Vangardas Poéticas Galegas: Ismos e Autores Clave
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,67 KB
Vangardas Poéticas en Galicia
Os escritores galegos, ao mesmo tempo que recolleron certas influencias exteriores, souberon diferenciarse e individualizarse a través das súas particulares achegas. Este grupo caracterizouse por herdar o espírito universalista da Xeración Nós, que exerceu sobre eles un maxisterio evidente.
A Xeración de 1925 e a súa Singularidade
O grupo de poetas máis importante encádrase na Xeración de 1925, integrada por Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brei e Luís Pimentel. Estes autores desenvolveron a súa obra dentro das correntes estéticas europeas do momento, aínda que manifestaron unha clara tendencia á individualización. En xeral, souberon conxugar as novidades dos diferentes ismos coa tradición e a personalidade galegas.
Principais Ismos das Vangardas Galegas
Os principais ismos galegos son: o hilozoísmo, o neotrobadorismo e o creacionismo.
O Hilozoísmo: Natureza e Novas Imaxes
O hilozoísmo é un estilo poético que naceu da combinación da tradición lírica galega de tipo paisaxístico con tendencias novas, sobre todo no que se refire á busca de novas imaxes. Presenta como trazos característicos a personificación dos elementos da natureza e a supresión dos sentimentos e do argumento. Os recursos máis empregados son a prosopopea, o símil e a metáfora. En canto á forma, conserva trazos da poesía popular como o verso de arte menor, rimas asonantes e sintaxe simple. O seu representante fundamental é Luís Amado Carballo, do que destaca o seu libro Proel.
O Neotrobadorismo: Tradición Medieval e Vangarda
O neotrobadorismo é un ismo exclusivo da literatura galega e debe o seu nome ao carácter imitador da poesía dos cancioneiros medievais, combinado con imaxes innovadoras e recursos propios das vangardas, como as imaxes e as metáforas. O iniciador desta tendencia foi Fermín Bouza Brei, ao que lle seguiron autores como Álvaro Cunqueiro e Álvarez Blázquez.
O Creacionismo e a Aportación de Manuel Antonio
Finalmente, o creacionismo, creado por Vicente Huidobro, ten a súa expresión na literatura galega da man de Manuel Antonio, o autor que chegou a elaborar unha obra máis persoal e integrada nas vangardas puras. A súa obra comezou con dous libros nos que combinou elementos tradicionais con outros máis innovadores, como os caligramas, e que mostran o seu proceso de asimilación da estética vangardista. O libro De catro a catro representa a culminación da súa achega á vangarda galega, no que amosa o seu verdadeiro mundo poético, cheo de símbolos, imaxes e metáforas. Por último, en Vildomar abandona a estética da vangarda e recupera a forma e o ton tradicionalista das primeiras obras.
Textos en Prosa e Revistas Literarias: Difusión das Vangardas
A súa achega á literatura galega inclúe dous textos en prosa ligados ao mundo das vangardas. O manifesto “Máis Alá”, escrito en colaboración con Álvaro Cebreiro, no que expoñen a súa visión sobre a literatura galega e as súas conviccións estéticas; e o “Prólogo a un libro de poemas que ninguén escribiu”, no que expón as súas ideas sobre o que debe ser a poesía cun ton crítico e irónico. Respecto ás revistas literarias, cabe dicir que foron un dos medios máis importantes para a difusión das vangardas. A atracción que exerceron medios como A Nosa Terra e a revista Nós, deixaron en segundo plano outras publicacións minoritarias pero que tiveron un papel moi significativo no espallamento das correntes artísticas europeas en Galicia. Destacan:
- Alfar
- Ronsel
- Resol
- Yunque
- Cristal
- Papel de color
Estas revistas son a proba da forza que tivo o movemento vangardista e unha mostra de que a nosa literatura pode ser moi produtiva cando se dan certas condicións de liberdade e apertura a outras culturas e tendencias.