O Xénero Dramático: Elementos, Estrutura e Tipos de Obras Teatrais

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,16 KB

Introdución ao Xénero Dramático

O xénero dramático corresponde ao teatro e preséntase mediante a representación dun conflito diante dun público. É un xénero híbrido, porque combina a lingua literaria (como os demais xéneros) con elementos propios do espectáculo escénico (xestos, música, iluminación...).

Segundo a época ou estilo, o texto verbal pode ter máis ou menos importancia: é clave no teatro clásico ou realista, pero menos relevante no teatro de vangarda ou nas montaxes de rúa.

O teatro está pensado para ser representado por actores e actrices nun espazo escénico, e só na representación cobra vida totalmente. Esta é unha obra colectiva, na que participan diferentes profesionais como o director/a, escenógrafos, iluminadores ou músicos, cada un contribuíndo cos seus propios códigos artísticos.

Elementos dos Textos Teatrais

Argumento

É o conxunto de accións que levan desde unha situación inicial ata unha final distinta. É a estrutura da historia.

Tema

É a idea central ou mensaxe da obra (amor, desamor, ambición, desigualdade…). Pode haber tamén temas secundarios.

Personaxes

Son quen realizan a acción dramática e coñecémolos polo que din, fan, como se comportan en escena e o que se di deles. Para analizalos, temos en conta:

Tipos de Personaxe

  • Segundo modelo: seguen modelos tradicionais (galán, doncela, gracioso...).
  • Individuais: teñen trazos propios e únicos.

Xerarquía

  • Protagonistas: centro da historia.
  • Antagonistas: opoñentes do protagonista.
  • Secundarios: funcións complementarias.

Complexidade

  • Planos: personalidade simple, baseados nunha soa idea.
  • Redondos: máis profundos e complexos psicoloxicamente.

Caracterización

  • Física: aspecto, roupa…
  • Psicolóxica: carácter, valores…
  • Social: clase, nivel cultural…

Tamén inflúe o nome e o rexistro lingüístico (culto, coloquial, vulgar…).

Formas de Expresión dos Personaxes

  • Diálogo: Forma principal de expresión dramática. Mostra a súa personalidade, estado emocional, nivel social e cultural.
  • Soliloquio: O personaxe pensa en voz alta para que o público saiba o que sente ou pensa, pero non fala con ninguén máis.
  • Monólogo: Un discurso longo dirixido a outros personaxes. Serve para contar historias ou reflexionar en voz alta diante doutra xente.
  • Á parte: O personaxe fala directamente ao público para dar información que os demais personaxes non deben saber.

As Anotacións ou Didascalias

Son segmentos extratextuais que serven para orientar os directores da representación escénica.

Estrutura da Obra Teatral

Estrutura Externa

  • Acto (ou xornada/lance): Parte principal da obra. Cada acto marca un cambio importante na acción. O modelo clásico ten tres actos: introdución, nó e desenlace.
  • Cadro: Cambio total ou parcial do espazo escénico.
  • Escena: Unidade máis pequena; os personaxes presentes non cambian durante ela.

Estrutura Interna

  • Presentación: Preséntanse os personaxes principais e o conflito inicial.
  • Nó: Desenvolvemento do conflito, alcanzando o clímax (máxima tensión).
  • Desenlace: Resolución do conflito.

Espazo, Tempo e Ambiente na Obra Teatral

  • Espazo físico: Pode ser interior (cuarto, casa...) ou exterior (praia, bosque...), e ás veces ten valor simbólico.
  • Tempo: Época ou momento no que ocorre a acción.
  • Ambiente: Conxunto de circunstancias (espazo, tempo, contexto social…) que inflúen nos personaxes e no ton da obra.

Os Xéneros Teatrais

Traxedia

  • Orixe grega no S. VI a.n.e.
  • Ton serio e elevado.
  • Personaxes de alta condición social ou heroicos que se enfrontan a un desenlace tráxico.

Comedia

  • Tamén de orixe grega.
  • Personaxes de orixe popular.
  • Situacións vulgares (cómicas ou ridículas).
  • Final feliz.

Drama

  • Acción seria, pero con personaxes máis próximos á realidade.
  • Mestura momentos tensos con outros cómicos ou relaxados.
  • O final pode ser feliz ou triste.

Outros Subxéneros Teatrais

  • Ópera: Teatro cantado.
  • Zarzuela: Alterna partes faladas e cantadas.
  • Farsa: Cómica e esaxerada.
  • Sainete: Peza breve e humorística.
  • Entremés: Peza curta e cómica entre actos doutras obras. Exemplo: Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, de Gabriel Feixoo de Araúxo (s. XVII).

Entradas relacionadas: