Vangardas e Compromiso: A Literatura e Lingua Galega no Primeiro Terzo do Século XX

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,35 KB

Vangardas na Literatura Galega

Nas primeiras décadas do século XX sucédense iniciativas artísticas que pretenderon unha profunda renovación estética e unha redefinición do concepto da arte. É o que se denominou co nome de vangardas e as súas manifestacións: os ismos. Cada unha delas moi particular, pero con trazos comúns como o antisentimentalismo, a tendencia á deshumanización ou a concepción da absoluta autonomía da arte.

A Xeración Nós e a Modernización Literaria

Neste momento, nos anos 20, a Xeración Nós trata de construír os alicerces do nacionalismo para prestixiar a literatura en galego: procuran europeizala, modernizala e intelectualizala. Por iso, empregan medios como a propia revista Nós.

A Xeración do 25: Vangarda e Novecentismo

Ao abeiro desta tendencia xorde a nova Xeración do 25, que é vangardista ou novecentista. Existiu un proxecto galeguista co obxectivo de crear unha arte autóctona. Buscouse a innovación, pero sen romper radicalmente co anterior. O autor que escribe en galego faino por compromiso coa idea galeguista, para render tributo á súa terra. Xorden dous ismos nos que ten lugar esta síntese:

  • O Neotrobadorismo

    O Neotrobadorismo nace do tributo ás orixes literarias do galego e está relacionado co proxecto nacionalista. É unha tendencia que recupera procedementos formais, ambientes e temas característicos das cantigas. Fermín Bouzas-Brey escribe e publica Nao senlleira (1933). Nesta obra mantén a estrutura temática e estrófica, pero introduce novidades como o uso do símbolo, que é o elemento central na construción do poema.

A Xeración do 36 e a Vangarda Radical

Porén, serán os autores da Xeración do 36 os que ofrezan unha aparencia máis vangardista. En 1933, Álvaro Cunqueiro publica Cantiga nova que se chama riveira, libro xa de influencia claramente vangardista.

  • O Hilozoísmo

    O Hilozoísmo ten tamén trazos propios da tradición e outros que o vinculan ás novas correntes. O poema hilozoísta describe a paisaxe galega, pero agora temos sempre unha natureza dotada de vida. O que máis destaca neste tipo de literatura é o uso da imaxe, da metáfora e da personificación. Estes recursos úsanse para retratar os obxectos. Ademais, os versos son curtos e de rima asonante.

    Luís Amado Carballo

    O poeta máis destacado foi Luís Amado Carballo cos seus libros: Proel (1927) e O galo (1928). A poesía deste autor mestura imaxes vangardistas que describen a paisaxe, que é humanizada. Os seus poemas semellan pinturas impresionistas. Utiliza recursos como a sinestesia, a metáfora e a imaxe.

  • Manuel Antonio

    Manuel Antonio presentou unha actitude rebelde coa tradición. A súa obra De catro a catro presenta influencias do cubismo, creacionismo, do futurismo... Busca novas tendencias que se afasten do feito ata entón na literatura galega; é rupturista. O libro consta de 19 poemas que narran unha viaxe por un mar interior con elementos propios da viaxe que son tomados como símbolos doutras realidades máis abstractas. Introduce ademais vocábulos do mundo mariñeiro, cultismos, estranxeirismos e tecnicismos.

Sociolingüística Galega no Primeiro Terzo do Século XX

O uso do galego durante o primeiro terzo do século XX consegue dar un salto cualitativo decisivo vinculado coa aparición dun movemento reivindicativo do campesiñado: o agrarismo. O galego ten que ser unha lingua válida para tratar calquera tema.

As Irmandades da Fala: Defensa e Dignificación da Lingua

Coa aparición das Irmandades da Fala establécese unha relación entre idioma e identidade colectiva. Con elas comeza a fin da diglosia cultural. O galego a partir de entón é usado nos actos públicos, no xornalismo, nos textos científicos... Claro que, ao mesmo tempo que avanza este proceso normalizador, mantense a tendencia a medrar un bilingüismo de carácter diglósico.

As Irmandades nacen para a defensa, dignificación e cultivo da lingua; a primeira fúndase en 1916 na Coruña e a esta séguenlle outras. Dótanse dun órgano de expresión en galego: A Nosa Terra. En 1918 as Irmandades celebran en Lugo a "I Asemblea Nazonalista Galega".

A Revista Nós: Potenciación da Cultura Galega

Neste contexto xorde en Ourense a revista Nós, que pretende servir de canle de expresión para a potenciación da cultura galega. Para actualizar, normalizar e universalizar a cultura galega, os homes de Nós acollen nas súas páxinas colaboracións de autores estranxeiros, demostrando así a validez do galego para o tratamento de todo tipo de asuntos.

O Seminario de Estudos Galegos: Impulso á Prosa Científica

No terreo da potenciación do uso da lingua na prosa científica e técnica ten importancia o Seminario de Estudos Galegos (1923), que desenvolverá toda a súa actividade en lingua galega. Foi creado por un pequeno grupo de universitarios que foi crecendo.

O Galeguismo e a República: Recuperación da Oficialidade

Coa instauración da República (1931), o galeguismo recupera protagonismo social por medio do traballo de orientación nacionalista na política. Por outra parte, o Partido Galeguista foi o único que empregou o galego en todos os seus actos públicos. Grazas a isto, o galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.

En definitiva, os escritores do primeiro terzo do século XX caracterízanse por superar o dialectalismo do período anterior en favor dun supradialectalismo. A tarefa principal é a purificación do idioma, eliminando castelanismos.

Entradas relacionadas: