Terminoloxía Esencial da Arte Clásica: Arquitectura e Escultura
Clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en
español con un tamaño de 7,14 KB
Termos de Arquitectura e Construción
- Aparello almofadado: técnica para a construción de muros de sillería, ou perpiaño, coas xuntas biseladas e afundidas. Existen diferentes variedades: corrido, en caveto, en chaflán, ligado.
- Arquitrabe: elemento arquitectónico horizontal que constitúe a parte inferior do entaboamento e descansa directamente sobre o capitel dunha columna.
- Arquivolta: cara frontal dun arco ou rosca cando está decorada. En plural: conxunto de arcos abucinados que constitúen unha portada.
- Basa: parte inferior dunha columna, dunha pilastra, ou dun piar, que descansa directamente sobre o chan e sobre a que repousa o fuste. A basa ática está formada por dous touros separados por unha escocia.
- Capitel composto: elemento arquitectónico colocado sobre o fuste da columna ou pilastra, e que soporta directamente o arquitrabe, arco... Acostuma estar decorado adoptando formas e proporcións moi diferentes segundo a orde arquitectónica. No caso da orde composta romana, o capitel reúne as volutas propias da orde xónica coas dúas filas de follas de acanto características da corintia. Pode incluír outros elementos non canónicos, como por exemplo figuras humanas.
- Capitel corintio: aquel composto por un núcleo central en forma de campá invertida, decorado na súa parte inferior por dúas ringleiras de follas de acanto superpostas; na parte superior e nos ángulos dispóñense catro volutas chamadas caulículos. O capitel aparece rematado por un ábaco delgado. Este capitel, o máis tardío da Grecia clásica, é o máis utilizado na época helenística e na arquitectura romana, renacentista e neoclásica.
- Capitel dórico: é o máis antigo da Grecia clásica e consta dun colariño (aneis de transición entre o fuste e o equino), equino (que ten a función de pasar da sección circular do fuste á cadrada do ábaco) e o ábaco (paralelepípedo que descansa sobre o equino e sostén o entaboamento). Baixo o equino dispóñense tamén "armillas", pequenos afundimentos horizontais que facilitan a transición ao fuste.
- Capitel xónico: é o segundo no tempo na Grecia clásica. Consta dun equino adornado con ovas e frechas; dun elemento característico: as volutas. Estas son curvas espirais, no seu centro destaca un pequeno disco ou ollo (oculus). Sobre elas sitúase un estreito ábaco rectangular sobre o cal descansa o arquitrabe.
- Contraforte: obra maciza de albanelería, pegada como reforzo para soportar a presión lateral ou os empuxes dun machón. É característico do Románico e do Gótico.
- Cornixa: parte superior e sobresaínte do entaboamento dun edificio, sendo xeralmente horizontal e con molduras. En Grecia adquiriu gran importancia pois era un dos tres elementos de que constaba o entaboamento. Cada orde arquitectónica clásica tiña un tipo de cornixa, que foi herdada por Roma. A cornixa clásica perdeuse na Idade Media e recuperouse co Renacemento.
- Cúpula: bóveda semiesférica que xeralmente cobre un espazo cadrado. A cúpula é enxendrada pola rotación dun arco e, en xeral, toma o nome deste, excepto cando é de medio punto, neste caso chámase semiesférica ou de media laranxa. O paso da planta rectangular á base circular ou octogonal da cúpula dáse por medio de trompas* ou pechinas*. Para acadar unha maior elevación da cúpula adoita situarse sobre un tambor. Pode culminar cun cupulino, chamado lanterna cando permite iluminar o espazo interior.
- Doela: cada unha das pezas en forma de cuña que, dispostas radialmente, constitúen un arco.
- Entaboamento: na arquitectura clásica chámase así á estrutura superior dun edificio integrada polo arquitrabe, o friso e a cornixa. Por extensión, recibe tamén este nome calquera elemento horizontal sostido por columnas ou piares.
- Éntase: mecanismo de corrección visual típico da arquitectura clásica grega consistente nun engrosamento do fuste das columnas na súa parte media, coa intención de xerar, por efecto da perspectiva, a impresión de que o fuste semelle recto.
Conceptos de Escultura e Representación
- Baixorelevo: composición esculpida sobre unha superficie cuxas figuras ou elementos decorativos sobresaen dela menos da metade do vulto, é dicir, sen despegarse considerablemente do fondo.
- Contrapposto: (tamén chamado chiasmo): voz italiana referida á maneira de dispoñer harmonicamente as partes do corpo humano, especialmente cando algunhas delas se dispoñen en movemento ou tensión estando as súas simétricas en repouso. A súa versión máis clásica consiste nunha disposición balanceada da figura, na que a perna sobre a que descansa o peso do corpo, en tensión, correspóndese co brazo do mesmo flanco en repouso; namentres que a perna oposta, en repouso, compleméntase nese lado co brazo en tensión. Ideado na Grecia clásica, foi moi empregado de novo a partir do Renacemento, e moi especialmente polos artistas manieristas.
- Curva praxiteliana: incurvación esaxerada da cadeira que resulta dun contrapposto moi acusado, xerando así trazos compositivos curvilíneos (en forma de "S") que acentúan tanto a sensación de dinamismo como a sensualidade da figura. Este recurso escultórico debe o seu nome ao xenial escultor grego Praxíteles, e atopámolo por exemplo no seu "Hermes con Dionisio".
- Escultura de vulto redondo: o "vulto redondo" ou a "escultura de vulto redondo" é aquela executada en tres dimensións e illada no espazo, de modo que se poida contemplar desde calquera punto de vista. Denomínase tamén "exenta".
- Escultura exenta: escultura de vulto redondo.
- Estatua columna: estatua de canon xeralmente esvelto, adosada ao fuste dunha columna e da súa mesma altura aproximadamente, características das portadas dalgunhas igrexas do século XII, como por exemplo as ubicadas no chamado Pórtico Real da Catedral de Chartres.
- Estatua ecuestre: tipoloxía escultórica na que se representa ao retratado a cabalo co fin de exaltar a súa dignidade e capacidade de liderado. É orixinal da Antiga Roma, onde tiñan unha función conmemorativa, e acostumaban adicarse a líderes militares e estadistas da orde ecuestre, ou tamén aos propios emperadores. P. ex. Retrato de Marco Aurelio.
- Técnica de panos mollados: técnica escultórica moi empregada no relevo especialmente, e que consiste en representar as transparencias do corpo humano producidas cando a roupa está mollada. Deste xeito, ao adherirse ao corpo, as teas deixan entrever as formas anatómicas, dotando ás figuras de sensualidade e dinamismo, e intensificando tamén a sutilidade dos xogos lumínicos. Fidias empregouna no Partenón (de aí que tamén reciban o nome de "panos fidíacos"), e posteriormente foi frecuente tamén no relevo romano.