A Renovación da Literatura Galega no Século XX: O Impacto das Irmandades e o Grupo Nós
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,47 KB
O Contexto da Literatura Galega a Comezos do Século XX
Nos comezos do s. XX, a literatura galega enfrontaba unha situación singular. Por unha banda, viña de experimentar o seu Rexurdimento, cimentado nunha esplendorosa produción lírica; pola outra, urxía solucionar unha tripla problemática:
- A calidade dos textos non acadaba a altura do período de renacenza.
- A prensa en galego desaparecera case por completo.
- A preeminencia da poesía arrombara a narrativa e o teatro nun plano secundario.
O Segundo Rexurdir e a Xeración das Irmandades
Neste contexto, a actividade dinamizadora dos autores da Xeración das Irmandades traduciuse nun segundo rexurdir, caracterizado por unha renovación estética, formal e temática que conseguiu ampliar a masa lectora. Este logro baseouse en dous piares fundamentais:
1. Creación de Medios de Difusión
A creación de novas editoriais, xornais e revistas foi crucial:
- A Nosa Terra, idearium das Irmandades.
- A Revista Nós, con 144 números entre 1920 e 1936.
- Outras publicacións como Céltiga ou Lar.
- A imprescindíbel sección “¡Terra a nosa!”, do xornal coruñés El Noroeste.
2. Fomento de Xéneros
O fomento dos xéneros menos desenvolvidos até entón (teatro e narrativa), abríndoos ás tendencias estéticas innovadoras e vangardistas. Neste sentido, a fundación da editorial Nós simboliza o abandono da novela curta e a adopción de camiños máis ambiciosos.
O Grupo Nós e a Modernización da Prosa
O foco da renovación foi o Grupo Nós, que propiciou a consolidación e modernización da prosa conectándoa directamente con Europa, cunha visión enxebrista e atlantista, co fin de superar o illamento rural da cultura galega, a cal “descobren” no proceso.
Autores Fundamentais da Narrativa Renovada
Vicente Risco
A produción narrativa de Vicente Risco ten un carácter profundamente intelectual, baseada no seu pensamento filosófico: esoterismo, atlantismo, etc. Os seus relatos supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou costumista.
Obras Narrativas e Ensaísticas Destacadas:
- A súa primeira novela, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919).
- O porco de pé (1928), considerado o seu cumio narrativo.
- No ensaio, a obra fundamental Nós, os inadaptados (1933), constitúe unha das mellores sínteses do pensamento do grupo.
Ramón Otero Pedrayo
O seu pensamento baséase no cristianismo e na tradición. A súa prosa caracterízase pola fidalguía e a paisaxe como constantes narrativas. Nela podemos distinguir dous tipos de novelas:
Tipoloxía Narrativa de Pedrayo:
Novelas Realistas
Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Exemplo: Os camiños da vida (1928).
Novelas Culturalistas
Narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son obras sen acción, ideolóxicas, próximas ao ensaio. Exemplo: Arredor de si (1930).
Destaca tamén o Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939).