A Transformación Global: Impactos da Revolución Industrial e o Imperialismo

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 14,35 KB

A Revolución Industrial e as súas Consecuencias Globais

Revolución Demográfica e o seu Impacto na Industrialización

De xeito paralelo á Revolución Industrial tamén se produciu un crecemento demográfico. A poboación inglesa triplicouse e aumentaron tamén os recursos agrarios; estes feitos favoreceron a industrialización inglesa.

Este cambio na demografía de mediados do século XVIII é consecuencia de varios feitos: mantense unha alta natalidade, pero descende de xeito notable a mortalidade debido a varios avances relacionados tamén coa industrialización, como a mellora da dieta (novas técnicas, novos medios de transporte, maior cantidade), avances na medicina (vacina da varíola) e mellora das condicións hixiénicas (potabilización da auga).

Esta revolución demográfica foi un dos feitos que axudou a que se producise a Revolución Industrial e Agraria, xa que ao haber máis poboación, había máis man de obra e tamén máis demanda.

As Leis de Cercamento e as súas Consecuencias

Antes da chamada Revolución Agrícola, o territorio inglés eran grandes campos abertos ou openfield que se explotaban de forma colectiva. Isto beneficiaba ao campesiñado máis pobre, xa que obtiña produtos naturais. Porén, no século XVIII creáronse as Leis de Cercamento, que establecían que as grandes terras comunais pasaban a dividirse en parcelas privadas e valadas.

Varias consecuencias destas leis de cercados foron:

  • A marcha do campesiñado cara á cidade: as persoas que quedaron sen terra víronse obrigadas a buscar traballo nas cidades, onde pasaron a formar parte do persoal de fábricas ou do proletariado industrial.

  • Aumento da produtividade da terra: grandes explotacións nas que se mecanizaron labores e se introduciron innovacións técnicas como o arado de Rotherham ou a colleitadora mecánica.

  • Estabulación do gando e rotación de cultivos: debido aos cercados, tívose que estabular o gando, que comezou a ser alimentado con plantas forraxeiras. Para dispoñer de certas plantas, tívose que aplicar o sistema de rotación cuadrienal de cultivos ou Sistema Norfolk. Neste sistema eliminábanse os barbeitos e cultivábanse algunhas plantas como os nabos, que axudaban a manter a fertilidade da terra.

Interconexión entre o Desenvolvemento Agrario e o Despegue Industrial en Gran Bretaña

O desenvolvemento agrario e o aumento da produtividade (ata o 90%) foron feitos que propiciaron o arranque da industria, xa que o campo subministraba alimentos, materias primas e man de obra que ían destinadas ás fábricas e industrias. Como había máis poboación e se obtiña máis ganancia da agricultura, demandábanse máis produtos industriais. Todo isto estimulou a produción e motivou a Primeira Revolución Industrial.

A Industria do Algodón: Motor da Transformación Industrial

O sector do algodón foi o motor e o que dirixiu toda unha serie de cambios e desenvolvemento nas industrias nos anos seguintes. As necesidades que tiña a industria do algodón potenciaron o crecemento doutros sectores, como a agricultura (da que se obtiñan materias primas), a siderurxia (que proporcionaba maquinaria), a minaría (que trasladaba o mineral necesario para construír a maquinaria empregada ou o carbón necesario para facer funcionar as máquinas).

Grazas á elevada produtividade da industria do algodón e ao desenvolvemento do ferrocarril, houbo unha drástica redución nos prezos, xa que se abarataba o transporte.

Como podemos ver, durante aquela época os sectores industriais estaban totalmente entrelazados.

O Ferrocarril: Unha Revolución nos Transportes e a Economía

O ferrocarril supuxo unha gran revolución grazas á súa aplicación nos transportes. Ademais, George Stephenson construíu a primeira locomotora no ano 1825; no ano 1830 xa se creara a primeira liña férrea no Reino Unido.

As consecuencias deste invento foron:

  • Beneficiou a industria metalúrxica, xa que a súa produción medrou ao ter que fabricar trens e raís.

  • Gran desenvolvemento da enxeñaría civil, que tivo que deseñar estradas, túneles e pontes.

  • Facilitou o transporte de materiais pesados.

  • Acurtou o tempo das viaxes.

  • Abaratou o prezo das materias primas e dos produtos, xa que se reducía o custo por transporte.

  • Potenciouse a formación de grandes sociedades de capital e enormes investimentos.

  • Desprazamentos máis frecuentes.

