Teatro Galego do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3 KB
O Teatro do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós
No primeiro terzo do século XX, o teatro, ao igual que a prosa ou a poesía, experimentou un desenvolvemento que deixou atrás o costumismo, o folclorismo e os ambientes rurais que caracterizaran a dramaturxia anterior. As Irmandades da Fala orientaron cara a este xénero unha parte importante das súas actividades, e tamén as vangardas e os autores de Nós contribuíron a este proceso de modernización artística.
As Irmandades da Fala e o Teatro
As Irmandades da Fala programaban actuacións teatrais por toda Galicia. Moitos escritores crearon obras para fomentar o teatro entre as clases populares, principalmente nas cidades. A man de Santiña (1919) de Ramón Cabanillas foi composta para a inauguración do Conservatorio Nazonal de Arte Dramática, institución que máis tarde pasaría a denominarse Escola Dramática Galega. É unha peza de temática amorosa, desenvolvida nun ambiente de clases altas. O Mariscal (1925) é unha traxedia histórica que recrea a figura de Pedro Pardo de Cela como símbolo da rebelión fronte a Castela.
As Vangardas e a Renovación Teatral
Entre os autores da época das vangardas destaca Rafael Dieste e a súa obra A fiestra baldeira (1927). Nela, un indiano rico que fora mariñeiro encarga un retrato a un pintor e suscítase un debate sobre o que debe aparecer na ventá que o artista dispón detrás da súa figura, un xardín fidalgo ou unha paisaxe mariñeira con barcos amarrados ao peirao, que serve para facer unha reflexión simbólica sobre a identidade e a asunción da historia persoal.
O Grupo Nós e a Modernización do Teatro
Para os membros da xeración Nós, a modernización das nosas letras pasaba tamén polo teatro. Desvincularon o teatro da función propagandística e depurárono de elementos costumistas a favor dos poéticos e simbólicos, incorporando tendencias da dramaturxia europea da época. O bufón de El-Rei (1928), de Vicente Risco, é un drama simbolista situado nunha corte medieval: unha raíña adúltera e o seu amante son delatados ante o monarca polo seu bufón, cheo de celos. Ramón Otero Pedrayo escribiu A lagarada (1928), unha traxedia rural de fondo dionisíaco ambientada nun Ribeiro de pazos, campesiños, fidalgos e cregos.
Castelao e o Teatro de Arte Total
A única peza dramática de Castelao, Os vellos non deben de namorarse non puido ser estreada ata 1941, en Bos Aires. Concibida como un espectáculo integral, de «arte total» (texto, música, danza, luminotecnia, escenografía...) componse de tres lances. Cada lance presenta unha historia de amor entre un vello e unha rapaza nova que remata coa morte do vello. Esta obra teatral foi un proxecto moi querido por Castelao, que a consideraba «unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato» e ten unha posta en escena vinculada ao movemento expresionista.