Psicoloxía da Motivación e Personalidade: Teorías, Frustración e Desenvolvemento Humano
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 12,72 KB
A Motivación Humana: Conceptos e Teorías Fundamentais
A motivación é a necesidade ou o desexo que activa e dirixe o noso comportamento, orientando a nosa conduta á consecución dun logro. As emocións interveñen na motivación humana.
Principais Teorías da Motivación
As principais teorías sobre a motivación son:
- A teoría dos instintos ou evolucionista.
- A teoría homeostática e da redución de impulsos.
- A teoría da excitación.
- A teoría das necesidades de Abraham Maslow.
A Teoría dos Instintos
A teoría dos instintos presentaba dous problemas principais: limitábase a enumerar as condutas sen explicar como se xeraban e reducía o comportamento humano ao puramente animal, sen ter en conta a súa capacidade de autorregulación. Aínda así, os instintos e a necesidade de supervivencia desempeñan un papel fundamental na conduta humana, influída tanto por necesidades fisiolóxicas como por desexos psicolóxicos.
A Teoría Homeostática
A teoría homeostática tenta explicar a relación entre as necesidades fisiolóxicas (instintos) e a conduta. Considera o desequilibrio que nos impulsa a satisfacer unha necesidade. Dentro das teorías homeostáticas cabe destacar:
- A teoría da redución do impulso
- A teoría do campo dinámico
- A teoría emocional
- A teoría psicoanalítica da motivación
- A teoría do incentivo
As Teorías Cognitivas da Motivación
Céntranse na forma en que o individuo percibe ou representa a situación diante da que se atopa e basean a conduta nas necesidades psicolóxicas, isto é, as expectativas ou a valoración que o suxeito fai dun resultado concreto. Así, a conduta sería o resultado de tomar en conta as metas do suxeito.
A Teoría do Logro
Unha das teorías máis importantes é a teoría do logro: sostén que os seres humanos teñen a necesidade de alcanzar metas e superar desafíos. Segundo esta teoría, a conduta depende das expectativas e do valor emocional do incentivo: se ambos son positivos, a persoa actúa para lograr o obxectivo; se son negativos, tenderá á evitación.
O nivel da motivación viría determinado por tres factores:
- A forza do impulso: disposición xeral do individuo a loitar pola satisfacción, que terá dúas dimensións: motivación do logro (éxito) ou evitación do fracaso.
- As expectativas: anticipación cognitiva que o individuo fai sobre as súas posibilidades, tamén pode ter dimensión de éxito ou de fracaso.
- O valor do incentivo: a atracción que ten ou non a meta. Pode ser positiva: atracción, ou negativa: aversión.
A Teoría da Atribución de Weiner
A teoría da atribución de Weiner afonda na forma en que se xeran as expectativas das persoas. Podemos atribuír os éxitos e fracasos a factores internos ou externos.
As Teorías Humanistas da Motivación
Rexeitan a redución da psicoloxía ao estudo da conduta observable e a explicación en función de estímulos ou instintos inconscientes. A pesar das necesidades fisiolóxicas (necesidades primarias), os humanos tenden á autorrealización.
A Teoría das Necesidades de Maslow
A teoría das necesidades de Maslow centra a motivación da conduta nas necesidades, pero dá un paso máis establecendo unha xerarquía de necesidades e a importancia da decisión humana na satisfacción das mesmas. Esta teoría fundaméntase en dúas teses:
- Un ser humano tende a satisfacer as necesidades primarias (máis baixas na pirámide) antes que buscar as de nivel máis alto.
- As necesidades humanas poden representarse en forma de pirámide, onde as necesidades de autorrealización ocupan a cúspide e representan o obxectivo final de calquera acción humana.
As Necesidades Identificadas por Maslow
As necesidades identificadas por Maslow son:
- As necesidades fisiolóxicas: supervivencia, como a necesidade de comida, bebida, auga e refuxio.
- As necesidades de seguridade: a busca de orde, estabilidade e protección, o que inclúe seguridade física, recursos, saúde, propiedade ou ingresos.
- As necesidades sociais: a necesidade dos outros que teñen os seres humanos: amor, afecto e pertenza a un grupo.
- As necesidades de estima: a autoestima, o recoñecemento social ou o logro particular. Cando esas necesidades non se satisfán, as persoas séntense insatisfeitas e sen valor. En xeral, pódense distinguir dous graos: a necesidade de status e fama que dependerán do medio externo, e a necesidade de autoestima que inclúe confianza, independencia e liberdade.
Son estas necesidades de autorrealización as máis específicas do ser humano e entre elas cabería destacar:
- As necesidades estéticas: aparecen en todas as culturas e manifestan a aspiración á beleza.
- As necesidades cognitivas ou o desexo de coñecer.
- A necesidade de auto-transcendencia: a pretensión de atopar unha causa máis aló das propias necesidades, como perseguir unha causa social, o servizo a outros…
A Frustración e os Conflitos Psicolóxicos
Causas da Frustración
Nas situacións en que a nosa conduta non consegue satisfacer unha necesidade, experimentamos frustración. As principais causas que poden provocar a frustración son:
- Insuficiencias físicas ou psicolóxicas: non ser quen de satisfacer a necesidade por incapacidade, como por exemplo falta de habilidade para cantar.
- Obstáculos físicos ou sociais: que non se dean as condicións externas para satisfacer a necesidade, como por exemplo non ter os cartos suficientes para estudar unha carreira.
- Demoras na consecución do obxectivo ou a extinción deste: que a satisfacción da necesidade se atrase, como por exemplo ao suspender un exame.
Tipos de Conflitos
- De achegamento-achegamento: a atracción que se dá cara a dous obxectivos que se exclúen mutuamente. Por exemplo, decidir entre dúas boas películas para ver un mesmo día.
- De evitación-evitación: dúas situacións se presentan como igualmente indesexables e producen o mesmo grao de aversión. Ex: elixir entre mentir sobre algo ou non.
- De achegamento-evitación: o desexo e a aversión que produce unha situación teñen a mesma forza. Ex: unha acción non che gusta, pero non tes máis remedio que facela.
- Dobre conflito de achegamento-evitación: o suxeito se atopa entre dous obxectivos que producen ambos a mesma aversión e desexo. Ex: elixir entre dúas carreiras tanto boas como malas.
Alternativas á Frustración
- A agresividade: ira e ataque.
- A evitación: fuxir do problema.
- O logro indirecto: cando non se consegue o obxectivo desexado, búscase un substituto.
- A aceptación: ante a frustración, o individuo pode reaccionar de dúas formas: esforzarse máis para alcanzar a meta ou, se o motivo é feble, abandonala e substituíla por outra, xa sexa similar ou diferente.
Respostas Inconscientes á Frustración
- Represión: eliminar as cousas que nos producen tensión.
- Fixación: experimentar un retroceso ou fixación a unha conduta determinada que produciu pracer ou satisfacción nun momento pasado.
- Proxección: consiste en proxectar noutras persoas as frustracións persoais e buscar as súas causas fóra de nós mesmos.
- Neurose: os procesos de frustración non son reconducidos polo individuo e producen trastornos funcionais, como problemas respiratorios, circulatorios ou dixestivos. Teñen na súa orixe conflitos e tensións internos nos que se altera a afirmación do eu.
A Personalidade: Estrutura e Desenvolvemento
Definición de Personalidade
A personalidade é a estrutura dinámica que posúe un individuo que constitúe aquela forma de ser que nos fai únicos. É un conxunto de características psicolóxicas, condutuais, emocionais e sociais que se desenvolven a partir da interacción entre factores ambientais e biolóxicos.
Compoñentes da Personalidade
A personalidade ten dous compoñentes:
- O temperamento: é produto da herdanza xenética, como a cor dos ollos, e determina certas características da cognición, do comportamento ou da percepción das emocións.
- O carácter: é modificable e está constituído polos coñecementos e todos aqueles hábitos (educativos e relacionais) aprendidos a través do medio.
Teorías da Personalidade e Fases de Desenvolvemento
Teorías Psicodinámicas da Personalidade
As teorías psicodinámicas da personalidade sosteñen que a personalidade e a conduta resultan de forzas psicolóxicas, moitas delas inconscientes.
O consciente é todo aquilo do que a persoa se dá conta, como sensacións, emocións ou pensamentos. O inconsciente é a parte máis profunda e inaccesible da mente, onde residen aspectos primitivos. O preconsciente inclúe contidos que, aínda que non son conscientes, poden aflorar a través de soños, fantasías ou recordos. Xuntos, estes tres niveis conforman o aparato psíquico.
Do nacemento ao 1º ano de vida é a etapa de constitución do Iso, conformado polos instintos e desexos básicos que Freud denomina pulsións: o Eros, ou instinto de pracer e satisfacción de necesidades, e o Thanatos, impulso de destrución.
Etapas do Desenvolvemento Psicosexual
Estas etapas determinan o desenvolvemento da personalidade e da conduta futura.
- Oral (0-1,5 anos): autoestimulación mediante a boca; pode levar a condutas adictivas relacionadas con chupar ou comer.
- Anal (1,5-3 anos): control dos esfínteres; desenvolvemento da empatía e da interacción social.
- Fálica (3-6 anos): autoexploración sexual e aparición do complexo de Edipo ou Electra.
- Latencia (6-12 anos): a sexualidade queda en segundo plano, mentres a persoa se centra en actividades sociais, educativas e culturais.
- Xenital (12-18 anos): inicio da sexualidade adulta e consolidación das aprendizaxes previas.
Teorías Humanistas da Personalidade
As teorías humanistas da personalidade deixan de lado a visión mecanicista da conduta para centrarse nas actividades conscientes do ser humano, destacando a súa capacidade de autorrealización e autoxestión. A diferenza doutros enfoques, non buscan tratar trastornos nin modificar a conduta, senón comprender o desenvolvemento persoal.
As teses fundamentais das teorías humanistas son:
- A personalidade desenvólvese continuamente e non é unha entidade fixa.
- A personalidade non se define só pola conduta, senón fundamentalmente pola percepción que o individuo ten de si mesmo e do contorno.
Métodos de Avaliación da Personalidade e as Súas Limitacións
- O enfoque clínico: é un enfoque cualitativo. Entre os test proxectivos, algunhas das probas máis coñecidas son o test de Rorschach e o test de apercepción temática. Ambos os test usan figuras ambiguas e solicitan do suxeito unha interpretación delas que despois pasa a valorarse en función dos seus significados psicolóxicos.
- O enfoque psicométrico: usa cuestionarios cuantitativos que remiten a criterios estandarizados para a súa avaliación. Proporcionan información acerca de moitos aspectos da personalidade como valores, necesidades, intereses, autoestima e a forma en que os individuos afrontan diferentes situacións.
Conceptos Clave Relacionados coa Personalidade
- A identidade: é a resposta ás cuestións «quen son?» ou «que quero ser?» e depende claramente do coñecemento, pero tamén das nosas expectativas e do coñecemento das propias capacidades.
- A autoestima: é a avaliación que facemos do conxunto das nosas percepcións, pensamentos e tendencias de comportamento, pero tamén das nosas características corporais ou do noso carácter.
- Os afectos: son o conxunto das emocións, sentimentos e paixóns. Son subxectivos, bipolares e conforman o estado de ánimo dun individuo.