El sector primario: agricultura, ganadería, pesca y explotación forestal

Clasificado en Geografía

Escrito el en español con un tamaño de 13,87 KB

O SECTOR PRIMARIO

Comprende as actividades económicas dedicadas a obter recursos directamente da natureza, como a agricultura, a gandería, a explotación forestal e a pesca. Os conceptos de espazo agrario e espazo rural, utilizados ás veces como sinónimos, non significan exactamente o mesmo:

O ESPAZO AGRARIO

Inclúe só o territorio concreto onde se practican as actividades agrarias que comprende as terras cultivadas, os pastos, as praderías e os bosques.

O ESPAZO RURAL

Inclúe todo o espazo «non urbano» que comprende, polo tanto, o espazo agrario e aquelas terras onde se instalan outras actividades que ata hai pouco eran máis propias da cidade, como zonas de ocio, centros comerciais, urbanizacións, fábricas, etc.

AS ACTIVIDADES AGRARIAS

Dentro do sector primario son maioritarias, que inclúen :

A AGRICULTURA

Dedícase ao cultivo da terra para obter vexetais. Proporciona alimentos para as persoas (trigo, produtos de horta), forraxes para o gando (millo, alfalfa) e materias primas para a industria (liño).

A GANDERÍA

Dedícase á cría de animais para o seu aproveitamento polos seres humanos. Esta actividade proporciona alimentos (carne, leite, ovos), fertilizante, materias primas para a industria (coiro, la) e, en certos casos, forza de traballo.

A EXPLOTACIÓN FORESTAL

Consiste no aproveitamento dos bosques. Proporciona alimentos (froitos, cogomelos) e materias primas para certas industrias (moble, papel).

A POBOACIÓN AGRARIA

As actividades agrarias ocupaban, no ano 2013, o 36,8 % da poboación mundial. Existen grandes contrastes entre países.

Nos paises máis atrasados

As actividades agrarias son maioritarias, e adoitan empregar máis do 50 % da poboación e achegan máis do 10 % da riqueza nacional. Nalgúns países, localizados sobre todo na África subsahariana, estas actividades ocupan a máis do 80 % da poboación e proporcionan máis do 50 % da riqueza.

Nos paises máis avanzados

En cambio, as actividades agrarias son minoritarias, xa que ocupan a menos do 10 % das persoas e representan unha escasa proporción na riqueza dos países. Xeralmente, menos do 4 % do Produto Interior Bruto (PIB).

A PAISAXE AGRARIA

Os sistemas de cultivo son os procedementos empregados polos agricultores para obter os produtos agrarios:

A VARIEDADE DE CULTIVOS

Fálase de monocultivo cando as parcelas se dedican a un só tipo de cultivo, e de policultivo cando se dedican a varios.

A AUGA QUE RECIBEN AS PLANTAS

Os cultivos son de secaño se reciben só a auga de chuvia; ou de regadío, se o agricultor lles achega auga adicional procedente de ríos, pozos ou fontes. O regadío require cuantiosos investimentos en infraestruturas por parte dos agricultores; isto explica que, especialmente nas zonas secas, se limite a cultivos que alcanzan un alto valor no mercado.

O MODO DE OCUPACIÓN DO SOLO

Pode darse o cultivo continuo da terra, sen deixala descansar; ou a rotación, consistente na sucesión regular de cultivos nas parcelas.

O APROVEITAMENTO DA TERRA

A agricultura pode ser intensiva, se a terra se aproveita ao máximo; ou extensiva, no caso contrario. Nos dous casos, os rendementos ou produción por superficie poden ser altos ou baixos, xa que dependen dos investimentos de capital realizados e da tecnoloxía empregada.

OS TIPOS DE AGRICULTURA

A AGRICULTURA TRADICIONAL utiliza unha tecnoloxía atrasada e emprega moito traballo e man de obra. A produción é escasa e destínase ao autoconsumo. Este tipo de agricultura é propia de espazos con baixo nivel de desenvolvemento de África, o sueste asiático e América Latina.

A AGRICULTURA ITINERANTE OU DE ROZA

A paisaxe agraria está formada por parcelas irregulares, abertas no bosque tras «rozar» ou cortar as árbores e queimalas xunto á maleza. Nelas practícase un policultivo de cereais e outros produtos destinados ao autoconsumo, como sorgo, paínzo, millo, mandioca, iñame, batata, etc. O solo cultívase de forma continua, polo que se esgota en dous ou tres anos. Entón, o agricultor trasládase a outro lugar e repite o proceso.

A AGRICULTURA SEDENTARIA DE SECAÑO

A paisaxe agraria componse de hortas e follas de cultivo. As hortas sitúanse próximas ás vivendas e fertilízanse con lixo e fertilizante animal. Isto permite o cultivo continuo de hortalizas, millo ou feixóns. As terras dos arredores da aldea divídense en follas de cultivo, nas que rotan un cultivo principal (paínzo ou millo), outro complementario (cacahuete ou tubérculos) e barbeito, onde o gando fertiliza a terra cos seus excrementos. Con este sistema, o solo non se esgota, o que permite o asentamento permanente da poboación.

A AGRICULTURA IRRIGADA MONZÓNICA

Localízase na zona de clima tropical monzónico do sur e sueste de Asia, en países como China, Vietnam, Cambodia ou Filipinas. A paisaxe agraria típica é o arrozal, situado nas chairas aluviais e os deltas dos ríos. Dedícase ao cultivo do arroz en pequenas parcelas inundables, separadas por diques. As técnicas de cultivo son moi minuciosas, e este sistema permite unha produción continua, con dúas ou tres colleitas anuais.

A AGRICULTURA DOS PAÍSES AVANZADOS

É a máis estendida desde a década de 1940, e o seu obxectivo é a produción en masa de productos agrícolas. Para conseguilo, usa produtos químicos, fertilizantes inorgánicos e maquinaria, e aplica os avances da biotecnoloxía, como sementes transxénicas.

A AGRICULTURA PRODUTIVISTA

A agricultura produtivista utiliza os avances tecnolóxicos (fertilizantes químicos e naturais, herbicidas, pesticidas), a mecanización e os avances científicos para obter altos rendementos con pouca man de obra. A produción agraria é masiva, e especialízase nos produtos máis adecuados ao medio físico ou nos máis rendibles para a venda no mercado.

A AGRICULTURA DOS PAÍSES NOVOS

Localízase en América do Norte e Australia, nos países que foron colonizados por europeos durante as épocas moderna e contemporánea. A paisaxe agraria organízase en parcelas de gran tamaño e forma regular, pertencentes a agricultores moi preparados ou a grandes empresas multinacionais. Nelas cultívanse productos especializados en función do clima. O uso de técnicas avanzadas permite unha producción masiva destinada ao mercado internacional.

A AGRICULTURA DE PLANTACIÓN

Localízase nas áreas costeiras de clima tropical húmido do sueste de Asia, e o golfo de Guinea, en África. A paisaxe agraria caracterízase por enormes parcelas, dun só cultivo, pertencentes polo xeral a empresas multinacionais de países desenvolvidos. Nelas cultívanse productos de gran demanda nos países ricos, tanto alimenticios (banana, piña, café, cacao, cana de azucre) como industriais (caucho, algodón, aceite de palma). O uso conxunto de técnicas avanzadas (sementes seleccionadas, fertilizantes, praguicidas aplicados desde avións, etc.), e de abundante man de obra asalariada, necesaria para algunhas tarefas, permite unha produción en masa e barata orientada ao mercado internacional.

A AGRICULTURA ECOLÓXICA, POSTPRODUTIVISTA OU ORGÁNICA

Utiliza técnicas respectuosas co medio, polo que non emprega produtos químicos de síntese. Por iso, recorre aos fertilizantes orgánicos e á rotación de cultivos para evitar o desgaste do solo, e combate as pragas mediante métodos naturais. Estas técnicas requiren máis traballo que a agricultura produtivista e proporcionan unha produción moderada e máis cara; pero máis variada e de maior calidade. Destínase a un crecente número de consumidores verdes, dispostos a pagar máis por este tipo de productos, localizados sobre todo en América do Norte e en Europa. Os seus cultivos máis representativos son os cereais, o café, a oliveira e o cacao.

OS SISTEMAS GANDEIROS

Os sistemas ou procedementos empregados para criar o gando permiten diferenciar entre gandería extensiva e intensiva.

Na GANDERÍA EXTENSIVA

O gando pasta ao aire libre en grandes extensións. Polo tanto, require escasos investimentos en man de obra e capital. Nunhas ocasións, é complementaria da agricultura, proporcionándolles aos agricultores alimentos, forza de traballo e fertilizante. Noutras, é a actividade dominante, sobre todo en zonas con características naturais desfavorables para o cultivo.

Na GANDERÍA INTENSIVA

O gando refúxiase en cortes e aliméntase total ou parcialmente con pensos. Por iso, esixe elevados investimentos en instalacións, selección de razas, tecnoloxía, alimentación e coidados veterinarios.

Os usos e costumes, e así teriamos: A GANDERÍA TRADICIONAL A gandería tradicional é extensiva. En xeral, responde a dous modelos:

Na GANDERÍA NÓMADE

O gando desprázase continuamente en busca de pastos. É característica de pobos que viven nos bordos dos desertos, como os tuareg do Sáhara e os beduínos da Península arábiga.

Na GANDERÍA TRANSHUMANTE

O gando desprázase estacionalmente entre pastos de inverno e de verán. É propia dalgunhas rexións montañosas de América, Asia e o norte de África.

A GANDERÍA PRODUTIVISTA

Busca obter a máxima produción para vendela no mercado. Nuns casos é extensiva, e, noutros, é intensiva.

EXTENSIVA

Cría ao aire libre enormes cantidades de gando; é o caso dos ranchos norteamericanos e australianos ou das estancias da Pampa e da Patagonia arxentinas.

INTENSIVA

Cría gando estabulado alimentado con pensos, seleccionado xeneticamente, con coidados veterinarios e tarefas mecanizadas: control informático da alimentación, muxidura mecánica, etc.

A GANDERÍA ECOLÓXICA

É respectuosa co medio e co benestar animal. Por iso, emprega sistemas semiextensivos; non alimenta o gando con pensos; non utiliza a estabulación permanente nin estimuladores do crecemento; limita ao imprescindible a medicación e cría razas autóctonas. A produción resultante é moderada e máis cara, pero de alta calidade

OS ESPAZOS FORESTAIS

A superficie forestal da Terra é arredor do 30% da superficie terrestre. Existen diferentes tipos de bosques:

-Os BOSQUES ECUATORIAIS E TROPICAIS HÚMIDOS localízanse na zona cálida. Están constituídos por árbores altas, de madeira dura, e contan con moitas especies mesturadas. Por iso, é necesario deforestar enormes superficies para explotar as especies máis rendibles, como a caoba, o ébano e a teca.

-Os BOSQUES TEMPERADOS esténdense polas latitudes medias. Están compostos por árbores menos altas, que aparecen reunidas formando masas homoxéneas. Os máis rendibles, como o carballo, a faia ou o castiñeiro, foron moi explotados en épocas pasadas. Na actualidade, foron substituídos en ocasións por especies non autóctonas de maior rendibilidade económica, como o piñeiro ou o eucalipto.

-Os BOSQUES BOREAIS OU DE TAIGA crecen nas latitudes altas da zona temperada. Son bosques densos constituídos por poucas especies, xeralmente de madeira branda. Entre elas predominan as coníferas, como o piñeiro, o abeto e o bidueiro.

A PESCA. A UTILIZACIÓN DO MAR

A PESCA é a actividade destinada a obter produtos do mar. Proporciónalles alimentos ás persoas, e materias primas á industria, como conservas, conxelados, aceites, fariñas, fertilizantes, etc. As zonas do mar onde a pesca é especialmente abundante reciben o nome de caladoiros. Os caladoiros máis importantes do mundo localízanse en zonas onde abunda o placto. Isto ocorre en áreas con extensas plataformas continentais, como os mares de Xapón e do Norte; nas zonas percorridas por correntes mariñas frías, como as costas de Terranova, en Canadá, ou en zonas de confluencia dunha corrente cálida e outra fría, como a costa pacífica americana.

OS SISTEMAS DE PESCA

Os sistemas ou procedementos de pesca utilizados na actualidade son moi variados, o que obriga a realizar varias clasificacións:

SEGUNDO O LUGAR ONDE SE PRACTICA E A SÚA DURACIÓN

Distínguese entre pesca de baixura, próxima ao litoral e diaria; de altura, afastada da costa e de días ou semanas de duración; e de grande altura, realizada en mar aberto durante varios meses.

SEGUNDO O NIVEL DE DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO DAS EMBARCACIÓNS

, pode ser:

A pesca artesanal utiliza barcos pequenos, tecnoloxía tradicional e escasa man de obra, polo que a produción é reducida e se destina ao mercado local.

A pesca industrial utiliza barcos-factoría de gran tamaño, tecnoloxía moderna (radar, sónar) e numerosa man de obra, polo que a produción é abundante e se destina á comercialización no mercado nacional ou mundial.

Os PROBLEMAS PESQUEIROS principais son tres:

1) A sobrepesca, que provoca o esgotamento dos recursos mariños.

2) A contaminación do mar, que deteriora os recursos mariños.

3) A dificultade crecente de acceso aos caladoiros doutros países, tras o recoñecemento, en 1982, dunha zona exclusiva de pesca de 200 millas náuticas (370 km) fronte á costa de cada país.

As POLÍTICAS PESQUEIRAS dos países e os organismos internacionais buscan solucións para os problemas anteriores. Entre elas destacan a prohibición das técnicas de pesca máis daniñas, o establecemento de cotas de capturas, a implantación de medidas contra a contaminación, a firma de acordos pesqueiros entre países, e o fomento da acuicultura ou cría de peixes, crustáceos e moluscos.

Entradas relacionadas: