O Teatro Galego na Ditadura: Xeración dos 50 e Grupo de Ribadavia (1936-1976)

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,25 KB

O Teatro Galego entre 1936 e 1976: A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

A Guerra Civil de 1936 provocou un silencio editorial e literario que comezou a superarse a comezos dos anos 50. O mesmo aconteceu co teatro, cuxa produción se compensou co traballo dos autores exiliados en América. Desde Arxentina destacaron figuras como Castelao (con Os vellos non deben de namorarse, 1941), Rafael Dieste (con A fiestra valdeira, 1958) e Eduardo Blanco Amor (con Farsas para títeres, 1973). En Galicia, o teatro comezou a recuperarse coa editorial Galaxia. Álvaro Cunqueiro, con O incerto Señor Don Hamlet (1959), marcou a consolidación dese proceso. É unha obra moderna e de gran calidade, cunha linguaxe rica e dramática, que encarna unha profunda reflexión sobre a identidade e a existencia.

O Teatro da Xeración dos 50

Os autores desta xeración cultivaron o teatro nun contexto histórico e cultural (o franquismo) no que a estrea das súas obras foi case imposible, polo que a maioría permaneceu inédita ou foi considerada como "teatro para ler".

Manuel María

Manuel María publicou 23 pezas teatrais e compuxo outras 19 inéditas, incluíndo textos infantís, autos, farsas e dramas épicos. A súa obra teatral iniciouse en 1961 con Auto do labrego. A finais dos anos 60 publicou obras máis educativas como Barriga Verde ou Abril de lume e ferro (1975).

Xohana Torres

Xohana Torres destaca con obras como A outra banda do Iberr (1965), de carácter político e desenvolvida arredor do río Iberr, onde se refuxian exiliados de esquerdas. Os protagonistas son membros dunha familia dividida pola ideoloxía. Tamén escribiu Hotel de primeira sobre o río, onde denuncia a expropiación de terras.

Bernardino Graña

Bernardino Graña escribiu Vinte mil pesos grime (1962) e Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) en 1979. Nelas critica o poder do diñeiro e a vida alienada do ser moderno.

Outros Autores Destacados

Tamén destacan Xosé Luís Franco Grande (con Vento choído) e Arcadio López Casanova (con Orestes).

O Grupo de Ribadavia

En 1973, a agrupación "Abrente" convocou a 1ª Mostra de Teatro de Ribadavia, na que participaron 7 grupos. Estas mostras, celebradas ata 1980, deron vitalidade ao teatro galego e motivaron a aparición de novas iniciativas. Arredor destas mostras xurdiu o Grupo Abrente ou Grupo de Ribadavia, formado por dramaturgos que exploraron novas tendencias e mantiveron a profesionalidade no eido teatral. Nel inclúense autores como Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Roberto Vidal Bolaño.

Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo reflicte no seu teatro mítico a denuncia do presente mediante a recreación da mitoloxía grecolatina (O perfil do crepúsculo). No seu "teatro mínimo" ou "ciclo de teatro urxente" destaca Veladas Indecentes, onde elimina o innecesario para a posta en escena.

Euloxio R. Ruibal

Euloxio R. Ruibal pasou por varias etapas. O Cabodano é un exemplo da súa primeira etapa, caracterizada por simbolismos e técnicas expresionistas e cinematográficas, empregadas para desenvolver o enfrontamento ideolóxico. Durante a súa madurez, xurdiu unha etapa máis sobria e irónica na que denuncia os métodos mafiosos de certos persoeiros (Azos de esguello, 1989), ou nos alerta sobre a política medioambiental (Mareima).

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño dedicouse exclusivamente ao teatro. Fundou as compañías Antroido e Teatro de Aquí. Iniciouse como dramaturgo con Laudamuco, señor de ningures, obra na que analiza os mecanismos do poder. Con Agasallo de sombras rende homenaxe a Rosalía de Castro. Saxo Tenor aborda a aculturación das cidades. Tamén destacan outras obras como Días sen gloria, Doentes, Rastros, entre outras.

Entradas relacionadas: