Tectónica de Placas: Dinámica Terrestre e Formación Xeolóxica
Clasificado en Geología
Escrito el en español con un tamaño de 4,19 KB
Que permite explicar a teoría da expansión?
- A distribución dos sedimentos nas cuncas oceánicas.
- O incremento da idade dos fondos oceánicos ao afastarse da dorsal.
- A distribución do bandeado magnético na codia oceánica.
- A importante actividade volcánica e sísmica das dorsais.
A Tectónica de Placas
Esta teoría xurdiu a finais dos anos 60 e xuntou as ideas da deriva continental e dos fondos oceánicos. Sinala que a litosfera se move, e explica as causas destes movementos e as súas consecuencias.
1. Composición e Estrutura das Placas Litosféricas
A litosfera está dividida nun conxunto de fragmentos ríxidos chamados placas. As placas son anacos de litosfera cun grosor entre 50 e 200 km e posúen unha extensión superficial moi variable. A maioría delas conteñen litosfera continental e litosfera oceánica.
Existen sete grandes placas litosféricas:
- Euroasiática
- Africana
- Indoaustraliana
- Pacífica
- Norteamericana
- Suramericana
- Antártica
2. Tipos de Límites de Placa
Os límites ou bordos das placas litosféricas poden ser de tres tipos:
- Límites diverxentes ou dorsais, onde se xera nova litosfera.
- Límites converxentes ou zonas de subdución, nas que se destrúe litosfera.
- Fallas transformantes ou límites conservativos, nas que nin se crea nin se destrúe litosfera, senón que unha placa se despraza lateralmente respecto a outra.
3. Movemento das Placas Litosféricas
As placas litosféricas desprázanse sobre os materiais dúctiles do manto sublitosférico. Fano a unha velocidade entre 1 e 12 cm/ano, seguindo distintas direccións.
Como entre as placas non existen ocos, o movemento de calquera delas afecta tamén ás que a rodean e provoca afastamento ou aproximación de continentes e, incluso, colisións entre eles. Por isto, os límites de placa son as zonas da Terra onde máis actividade xeolóxica hai. Neles orixínanse a maior parte de volcáns e sismos.
4. Causas dos Desprazamentos das Placas
Os desprazamentos das placas litosféricas son causados pola enerxía térmica do interior terrestre e a enerxía gravitacional.
- A enerxía térmica impulsa as correntes de convección do interior terrestre e permite a existencia dun manto dúctil baixo a litosfera, xa que sen ela non habería tectónica de placas.
- A enerxía gravitacional é responsable de que se produza a subdución, e unha vez iniciada, o extremo frío e denso da litosfera subducida tira da parte superficial da placa e arrástraa.
5. Renovación da Litosfera Oceánica e Continental
A litosfera oceánica é renovada continuamente, mentres que a litosfera continental ten un carácter máis permanente. A formación de nova litosfera nas dorsais e a súa destrución nas zonas de subdución explica que a antigüidade dos fondos oceánicos sexa inferior a 180 millóns de anos, mentres que nos continentes atopamos rochas de case 4000 millóns de anos.
6. Evolución das Placas ao Longo da Historia Terrestre
Ao longo da historia da Terra non só cambiou a posición das placas litosféricas ou a súa forma e tamaño, senón que tamén o seu número. As causas disto son a creación de litosfera nas dorsais, a súa destrución nas zonas de subdución, e os procesos de división e unión de placas.