Variedades Xeográficas do Galego: Bloques e Áreas Dialectais

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,43 KB

No nivel oral todas as linguas se manifestan moi diversificadas. Unha das diferenzas vén motivada pola zona xeográfica a que pertence o falante. Isto dá lugar á existencia de variedades xeográficas ou sintópicas.

No caso do galego atopamos no momento actual unha notable e sorprendente unidade lingüística, tendo en conta a súa falta de cultivo literario ao longo de varios séculos. Esta unidade impide que poidamos falar de dialectos dentro da nosa lingua, pero en cambio si detectamos diferenzas que permiten establecer tres bloques dialectais con varias áreas dentro de cada un deles.

A dialectoloxía é a área da lingüística que estuda as variacións xeográficas dunha lingua. Os dialectólogos determinan que zonas comparten determinados fenómenos lingüísticos e delimitan estas zonas cunhas liñas imaxinarias denominadas isoglosas.

Territorio de Fala Galega

O territorio de fala galega é o seguinte:

  • Galicia administrativa
  • Zona occidental de Asturias (terra Navia-Eo), León (O Bierzo), Zamora (As Portelas)
  • Val do Ellas (zona norteoccidental de Cáceres)

Bloques e Áreas Dialectais

Os dialectólogos establecen a existencia de tres bloques no galego, divididos polas isoglosas pantalóns/pantalós e pantalós/pantalois. Ao occidente da isoglosa pantalóns/pantalós estaría o galego occidental. Ao oriente da isoglosa pantalós/pantalois estaría o galego oriental. Entre as dúas estaría o galego central.

Bloque Occidental

O bloque occidental, que comprende zonas occidentais das provincias da Coruña e Pontevedra, caracterizaríase por:

  • Facer o plural das palabras rematadas en -n, engadindo -s: cans.
  • Presentar zonas de seseo total e/ou parcial: lus (implosivo ou parcial), zapato; lus, sapato (explosivo ou total).
  • Posuír gheada: aghulla.
  • Terminación en –án para masculino e feminino: meu /miña irmán.
  • Formas do pronome persoal: ti; el.

Áreas do Bloque Occidental

No bloque occidental distínguense varias áreas:

  • Fisterrá
  • Bergantiñá
  • Pontevedresa

Bloque Central

O bloque central, que comprende zonas orientais das provincias da Coruña e Pontevedra e case toda a provincia de Lugo e Ourense, caracterízase por:

  • Facer o plural das palabras rematadas en -n, cambiando o -n por -s: cas.
  • Non presentar seseo: luz, zapato.
  • Posuír zonas de gheada: aghulla; pero tamén zonas sen gheada: agulla.
  • Presentar o ditongo –oi: moito, troita, coiro.
  • Solución -ao /-á: irmao-irmá
  • Alternancia no pronome persoal entre as formas ti/tu.

Áreas do Bloque Central

As áreas que podemos distinguir no bloque central son:

  • Mindoniense (norte de Lugo e nordeste da Coruña)
  • Lucu-auriense (metade sur de Lugo e maior parte de Ourense)
  • Área central de transición

Bloque Oriental

O bloque oriental (Asturias, León e Zamora, e leste de Lugo e Ourense) caracterízase por:

  • Facer o plural das palabras rematadas en -n, cambiando -n por -is: cais.
  • Non presentar seseo: luz, zapato.
  • Non posuír gheada: agulla.
  • Conserva os grupos iniciais cua-, gua-: cuando, guarda.
  • Ditongo –ui- que ás veces reduce a –u-: muito-muto
  • Sufixo ou terminación -ín en vez de -iño: camín, paxarín.

Áreas do Bloque Oriental

No bloque oriental distínguense as seguintes áreas:

  • Asturiana
  • Ancaresa
  • Oriental central
  • Zamorana

O Val do Ellas e o Bloque Meridional

A descuberta da zona de fala galega do Val do Ellas provoca que algúns autores consideren un novo bloque lingüístico que denominan bloque meridional.

Entradas relacionadas: