Xeoloxía Fundamental: Sismos, Deriva Continental e Zonas de Subdución
Clasificado en Geología
Escrito el en español con un tamaño de 2,83 KB
Que é un terremoto e como se produce?
Os terremotos son vibracións do terreo xeradas pola liberación de enerxía acumulada nel. Xeralmente orixínanse ao fracturarse grandes masas de rochas que están sometidas a esforzos ou se produce un novo desprazamento. Estas fracturas do terreo son as fallas.
Tamén son frecuentes os terremotos xerados pola intervención humana.
O lugar no que se orixina o terremoto é o foco sísmico ou hipocentro. O punto da superficie terrestre máis próximo ao foco é o epicentro. A vibración xerada no foco sísmico propágase en forma de ondas que van en todas direccións, as ondas sísmicas.
Os Argumentos de Alfred Wegener sobre a Deriva Continental
- Argumentos xeográficos: Wegener observou que os continentes poderían ter estado unidos no pasado, xa que as formas das súas costas parecen encaixar. Se os continentes formaron parte de Panxea, é lóxico que encaixen os seus fragmentos. A coincidencia é maior se facemos coincidir as plataformas continentais.
- Argumentos paleontolóxicos: Wegener observou que en continentes actualmente separados atopábanse fósiles das mesmas especies, como réptiles e plantas, polo que non era posible que cruzasen o océano.
- Argumentos xeolóxicos: Wegener comprobou que aos dous lados do Atlántico aparecían rochas da mesma idade; incluso era posible seguir antigas cordilleiras que encaixaban de xeito case perfecto.
- Argumentos paleoclimáticos: Wegener sinalou a existencia de depósitos glaciares da mesma idade en lugares como a Antártida e a India que hoxe teñen latitudes moi diferentes. Se permanecesen na súa posición actual, non terían o mesmo clima no pasado.
Características Clave das Zonas de Subdución
- Coexisten dous relevos moi pronunciados:
- Un relevo negativo, como a fosa oceánica (ex. a das Marianas).
- Un relevo positivo: cordilleira (ex. os Andes) ou arco insular (ex. Xapón).
- Son as zonas do planeta con maior actividade sísmica, con terremotos superficiais, intermedios e profundos. O Plano de Benioff é o plano de fricción entre dúas placas que converxen e onde se concentran os focos ou hipocentros dos terremotos. Os hipocentros preséntanse a maior profundidade canto maior é a distancia á fosa.
- Teñen actividade magmática. A litosfera oceánica que subduce está fría e contén auga, pero o rozamento coa litosfera continental incrementa a temperatura, e a auga baixa o punto de fusión dos minerais, o que produce unha fusión parcial dos minerais.