Riscos xeolóxicos externos: tipos, causas e métodos de predición e prevención
Diapiros ou domos salinos
Son masas de rochas salinas situadas entre os estratos das rochas, que a causa da súa baixa densidade tenden a ascender provocando inestabilidade no terreo, que mesmo pode chegar a afundirse pola disolución do sal. Detéctanse por métodos gravimétricos e corríxense inxectando no subsolo materiais que reenchan as gretas.
Riscos xeolóxicos externos
a) Riscos xeomorfolóxicos ou erosivos naturais e inducidos
Inclúense aquí todos os riscos orixinados por movementos no terreo nos que intervén a gravidade, ademais doutros factores naturais ou antrópicos.
Factores condicionantes
Son os que favorecen o movemento:
- Litolóxicos: materiais blandos, alterados, soltos e pouco cohesionados, produto da meteorización.
- Estruturais: presenza de fracturas, gretas e planos de debilidade nas rochas.
- Climáticos: chuvias torrenciais ou fenómenos de xeo-desxeo (en montañas ou zonas frías).
- Hidrolóxicos: estancamento de auga e capas con diferente permeabilidade.
- Topográficos: pendentes superiores ao 15 % conlevan risco.
- Vexetación: os vexetais ben enraizados impiden estes movementos, mesmo en zonas inclinadas.
Factores desencadeantes
Os factores que desencadean o movemento poden ser naturais ou inducidos:
- Naturais: fortes precipitacións, inundacións, terremotos, erupcións, fenómenos de xeo-desxeo, etc.
- Inducidos: construción de taludes artificiais en diferentes obras, desforestación, estancamento de auga por asfaltado ou exceso de rego, explosións en canteiras ou na construción, etc.
Tipos de movementos
Reptación (creep)
Descenso por gravidade lento pero continuo do solo ou da capa máis superficial. Inflúe a presenza de materiais blandos, como arxilas, que se hidratan e deshidratan facilmente. O movemento obsérvase pola inclinación de árbores, postes ou vallas, e os materiais desplazados acumúlanse na parte baixa da ladeira adoptando formas convexas.
Coadas de lama ou lodo
Fluxo continuo e rápido de materiais viscosos, como barro ou lodo empapados en auga, sen plano de rotura.
Solifluxión
Fluxo similar ás coadas de lama, do que se distingue porque é lento, ao ser a combinación de dous movementos: fluxo e reptación.
Deslizamentos
Son movementos de rochas ou solo ladeira abaixo a favor dunha superficie de rotura ou despegue. A velocidade da masa desplazada é a mesma en todos os puntos e débese á acción de tres forzas: gravidade, rozamento e cizalla.
Desprendementos
Caída brusca de rochas ailladas ou fragmentos, favorecida pola pendente e a existencia de gretas no terreo. Poden ser: caída libre, rodadura ou tombo.
Avalanchas
Desprendementos masivos en seco de bloques de rocha; inclúense aquí os aludes de neve.
Métodos de predición e prevención
A predición espacial, baseada en delimitar zonas de risco, é sinxela e faise por observación directa de sinais de erosión no campo ou deformacións nos taludes, entre outros indicadores.
Afundimentos
Son movementos do terreo na vertical, de orixe natural e inducida. Hai dous tipos:
- Subsidencia: o afundimento é lento e paulatino. Ocorre, por exemplo, por asentamento do solo tras a extracción de fluídos subterráneos como auga ou petróleo.
- Colapso: derrubamentos bruscos na vertical, como o afundimento de covas en terreos cársticos.
Que é o relevo cárstico?
Este relevo fórmase por disolución de rochas solubles, como calizas (carbonato cálcico) e xesos, pola acción da auga + CO2 (tipo de meteorización química).