A Transición á Modernidade: Renacemento, Reforma e a Orixe da Ciencia
Enviado por Bernabe y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,8 KB
Renacemento e Reforma
Os séculos XV e XVI son un período de transición entre a Idade Media e a Idade Moderna. Neles prodúcese a ruptura con concepcións medievais como a subordinación de todo saber á teoloxía e aos criterios de autoridade sustentados na tradición. Un elemento decisivo desta ruptura é o renovado interese polo mundo greco-romano. Por este renacer da cultura antiga denominouse a esta época o **Renacemento**. O centro a partir do cal se expande este renacemento cultural son as ricas **Cidades-Estado** da península italiana.
Contexto Histórico e Social
A situación económica
A mediados do século XV remata a **Guerra dos Cen Anos** e a epidemia da peste. Isto motiva un enorme crecemento da poboación e unha expansión económica sen precedentes. Continúa o **desenvolvemento** do comercio e a produción artesá. Outros núcleos de grande actividade económica son o norte de Alemaña e os Países Baixos. Algúns burgueses, especialmente os banqueiros, adquiren tal riqueza que se converten en prestamistas de reis e emperadores.
A situación política
Continúa a emerxencia da burguesía, e a súa independencia da nobreza feudal. Desaparece, aínda que non completamente, a idea medieval da unión da cristiandade rexida no temporal polo **Emperador** e no espiritual polo **Papa**. No seu lugar aparecen consolidados os primeiros **Estados nacionais**: Castela, Portugal, Inglaterra, etc., e outros de desenvolvemento máis tardío.
Pero a pesar destes cambios, a organización feudal segue en pé, porque gran parte da economía descansa sobre a agricultura e segue moi arraigada á cultura tradicional. Ademais, a nobreza acapara gran parte dos cargos administrativos do **Estado**.
A situación relixiosa
Unha serie de circunstancias provocan un novo período de crise na Igrexa. A falta de escrúpulos de cregos, abades e bispos, que converteran os hábitos nun medio de obter vantaxes económicas, unida á falta de preparación dos cregos, e á nova sensibilidade relixiosa que xa se fora creando, foron os desencadeantes da crise. Se, ademais, temos en conta determinadas alianzas políticas que vincularon o **Imperio** ao **Papado**, é fácil ver que estaba o terreo aboado para que estoupara unha **revolución dentro da Igrexa**.
Pero aínda hai outra cuestión que é máis interesante: O cristianismo nos seus inicios apelaba á revelación como fonte de crenza, despois pasou á escritura. O poder eclesiástico erixiuse intérprete desa escritura; máis aínda, foron as institucións eclesiásticas quen decidiron que libros eran sagrados e cales non. Isto é cuestionado.
A Reforma e a Contrarreforma
Por todas estas razóns xurde a **Reforma**, que son realmente dúas:
- A **Reforma Protestante** encabezada polo monxe alemán **Martín Lutero**.
- A **Contrarreforma** levada a cabo na propia Igrexa Católica.
A Igrexa de Occidente quedou definitivamente escindida.
As teses de Martín Lutero
O iniciador da Reforma foi **Martín Lutero**. As teses que o levaron a romper co Papa son:
- A defensa da salvación pola **fé**.
- A defensa da **libre interpretación da Biblia**.
- A redución dos sacramentos a tan só dous.
- Considera innecesario o **celibato** para a práctica do sacerdocio.
- Rexeita a virxindade de María e o culto ás imaxes e aos santos.
A Lutero seguíronlle outros moitos reformadores entre os que sobresaen: **Ulrico Zuinglio**, **Calvino**, **Thomas Müntzer** (fundador da seita dos anabaptistas), e o rei **Henrique VIII**.
A Contrarreforma e o Concilio de Trento
A Contrarreforma foi a resposta que deu a Igrexa Católica á Reforma Protestante. O seu obxectivo era devolver o prestixio espiritual á Igrexa e reconquistar aos cristiáns separados. Para iso convocouse o **Concilio de Trento**, no que se decidiu atallar a corrupción do clero e poñer remedio á súa baixa formación, e fíxose fincapé na defensa dos dogmas e prácticas rexeitados polos protestantes. Así:
- A interpretación das Escrituras é tarefa exclusiva da **Igrexa**.
- Manteñense os **sete sacramentos**.
- Considérase que Cristo está realmente presente na **Eucaristía**.
- Deféndese a virxindade de María e o culto a esta e aos santos.
- Os cregos deben ser **célibes**.
O instrumento principal da Contrarreforma foi a **Compañía de Xesús** (Xesuítas).
O Empirismo, o Racionalismo e a Revolución Científica
O Renacemento é un período de transición cara á modernidade.
Forzas Culturais cara á Modernidade
Hai dúas forzas culturais que conflúen neste proceso:
- O **Humanismo Renacentista**, que propón unha visión **antropocéntrica** e **naturalista** do home e do Universo, reflectida na forma de interpretar aos grandes filósofos gregos.
- O **Desenvolvemento da Ciencia**. Esta rexeita a física aristotélica e a imaxe xeocéntrica do universo, e adopta unha imaxe **heliocéntrica** e **mecanicista**.
O progreso científico é a máis poderosa de cantas forzas culturais conflúen no proceso cara á modernidade. A filosofía renacentista vive de costas a esa actividade. A actitude dos **filósofos renacentistas** é antropocéntrica e naturalista:
A Actitude dos Filósofos Renacentistas
- a) **Antropocéntrica**: Exaltación do home, preocupación polo **desenvolvemento integral** das capacidades humanas. Esta actitude oponse ao **teocentrismo** do período anterior, para o cal Deus é o punto de referencia de todo o real.
- b) **Naturalismo**: Actitude que enfatiza os aspectos naturais do home, esquecendo ou minusvalorando a dimensión e destino sobrenaturais afirmados polo **pensamento medieval**.