.

Constitúen Situacións de Risco (Categoría II: Limitacións dos Coidadores)

Non hai descoido intencional, senón que o responsable quere coidar, pero non pode por limitacións persoais, sociais, económicas ou de saúde. Aínda así, o menor sofre consecuencias negativas como desatención repetida ou pequenos prexuízos no seu benestar.

  • Coidadores con limitacións reais: Persoa (como un avó ou avoa) que quere coidar pero, por idade ou saúde, non logra atender correctamente necesidades básicas, afectando ao benestar do menor.
  • Proxenitor con problemas de saúde mental: Existe intención de coidar, pero a enfermidade impide cubrir rutinas, hixiene, alimentación ou apoio emocional, xerando desatención non intencionada.
  • Situación de pobreza ou exclusión social: A persoa responsable quere coidar, pero a falta de recursos e malas condicións de vida impiden garantir un contorno seguro e adecuado.
  • Responsables con discapacidade intelectual: Hai vontade de ofrecer coidados, pero as limitacións cognitivas dificultan atender necesidades físicas, educativas ou emocionais da/o menor.

Constitúen Situacións de Risco (Categoría III: Castigo Prexudicial)

O castigo físico ou emocional sobre a/o menor que, sen ser un episodio severo ou crónico de violencia, prexudique o seu desenvolvemento. Estes comportamentos poden ter consecuencias significativas co tempo.

  • Bofetadas ou sacudidas ocasionais como "correctivo": Un pai dá unha labazada puntual ao fillo para corrixilo, sen causar lesións nin ser habitual. O neno mostra medo e ansiedade. Non é maltrato grave, pero prexudícao emocionalmente.
  • Humillación verbal como castigo: Unha nai chama ao seu fillo vago, inútil ou burro cando non sae ben nos exames, non a diario pero recorrente, e provoca baixa autoestima e ansiedade. É un castigo emocional que afecta negativamente ao desenvolvemento emocional.
  • Illamento como forma de castigo: A familia obriga á menor a quedar encerrada no seu cuarto durante horas cando se porta mal, sen contacto. Non hai agresión física nin insultos, pero o illamento afecta a súa socialización e equilibrio emocional.
  • Retirada excesiva de actividades sociais ou lúdicas: Como castigo, prohíbese participar en actividades extraescolares, ver amigos ou xogar por faltas leves. Non hai agresión física, pero o castigo é desproporcionado e prexudica a súa socialización e benestar.

Constitúen Situacións de Risco (Categoría IV: Carencias Non Compensadas)

As carencias que, non podendo ser compensadas adecuadamente no ámbito familiar, nin tratadas a través dos servizos e recursos esenciais, poidan propiciar a **exclusión social, inadaptación ou desamparo** do menor. O foco está en que a familia nin compensa nin busca axuda para mellorar.

  • Vivenda precaria sen implicación familiar: A familia vive en malas condicións e non solicita nin acepta axuda para mellorar. Isto afecta á saúde e autoestima do menor.
  • Abandono escolar sen resposta da familia: Un rapaz leva meses sen ir á escola; o centro informa, pero a familia non colabora nin busca solucións. Provoca problemas de comportamento e risco de inadaptación social.
  • Problemas de saúde non atendidos: A nena presenta sinais de problemas de saúde ou conduta, pero a familia non acode a servizos médicos nin acepta derivacións. A situación empeora e xera rexeitamento social.
  • Carencia de habilidades parentais sen buscar axuda: Proxenitores moi novos con dificultades para coidar, que non buscan nin aceptan orientación. A falta de apoio e aprendizaxe provoca desatención, problemas de vínculo e risco social.

Constitúen Situacións de Risco (Categoría V: Outras Situacións)

Inclúe outras situacións non recollidas antes, pero que co tempo, poderían chegar ao desamparo.

  • Cambios constantes de domicilio: A familia muda cada 2-3 meses sen causa xustificada, dificultando vínculos sociais, continuidade escolar e atención sanitaria. Pode causar problemas de adaptación e risco de desamparo.
  • Exposición a contidos inapropiados: Menor de 9 anos pasa horas vendo contidos violentos ou sexuais sen supervisión, desenvolvendo agresividade ou linguaxe inadecuada. Falta de protección que prexudica o seu desenvolvemento.
  • Contorno con condutas delituosas: Neno exposto a familiares implicados en delitos, violencia ou detencións, sen espazo seguro. Ambiente prexudicial que afecta á súa integridade e seguridade.
  • Illamento social extremo: Educación na casa sen contacto con outros nenos nin seguimento oficial. O menor mostra retraemento e dificultades sociais, podendo derivar en risco e desamparo.
  • Negación continuada da colaboración cos servizos sociais: A familia impide o acceso de profesionais á casa ou escola, podendo ocultar situacións graves mesmo sen evidencias directas de desatención.

Situacións de Risco II: Detección e Intervención

A detección, valoración e intervención ante estas situacións correspóndelles ás **entidades locais**, en colaboración con administracións e servizos públicos e privados. Esta intervención vai encamiñada á mellora do medio familiar, das condicións sociais, económicas e culturais do menor, e á eliminación ou diminución dos factores de risco e dificultade social.

Situacións de Desamparo

Prodúcense por causa do **incumprimento dos deberes de protección** establecidos polas leis para a garda dos menores, cando estes queden privados da necesaria asistencia.

Constitúen Situacións de Desamparo

  • O **abandono** da persoa menor de idade.
  • Os **malos tratos** ou **abusos sexuais** pola familia ou terceiras persoas co consentimento daquelas.
  • A **neglixencia grave** no cumprimento das obrigas alimentarias, hixiénicas ou de saúde.
  • As condutas aditivas en integrantes da familia cando molesten gravemente o desenvolvemento e benestar da/o menor.
  • A convivencia deteriora gravemente a **integridade moral** do neno, ou prexudica o desenvolvemento da súa personalidade.
  • A falta de persoas a quen corresponde exercer as funcións de garda ou cando as persoas están imposibilitadas para exercelas, ou en situación de exercelas con **perigo grave** para o neno ou adolescente.
  • A falta de escolarización habitual do neno/a ou adolescente co consentimento ou tolerancia dos pais, nais ou persoas que exerzan a garda, sempre que menoscabe o desenvolvemento e benestar do/a menor, ou sempre que supoña un **prexuízo grave** da crianza ou adolescente.
  • Calquera outra situación de desprotección que se produza por incumprimento ou exercicio inadecuado dos deberes legais de protección, deixando ao menor sen a asistencia moral ou material necesaria.

2. Que entendemos por Malos Tratos? (CA2.7)

A infancia require atención e coidado especiais. Este termo inclúe diversas situacións que afectan á saúde física ou psíquica do menor e comprometen o seu desenvolvemento. Non se limita ao dano físico, senón que tamén abarca a **desatención** e os **malos tratos psicolóxicos**, que poden pasar desapercibidos.

Malos Tratos Infantis: Definición e Causantes

Os malos tratos infantís son calquera acción, omisión ou trato neglixente, non accidental, que prive ao neno dos seus dereitos e o seu benestar, que interfira no seu desenvolvemento físico, psíquico e/ou social.

Actuacións Susceptibles de Causar Malos Tratos:

  • Acción: Engloba os actos realizados.
  • Omisión: Todos os coidados e atencións que se deberían prestar e non se prestaron.
  • Trato neglixente: Aqueles coidados que se brindaron de maneira inadecuada e insuficiente.

Condicións que Determinan a Súa Existencia:

Que priven á crianza dos seus dereitos e benestar e que interfiran no seu desenvolvemento.

Os Causantes Poden Ser:

Persoas, institucións e sociedade.

Indicadores de Maltrato Infantil

Prodúcense moi frecuentemente no domicilio, polo que é pouco probable observalos directamente. A súa detección tense que facer sobre manifestacións externas.

Características Físicas na Crianza:

  • Madorras ou negróns con formas non normais ou marcas de obxectos, en distintas fases de cicatrización e en varias zonas, indicando golpes desde diferentes direccións (maltrato físico).
  • Neno/a constantemente sucio, escasa hixiene, famélico ou vestido mal (abandono físico ou neglixencia).

Características Comportamentais do Menor:

  • Cautela excesiva co contacto físico con adultos (maltrato físico).
  • Condutas demasiado “adultas” ou infantís (maltrato ou abandono emocional).

Características dos Pais/Titores/Coidadores:

  • Disciplina severa, desproporcionada á idade ou á falta cometida (maltrato físico).
  • Esixencias superiores ás capacidades do menor (maltrato ou abandono emocional).

3. Actuación ante Situacións de Malos Tratos

O seu coñecemento activa unha serie de protocolos que é imprescindible coñecer e aplicar cando sexa preciso. Nestes protocolos séguense unhas fases:

Fases do Protocolo de Actuación

  1. Detección: Familias, servizos sanitarios, centros educativos, etc.
  2. Notificación:
    • Se non é urxente: servizos sociais de atención primaria.
    • Se é urxente: servizos especializados en atención á infancia, policía, xulgado de garda e centro sanitario.
  3. Valoración e Diagnóstico:
    • Verificación da notificación.
    • Diagnóstico da situación.
    • Deseño das actuacións.
  4. Actuacións:
    • Manter ao menor no seu contorno; plans de prevención e programa de mellora.
    • Separación do menor do seu contorno familiar.
  5. Avaliación e Seguimento.

Detección do Maltrato

A Educación Infantil (E.I.) convértese nun lugar privilexiado para a súa detección xa que a maioría dos nenos pasan alí a maior parte do seu tempo. O maltrato xeralmente prodúcese no fogar, polo que a detección deberá facerse en base á observación dos seus indicadores.

  • Ante a sospeita teremos unha observación máis sistemática e continuada.
  • Os contactos informais e as entrevistas que o persoal educativo mantén coas familias son cruciais.

Problemática ante a Detección do Maltrato

A detección destas situacións non é fácil e, ás veces, aínda que se detecten indicios pode existir certa reticencia a consideralos como tales. O educador non é quen diagnostica estas situacións, senón que debe poñer en coñecemento aos servizos especializados.

Dificultades para a Detección:
  • Non sempre é fácil o seu diagnóstico; moitos non chegan sequera a sospeitarse.
  • Dificultade de diferencialos con lesións accidentais.
  • Emprego de criterios persoais do propio profesional.
Dificultades para a Consideración ou a Comunicación:
  • As lesións son consideradas pouco importantes.
  • Non se sabe con seguridade como se produciron (medo a equivocarse).
  • Preocupacións persoais do profesional: legais (ter que declarar), económicas (perda de horas de traballo…), comodidade (traslado ao xulgado sen declarar), medo (reacción das familias).
  • Experiencias previas onde, tras comunicar, o neno foi devolto aos pais sen intervención adecuada.
  • Algúns profesionais cren que comunicar sospeitas pode prexudicar a crianza: o agresor retaliará, prefiren uns “malos pais” á intervención, ou consideran que non deben interferir.

Notificación do Maltrato

A comunicación da situación observada á institución pertinente (no ámbito educativo a persoa responsable é o director) e séguense as canles seguintes:

Ante Casos Non Graves e Non Urxentes:

Notificarase aos Servizos Sociais (S.S.) de atención primaria para que fagan unha valoración máis profunda da situación.

Ante Situacións Graves e Urxentes:

  • Cando se sospeite da existencia de condutas de alto risco ou indicios de abuso sexual, notificarase aos S.S. Para axilizar os pasos, cando sexan moi evidentes poderase avisar directamente á policía ou aos corpos e forzas de seguridade ou presentar unha denuncia.
  • Cando se presenten danos físicos, os educadores deberán trasladalo a un centro sanitario: dende alí, activaranse os trámites oportunos e logo comunicarase aos pais.

Basta con ter unha **sospeita razoable**. A Lei 3/1997, de Galicia, establece o deber de comunicar calquera situación grave de risco para un menor, garantindo a reserva e anonimato da persoa comunicante.

4. Marco Legal e Conceptos Clave (Lei 3/2011 de Galicia)

Actividade inicial da Lei 3/2011 de apoio á familia e convivencia de Galicia.

Diferenza entre Situación de Risco e Desamparo

Existen dous tipos de situacións de desprotección: as de risco e as de desamparo. Cal é a diferenza entre elas?

  • A situación de risco acontece cando o/a neno/a segue vivindo coa familia pero con dificultades que poden afectar ao seu desenvolvemento. A familia non lle nega a asistencia básica pero non o/a protexe adecuadamente. A situación non é grave como para separar a crianza da familia, pero require intervención xa que, se non se actúa, podería derivar nun desamparo.
  • A situación de desamparo prodúcese cando un/unha menor é privado das súas atencións básicas, debido ao incumprimento dos deberes de protección. A situación supón un perigo para o benestar do/a neno/a. Ademais, é o Estado, a través da Xunta, o que asume a tutela do/a menor.

O Principio de Intervención Mínima

En que consiste o “Principio de intervención mínima”?

Explica que cando as administracións públicas actúan ante unha situación de risco, deben facelo **limitadamente**, sen invadir excesivamente a vida familiar. Débese axudar á familia para que resolva os problemas por si mesma, ofrecendo apoio, orientación e recursos. No caso de que isto non funcione e a situación continúe, realizarase unha intervención máis forte.

Medidas Preventivas desde a Escola Infantil (Artigo 47)

No artigo 47 enuméranse unha serie de actuacións para previr situacións de desprotección. Escolle 3 e indica accións concretas a realizar desde a escola infantil para levar a cabo esas medidas preventivas:

  1. “O desenvolvemento de programas dirixidos a promover o coidado e a atención axeitada das e dos menores nas súas familias”: A E.I. pode organizar actividades para axudar ás familias a establecer rutinas, normas, etc., así como a aprender a xestionar as emocións dos/as nenos/as. Tamén se poden facer reunións coas titoras para revisar o progreso e ofrecerlles consello.
  2. “A promoción dos valores de igualdade, respecto e integración … e das actitudes xenófobas”: Para que as crianzas aprendan a respectar e colaborar, a escola pode organizar xogos e actividades onde traballen a amizade, a empatía e a igualdade. Tamén empregar contos e debuxos que axuden a romper estereotipos.
  3. “A elaboración e a execución de programas de prevención das situacións de risco, maltrato e explotación infantil”: Formar ao persoal para recoñecer posibles situacións de perigo. Prestarlle atención ao benestar dos nenos/as, coordinarse cos servizos sociais, e organizar actividades que lles permitan expresarse, para actuar a tempo e ofrecer apoio.

Verdadeiro ou Falso: Prioridade do Núcleo Familiar

Xustifica se é verdadeira ou falsa: “Os poderes públicos no exercicio das súas funcións de atención e protección á infancia manterán aos menores no seu núcleo familiar en calquera caso e situación”.

É **falsa**: Segundo a lei, os poderes públicos deben priorizar o mantemento dos menores no seu núcleo familiar, pero non sempre. Isto quere dicir que a prioridade consiste en garantir os **intereses do/a neno/a**; principio que é fundamental e que guía toda a actuación pública neste ámbito. Porén, cando a convivencia dentro do núcleo familiar supón algún tipo de risco ou mesmo vulneración dos dereitos do/a menor, os poderes públicos deben adoptar unha serie de medidas (como por exemplo acollemento, tutela, …) para asegurar a súa protección e o seu óptimo desenvolvemento.

Verdadeiro ou Falso: A Opinión do Menor

Xustifica se é verdadeira ou falsa: “Terase en conta a opinión e os desexos dos nenos/as á hora de tomar decisións en cuestións relacionadas coa protección de menores”.

Esta afirmación é **verdadeira**: A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia en Galicia indica que, á hora de tomar as decisións sobre a protección dos/as menores, debe terse en conta a súa opinión e desexos, sempre que teñan a **madurez suficiente** para expresalos. Isto significa que os nenos e nenas teñen dereito a ser escoitados e a que se valore o que pensan, asegurando sempre o seu benestar e interese principal.

Accións e Medidas de Prevención (Artigos 38 e 41)

Que accións ou medidas de prevención establece a lei dentro da protección á infancia?

  • No artigo 38 di que os poderes públicos deben **previr situacións de risco e desamparo**, garantindo que os nenos se desenvolvan nun ambiente familiar seguro e estable.
  • No artigo 41 sinala que os concellos teñen o deber de **detectar e actuar** ante estas situacións colaborando coa Xunta.

Entradas relacionadas: