Revolucións Liberais e Revolución Americana: Orixe do Mundo Contemporáneo
As revolucións liberais
Durante a primeira metade do século XIX, gran parte de Europa experimentou un proceso de profundo cambio político que tiña o seu referente na Revolución Francesa e que significou a implantación de sociedades liberais. O desenvolvemento do liberalismo supuña o fin do absolutismo e dos privilexios estamentais, e a regulación da nova sociedade a partir da igualdade dos cidadáns diante da lei.
Deste xeito, a cidadanía constituíase en nación e estruturábase un novo sistema político liberal identificado coa implantación dun Estado Constitucional en forma de monarquía ou república cuxa lexitimación repousaba na soberanía nacional. A nación tamén se vinculou á existencia de características e solidariedades culturais entre os seus membros.
A correspondencia entre Estado e nación deuse en poucos casos, e o máis frecuente foron os desaxustes entre ambos. Nuns casos, diferentes comunidades nacionais coexistían dentro dun Estado unificado ou atopábanse sometidas a un dominio estranxeiro ou imperial; outras veces atopábanse dispersas baixo distintos dominios políticos.
A configuración de clases sociais con intereses diversos dentro dos Estados-nación incidiu directamente na política. O liberalismo fíxose conservador e tendeu a restrinxir os dereitos aos cidadáns que non alcanzaran un determinado nivel económico. Xurdiron novas perspectivas políticas: a democracia, que reclamaba os plenos dereitos para todos os cidadáns, e o socialismo, que puxo o acento na igualdade social.
Que é a revolución?
Proceso de transformacións políticas do último terzo do século XVIII que constitúe a orixe do mundo contemporáneo. No Antigo Réxime, revolución designaba cambios que acontecían á marxe da vontade humana ou o retorno dunha situación política ao seu punto de orixe. Foi coa Revolución Francesa cando o termo pasou a designar novos procesos políticos cuxo desencadeante podía estar ao alcance dos individuos. Os que a defendían eran revolucionarios, e os que se opoñían, reaccionarios.
A revolución americana
A guerra da independencia
As colonias inglesas experimentaron un grande desenvolvemento durante o século XVIII. A partir de 1763, como resultado da Guerra dos Sete Anos (1756-1763), fíxose cada vez máis incompatible o réxime económico e político das colonias coa política da metrópole. O goberno británico tentou aumentar os impostos nas Trece Colonias, ao que se opuxeron os colonos cun argumento procedente da propia tradición política inglesa: era inxusto pagar impostos sen dispoñer de representación política no órgano que o decidía, o Parlamento de Londres.
A independencia das Trece Colonias da coroa británica tivo lugar entre 1776 e 1783. O proceso iniciouse coa proclamación da Declaración de Dereitos de Virxinia e da Declaración de Independencia, decisión tomada en Filadelfia o 4 de xullo de 1776. Despois desenvolveuse o proceso de loita armada contra o exército inglés, que rematou co triunfo das tropas americanas e o recoñecemento internacional dos novos Estados Unidos.
Creación dunha nova orde política
A Declaración de Virxinia contén os principios básicos do liberalismo político forxados polos teóricos ingleses do século XVII. A Declaración establece os principios de soberanía nacional, igualdade entre todos os homes e goberno con responsabilidade. O novo sistema político foise creando ao mesmo tempo que se desenvolvía a guerra da independencia. Once dos trece Estados redactaron as súas propias constitucións inspiradas nos principios da Declaración de Virxinia.
O resultado final foi a aprobación dunha Constitución en 1787, que supuña a primeira plasmación práctica dos principios do liberalismo político contemporáneo: a organización dun poder federal e o establecemento efectivo da división de poderes.
- Poder executivo: recae nunha institución federal común (o presidente dos EE.UU.), elixido por sufraxio indirecto, aínda que os Estados reservan para si amplas competencias.
- Poder lexislativo: organízase en dúas Cámaras: o Senado, que representa aos Estados de modo equiparado, e a Cámara de Representantes, fruto da elección popular de acordo co peso demográfico do Estado.
O equilibrio de poderes entre as dúas cámaras lexislativas e de estas fronte ao presidente fai desta constitución unha norma moi estable que aínda segue en vigor.