Fundamentos do Liberalismo Económico na Era Industrial

A Revolución Industrial permitiu cambiar dunha economía mercantilista a unha liberal. Os tres principios básicos que rexían este liberalismo económico eran:

  • A defensa da propiedade privada.

  • A libre empresa, libre contratación e libre regulación, é dicir, a non intervención do Estado.

  • Un mercado libre rexido pola lei da oferta e a demanda. Segundo a cantidade que os compradores esixan, as empresas ofrecerán certa cantidade de produto e o seu prezo variará en función diso, respectivamente.

Adam Smith e a Teoría do Liberalismo Económico

O maior defensor deste liberalismo económico era Adam Smith. El escribiu unha obra na que recollía as súas principais e innovadoras ideas que serviron para teorizar o liberalismo, entre elas:

  • O mercado tense que rexer pola iniciativa privada e polo interese individual, xa que existe unha man invisible que regula o mercado sen a necesidade de que o Estado interveña. Este ten que reducir a súa función a proporcionar obras públicas, manter a xustiza, etc.

  • A non acumulación de capital, xa que a riqueza estaba no traballo humano.

  • A división técnica do traballo, é dicir, que cada persoa se especialice e realice exclusivamente unha fase do proceso produtivo.

Como oposición ás ideas liberais de Smith, xurdiron unhas máis pesimistas que defendían que:

  • O sistema tiña fallos, como as crises periódicas pola sobrepoboación.

  • A libre circulación dos produtos agrícolas era necesaria.

  • O Estado debía proporcionar certos servizos como educación, regulación laboral, etc.

A Sociedade de Clases na Revolución Industrial: Proletariado e Burguesía

Chámaselle sociedade de clases á nova estrutura social que xorde acompañada da Revolución Industrial. Nesta nova organización, o elemento clave é a riqueza que se posúe. A diferenza doutras organizacións, nesta sociedade si se pode cambiar de grupo, xa que as clases sociais eran abertas: non importaba a túa orixe, senón a túa riqueza e as posesións.

Xurdiron tres clases sociais:

Clase Baixa

Seguen sendo os sectores pobres tradicionais: xornaleiros, campesiños sen terra, etc. Porén, xorde nas cidades un novo grupo dentro desta clase chamado o proletariado. Este integrábano as persoas que traballaban nas fábricas, minas, etc., e que eran man de obra asalariada. Estas persoas non estaban cualificadas nin estaban acostumadas a esta situación e, en consecuencia, abusouse disto. As condicións ás que se vían sometidos eran terribles: baixos soldos, horas excesivas, etc. Isto comezou a cambiar a mediados do século XIX coa chegada do movemento obreiro.

Clase Media

Configurábana os comerciantes, artesáns, campesiños con terras, etc. Igual que o proletariado, eran os traballadores da clase baixa nas fábricas; tamén había integrantes da clase media. Estes eran traballadores cualificados como enxeñeiros, deseñadores, etc. No sector dos servizos tamén houbo cambios: creáronse novos postos como vixiante de comercio e estiveron en auxe as profesións liberais como avogados, médicos, profesores, etc. Desta forma, construíuse un corpo na administración, os chamados funcionarios.

Clase Alta

A nobreza perdeu o seu papel como grupo reitor da sociedade, pero mantivo a influencia e o status. Como consecuencia, triunfou a burguesía, que era o grupo que posuía as fábricas e o poder do capital. Neste grupo xorde unha importante figura que é a do empresario industrial. Estas persoas tiñan orixes diversas, pero o seu papel era vender os seus produtos, organizar a fábrica e innovar tecnicamente no seu negocio.

Innovacións na Produción: Taylorismo e Fordismo

  • Taylorismo: Nova forma de organización do traballo ideada por F. Taylor que se baseaba no automatismo do traballo do obreiro para reducir o tempo de realización das tarefas, fabricar produtos estándar e, polo tanto, abaratar os custos.

  • Fordismo: Innovación técnica derivada do enxeñeiro e empresario Henry Ford. Este foi o primeiro en levar á práctica principios ideados por Taylor como o traballo en cadea e a produción en serie. Isto aplicouno no mercado dos automóbiles.

A Revolución Meiji en Xapón: Transformación e Modernización

Denomínase Revolución Meiji á serie de feitos que cambiaron a estrutura política, económica e social en Xapón no século XIX.

Este país vivía nunha estrutura similar á feudal desde facía séculos. Porén, viuse obrigado a asinar un tratado no que abría os seus mercados, comezando así a adoptar modelos occidentais e iniciar a etapa do Xapón Meiji, ou Xapón ilustrado.

Ao principio deste novo período, é o Estado quen monopoliza a actividade empresarial: crea empresas públicas, subvenciona empresas privadas, promove o ensino obrigatorio e potencia a importación de tecnoloxías. Porén, cara a finais de século, o Estado permite que grandes capitalistas adquiran empresas que antes eran gobernamentais. Isto fai que cambie o panorama económico e que se viva unha situación de concentración industrial e financeira chamada zaibatsu.

A comezos do século XX, como consecuencia do desenvolvemento industrial e económico, a man de obra era barata e as taxas de produtividade elevadas. A poboación xaponesa non era capaz de asumir esas cantidades de produción, por iso se iniciou unha gran expansión cara ao Pacífico que fixo que Xapón se convertese nunha potencia mundial.

Factores e Fluxos das Migracións Transoceánicas (Séculos XIX-XX)

Durante finais do século XIX e principios do XX, viviuse un importante período de migracións, principalmente de Europa a territorios de ultramar. Diferentes factores que explican este feito son:

  • A alta taxa de crecemento natural: mantívose a natalidade alta e reduciuse a mortalidade grazas á mellora do nivel de vida, da hixiene e aos progresos na medicina, como a creación das vacinas.

  • Extensión da industrialización.

  • O desexo de fuxir da pobreza: os salarios eran máis elevados no destino da migración que na orixe.

  • A influencia das persoas xa emigradas que enviaban cartos e información positiva do lugar.

  • O abaratamento dos transportes.

  • Ausencia de restricións á entrada de inmigrantes.

  • A dispoñibilidade de terras sen explotar nos lugares de destino.

Principalmente, os europeos emigraron a Estados Unidos, xa que era unha das potencias do momento, a Canadá, Arxentina e Brasil.

En menor medida, os ingleses (principalmente) emigraron a Suráfrica, Alxeria, Australia, etc.

Tamén hai que mencionar os indios e chineses que emigraron a zonas de Asia con baixa densidade de poboación.

O Imperialismo: Causas e Xustificacións (Finais do Século XIX e Principios do XX)

Este modelo imperialista de finais do século XIX e principios do século XX viuse motivado pola expansión da industrialización. Os protagonistas desta expansión foron Estados Unidos, Xapón e as potencias europeas, que se espallaron cara a África e Asia principalmente.

As causas deste imperialismo son un cúmulo de factores económicos, políticos, ideolóxicos, relixiosos e científicos.

Factores Económicos

Coa chegada de novas potencias económicas ao mercado, establecéronse políticas proteccionistas. Por iso, as metrópoles víronse obrigadas a buscar novos lugares nos que introducir a súa produción. Ao mesmo tempo, buscaban nas colonias subministración de materias primas e fontes de enerxía.

Factores Políticos e Estratéxicos

As metrópoles tamén querían aumentar o territorio polo prestixio e a estratexia que supuña controlar e dominar determinadas zonas.

Factores Ideolóxicos e Nacionais

O nacionalismo xogou un papel esencial. Para iso, as potencias apelaron a un mesmo pasado histórico e a un sentimento de patria. A isto sumouse tamén o racismo, xa que a raza branca tiña unha misión civilizadora. Isto aceptouse como consecuencia do darwinismo social.

Factores Relixiosos

Xustificouse o imperialismo como unha necesidade de espallar o catolicismo e a relixión protestante. Xurdiu en oposición á aculturación das zonas dominadas polas potencias.

Factores Científicos

Por último, outra das causas do imperialismo foron as necesidades científicas e o desexo de descubrir máis, facer viaxes de exploración, etc.

O Reparto de África e a Conferencia de Berlín (1885)

As primeiras potencias en chegar a África foron Francia e o Reino Unido. Posteriormente, incorporáronse Bélxica, Italia e Alemaña.

As rivalidades entre as metrópoles europeas polo Congo e os intereses alemáns levaron a Bismarck a celebrar a Conferencia de Berlín en 1885.

Esta foi moi importante, xa que axudou a calmar as rivalidades entre Francia e Bélxica xurdidas polo seu afán imperialista. Nesta conferencia elaboráronse unha serie de regras que regulaban a ocupación do territorio africano, como por exemplo, a libre circulación dos ríos Níxer e Congo, a ocupación efectiva do territorio, etc.

Despois desta Conferencia, novas potencias comezaron a colonizar os territorios e África quedou completamente dividida e conquistada polas metrópoles europeas.

Entradas relacionadas: