Análise de "Ante a lei" de Franz Kafka

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,15 KB

Cohesión

Tratándose dun texto narrativo, os elementos da narración presentes nel teñen unha función cohesiva, xa que dan unidade e articulan o conxunto do relato.

O narrador é externo, exprésase en terceira persoa e é omnisciente, xa que posúe un coñecemento total dos acontecementos narrados.

Os personaxes desempeñan os papeis de protagonista (campesiño) e secundario (porteiro), e son tipos, xa que representan colectivos sociais. A súa falta de individualidade reflíctese no feito de non posuíren nomes propios.

O espazo e o tempo están pouco definidos: a acción sitúase á porta da lei, mais este lugar non se describe; o tempo ou a época histórica son indeterminados, e o do relato abrangue unha serie de anos que tampouco se especifican.

O léxico axústase ao nivel lingüístico culto utilizado, pero non atopamos tecnicismos ou termos que dificulten a comprensión do relato. Con todo, as escollas léxicas están coidadas, como corresponde a un texto literario (besbella, asemade, inquire, aturar...).

Neste aspecto, é destacable o uso que o autor fai da adxectivación: (infeliz casualidade; escuridade inextinguible; fina, longa e escura barba tártara).

O recurso de cohesión lexical con máis presenza é a repetición (o home/o home de campo, o porteiro); tamén atopamos casos de elisión: ([o home de campo] observa/pensa).

En canto á cohesión gramatical, a deíxe aparece na remisión anafórica (o home asómase [...] cando o porteiro ve para el; subornar o porteiro. Este acéptao todo).

A sintaxe do texto é variada, mais destacan as secuencias longas e complexas, nas que se combina xustaposición, coordinación e subordinación (O porteiro a miúdo faille pequenos interrogatorios: inquire acerca dos seus pais e moitas cousas máis: pero son preguntas sen interese, como as que fan os grandes señores: e, ao final, sempre lle volve dicir que aínda non o pode admitir).

Os conectores máis abundantes son de tipo temporal, como corresponde a un relato que se articula seguindo unha orde cronolóxica: (logo, cando, ao final, xa, agora, antes...).

Tamén os hai doutros tipos: contrastivos (mais, non obstante), aditivos (tamén), causais (porque).

Os feitos preséntanse en tempo presente (hai, chega, di, permanece), o que lles dá un valor intemporal aos acontecementos.

Coherencia

Tipoloxía

O texto é de tipo narrativo, porque nel relátase unha serie de feitos como son as vicisitudes polas que atravesa o campesiño. Nel atopamos os elementos característicos da narración: o narrador, que está en terceira persoa; os personaxes, que son o campesiño e o porteiro; a localización espacial, que é a porta de entrada da lei; e o tempo da historia, que dura ata o final da vida do protagonista.

Tema e resumo

O tema é a submisión total dos individuos ás estruturas burocráticas. Isto exprésase mediante un relato metafórico no que o tema se concreta en tres elementos: o campesiño, o porteiro e a lei.

Un campesiño chega ás portas da lei, pero alí hai un porteiro que lle prohibe entrar. O home agarda coa esperanza de que lle sexa permitido o acceso, e pasan os anos. Cando xa está a piques de morrer, pregúntalle ao porteiro por que en todo ese tempo ninguén máis chegou ata alí pedindo entrar; o porteiro respóndelle que aquela porta estaba exclusivamente para impedir a súa entrada, e cando morra será pechada.

Estrutura

Os feitos son expostos seguindo unha estrutura de tema constante. Así, aínda que a historia do campesiño e o porteiro se presenta nun único parágrafo, o relato organízase seguindo o esquema clásico da narración, e nel diferenciamos tres partes:

  • Na introdución, ata "decide mellor agardar ata que reciba o permiso para entrar", o narrador presenta os personaxes e o conflito que orixina o relato.
  • O nó, ata "agora descobre a escuridade que, inextinguiblemente, xorde da porta da lei", expón a evolución dos personaxes e a relación que se establece entre eles.
  • No desenlace, ata o final do texto, nárrase a resolución da historia, e nel dáse sentido a todo o anterior.

Adecuación

Localización

O texto é un relato do autor de orixe checa Franz Kafka, que aparece recollido xunto con outros no libro titulado Un médico de aldea.

Elementos da comunicación

O emisor coincide co autor do relato, que no texto toma a forma dun narrador en terceira persoa. Os receptores son os lectores. A canle é a lingua escrita, e o código o galego estándar nun rexistro culto.

O referente é a historia ficticia das dificultades dun campesiño para acceder á lei.

Intención comunicativa

A función predominante no texto é a poética, xa que se trata dun relato literario con intencionalidade artística.

Tamén está presente a función referencial, que permite construír a realidade ficcional na que ocorre o relato (descrición do porteiro, exposición dos acontecementos...).

Entradas relacionadas: