Análise da Práctica Docente: Culpabilidade, Individualismo e Investigación

Clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 18,24 KB

O Profesorado: Desafíos e Contexto Laboral

Culpabilidade e Frustración Docente

Os profesores falan de si mesmos en termos bastante diferentes aos utilizados por moitos teóricos. Os sentimentos de culpabilidade e frustración poden producir profundas perturbacións. Podemos distinguir dous tipos de culpabilidade:

  • Culpabilidade Persecutoria

    Deriva de realizar algo prohibido ou de non conseguir facer o que se espera de nós. Isto leva a moitos profesores a completar os contidos prescritos e deixar a un lado os enfoques propios e a innovación.

  • Culpabilidade Depresiva

    Ocorre cando nos damos conta de que podemos danar ou desatender a quen está ao noso coidado. Non satisfacer as súas necesidades, non prestarlles a suficiente atención, ás veces por falta de tempo, de paciencia ou por outros motivos.

As trampas culpabilizadoras do ensino están situadas en 4 vías específicas:

  • Atención aos Débiles: Compromiso coa Atención e a Educación

    Este é un punto importante da culpabilidade depresiva dos docentes, pero tamén é un importante motivo de satisfacción no traballo. Esta atención debe estar equilibrada en termos sociais, morais e interpersoais, posto que de non ser así podemos caer na ineficacia das posturas posesivas e a culpabilidade.

  • A Apertura do Ensino: Apertura / Indefinición

    O ensino é unha historia interminable; sempre hai máis cadernos que corrixir, máis clases que preparar e máis atención que prestar. O ensino defínese en termos académicos, sociais e emocionais, polo que o papel do profesor difumínase, dando como resultado a culpabilidade.

  • Rendemento de Contas e Intensificación

    Estes son os dous determinantes principais da culpabilidade persecutoria, xa que cada vez as esixencias son maiores. A intensificación vén dada polas múltiples innovacións ás que teñen que adaptarse os profesores e a integración de alumnos con necesidades especiais que requiren unha planificación adicional. O gran tempo que se debe dedicar ao rendemento de contas fai que quede pouco espazo para os momentos informais.

  • A Aparencia de Perfeccionismo: Perfeccionismo / Incompetencia

    Ás veces, desde a administración enténdese por correcta unha determinada práctica. Isto fai difícil que os profesores poñan en común a súa forma de traballar e mesmo pregunten dúbidas por medo a que unha práctica diferente se considere mala, ou por medo a parecer pouco profesionais. Esta ansiedade vén dada porque non hai un coñecemento técnico básico seguro para a profesión docente, e esta ansiedade é maior se as vidas persoal e profesional dos docentes se manteñen desligadas. Moitos profesores non traballan rodeados de confianza e apoio, deste xeito non poden confiar as dúbidas nin problemas, véndose obrigados a manter unha aparencia de perfeccionismo. Paradoxalmente, este perfeccionismo é de por si unha imperfección, que a longo prazo pode provocar posturas cínicas ou o abandono da profesión.

Solucións para Mitigar a Culpabilidade

  • Eliminar burocracia para que haxa máis tempo para preparar a xornada laboral.
  • Equilibrio entre atención e instrución.
  • Colaboración entre colegas unindo a vida persoal e profesional dos docentes.
  • Consciencia da inexistencia de receitas técnicas.

A culpabilidade é un problema público.

O Individualismo na Cultura Docente

Todas as culturas teñen dúas dimensións importantes: o Contido (valores, actitudes, crenzas, hábitos…) e a Forma (a maneira de relacionarse e asociarse). Hai 4 grandes formas de cultura: individualismo, colaboración, colexialidade artificial e balcanización.

O Individualismo

Os profesores seguen ensinando sós tras as portas pechadas das aulas debido á construción arquitectónica dos colexios. Isto evita que se expoñan a críticas, pero tamén que se sirvan doutros compañeiros para mellorar. Hai dúas interpretacións:

  • Falta de Confianza

    Característica psicolóxica dos docentes.

  • Características do Posto de Traballo

    O profesor debe estar cos seus alumnos e non hai tempo para colaborar cos demais; o tempo que lles resta utilízano para cumprir coas demandas e esixencias do posto de traballo.

En ambas interpretacións, o individualismo é unha limitación e non un reforzo. Hai distintos tipos de individualismo:

  • Individualismo Restrinxido

    Cando os profesores traballan sós por limitacións administrativas como a masificación, a complexidade de horarios, a falta de espazo ou o propio estilo non participativo da administración.

  • Individualismo Estratéxico

    Cando é a forma utilizada polos profesores para facer fronte aos problemas diarios (por exemplo, a necesidade de concentrarse para unha tarefa ante a escaseza de tempo).

  • Individualismo Elixido

    É a opción libre de traballar só, incluso cando hai opcións de traballar en colaboración cos compañeiros. Este individualismo abrangue 3 temas relacionados entre si: Atención persoal, Individualidade e Soidade:

    • Atención Persoal

      As maiores satisfaccións do ensino elemental derivan de traballar cos alumnos e atendelos, pero ás veces existe unha preocupación por atender a nenos con pouca autonomía que non se defenden por si mesmos, de xeito que pode aparecer o sentimento de propiedade. Cremos que debemos atendelos persoalmente e isto pode crear conflitos entre alumnos e profesores.

    • Individualidade

      É a capacidade de decisión, iniciativa e creatividade do profesor; non se debe confundir con individualismo.

    • Soidade

      Moitos profesores necesitan un retiro en soidade para reflexionar e prepararse.

Colaboración vs. Colexialidade Artificial

A colaboración tende a ser espontánea e voluntaria, flexible e imprevisible. Ademais, os profesores actúan para desenvolver as súas propias iniciativas ou iniciativas de fóra coas que se comprometen.

En cambio, na colexialidade artificial as relacións de traballo son regradas por unha imposición administrativa, obrigatorias, inflexibles, previsibles e intimamente ligadas coa cooptación administrativa (= aparencia de facer un proxecto que en realidade xa vén dado pola administración e como moito tan só hai que facer algunha adaptación). Facemos uso da colexialidade artificial cando: facemos proxectos curriculares de centro (PCC), Regulamento do Réxime Interno, Memoria anual, Plan de Acción Titorial e Actividades complementarias.

Segundo algúns estudos, ademais:

  • Utilízase o tempo de preparación da docencia para “despachar” tarefas menores.
  • As relacións cos profesores de apoio son impostas en lugares e momentos determinados e non cando realmente fan falta.
  • Critícase o non poder elixir compañeiros de titorías, xa que nalgúns casos, as crenzas incompatibles ou enfoques moi diferentes de ensino poden facer que dous profesores sexan incapaces de traballar xuntos.

Investigando sobre a Práctica Docente

A Visión Positivista da Didáctica

Desde esta perspectiva, a didáctica é unha ciencia neutral e obxectiva, que trata de dominar axeitadamente os medios e de saber utilizalos para acadar os mellores resultados. O procedemento hipotético-dedutivo esquematízase en 6 pasos:

  1. Danse os feitos.
  2. Obsérvanse.
  3. Realizamos un rexistro e descrición dos feitos.
  4. Os feitos son elevados a conceptos (comparación, abstracción…).
  5. As relacións entre conceptos forman as leis.
  6. Se se traballa de maneira obxectiva pódese chegar á teoría.

Modelos da Visión Positivista

  • Modelo Presaxio-Produto

    Investiga fixando as variables dependentes (variables produto) e as independentes (variables proceso). Por exemplo, a influencia que pode ter a experiencia e aptitudes do profesor sobre o rendemento académico do alumno.

  • Modelo Proceso-Produto

    A súa finalidade é aumentar a eficacia do ensino, comprobando diferentes métodos e identificando o máis eficaz para ensinalo nas escolas de profesorado. O comportamento do profesor é a variable independente e o rendemento do alumno a variable dependente, polo que hai unha relación causal entre elas. A observación faise directamente na aula ou mediante gravacións audiovisuais.

A Visión Interpretativa: Comprensión Subxectiva

Céntrase en comprender a realidade educativa desde o significado das persoas implicadas e estuda as súas crenzas, intencións, motivacións e outras características que non se ven a simple vista. Realidade cualitativa de carácter subxectivo. Esta disciplina ocúpase das interaccións e situacións que se dan nos procesos de ensino-aprendizaxe tal como os percibe o profesorado e os alumnos.

Críticas: non pode facer grandes xeneralizacións, as interpretacións están condicionadas pola sociedade, quedan sen explicación as situacións cando os suxeitos ocultan ou distorsionan os verdadeiros significados dos seus actos. Ademais, mantén separación entre teoría e práctica e presupón que a práctica será modificada.

Modelos da Visión Interpretativa

  • Mediacional Centrado no Profesor

    Situado no campo do ensino, intenta comprender o comportamento do docente. A preocupación principal son os procesos do pensamento: Recollida, Organización, Interpretación e Avaliación da información. As decisións dos docentes están influenciadas por:

    1. Expectativas que o profesor pon no alumno e no grupo.
    2. Crenzas, teorías e actitudes sobre a educación.
    3. Tipos de tarefas de instrución.
    4. Dispoñibilidade de materiais e estratexias alternativas.

    Dúas tarefas que o profesor realiza como procesador e investigador son:

    1. Planificación: deseñar e prever.
    2. Comportamento interactivo: tomar decisións espontáneas sobre a marcha, actuando segundo sente e cre sen suficiente reflexión.

    Os problemas xorden cando os xuízos do profesor son nebulosos ou inconscientes.

  • Mediacional Centrado no Alumno

    Enfoque que asume que o alumno non é un pasivo receptor de estímulos e que o coñecemento non é unha copia fiel da realidade, senón unha verdadeira elaboración subxectiva. Este método céntrase en descubrir como o alumno percibe as demandas das diferentes tarefas, como se implica nelas e que procedementos mentais utiliza.

    Críticas: centra o estudo no individuo e non no grupo, reducionismo psicoloxista, pouca consideración cos contidos curriculares e as variables contextuais.

  • Mediacional Integrador

    Aproxima ambas orientacións anteriores. 3 tipos de investigacións complementarias:

    1. Análise de estratexias de procesamento que utiliza o profesor: planificar, actuar e avaliar.
    2. Análise de estratexias de procesamento da información que utiliza o alumno.
    3. Análise das relacións bidireccionais na aula.

    Críticas: demasiado enfoque cognitivo e pouca consideración das variables contextuais.

  • Paradigma Ecolóxico

    Entende a vida na aula como intercambios socioculturais. Ten 4 características fundamentais:

    1. É naturista.
    2. Vai máis alá dos procesos cognitivos.
    3. Perspectiva sistémica.
    4. Entende a aula como un sistema social que ten multidimensionalidade, simultaneidade, inmediatez, imprevisibilidade e historia.

    Hai 2 modelos:

    1. Modelo Sistemático-Contextual de Tikunoff: 3 variables: situación, experiencia e comunicación.
    2. Modelo Ecolóxico de Doyle: divide 2 subsistemas: o das tarefas académicas e o social da participación.

A Visión Crítica e o Interese Emancipador

Xurde como resposta ás visións positivista e interpretativa. Entende a didáctica como unha ciencia social que non é puramente empírica nin só interpretativa. Propón unha teoría dialéctica do coñecemento, segundo a cal este ten 3 intereses principais:

  • Técnico (Positivista)

    Búscase satisfacer os intereses do traballo, obedece a necesidades físicas básicas (alimentación, vivenda).

  • Práctico (Interpretativo)

    Busca satisfacer intereses relacionados coa comunicación, a necesidade de entender aos demais e que nos entendan.

  • Emancipador (Crítico)

    Pretende liberarnos das dependencias ideolóxicas e dogmáticas, interesándose pola autonomía e a liberdade.

Para a concepción crítica non basta con comprender ou interpretar a educación, senón que o seu obxectivo é cambiala. Ademais, debe comprometer a todos os participantes de maneira activa (pais, administradores, estudantes, docentes) deixando de ser simples receptores.

Habermas fala de 3 funcións diferentes á hora de axudar aos grupos sociais a tomar conciencia:

  • Elaboración de teoremas críticos.
  • Reflexionar para eliminar barreiras.
  • Organización da acción política mediante a libre participación e a toma de decisións en igualdade.

Un currículo crítico emancipador tenderá á liberdade a nivel da conciencia e da práctica, debe distribuír o poder de modo máis equitativo, e o alumnado ten un papel activo.

O Proceso de Investigación-Acción

É posible favorecer o interese emancipador na construción do currículo mediante o proceso de investigación-acción.

Preséntase como unha metodoloxía de investigación cíclica orientada ao cambio educativo. Fórmase por unha espiral autorreflexiva: Observación > Reflexión > Planificación > Acción.

A Reflexión e Planificación pertencen ao ámbito do discurso e a Observación e Acción ao ámbito da práctica.

As finalidades son 2: Mellorar o entendemento da práctica por parte dos profesores e deste xeito mellorar a práctica. E Interesar a todos os participantes para que interveñan de forma activa en todo o proceso.

As condicións mínimas que se teñen que dar son: que exista unha susceptibilidade de mellora, que se recorra á espiral de observación, reflexión, planificación e acción, e que se impliquen a todos os responsables da práctica dun modo colaborativo.

16 Conceptos Clave da Investigación-Acción
  1. Aumento da comprensión humana.
  2. Preocupación por mellorar a calidade da acción e práctica humana.
  3. O interese céntrase nos problemas inmediatos dos profesionais.
  4. En colaboración.
  5. Realizada in situ.
  6. Natureza participativa.
  7. Enfoque no caso ou a unidade individual.
  8. Non se intentan controlar as variables do contorno.
  9. Os problemas, propósitos e metodoloxía poden cambiar.
  10. Avaliación reflexiva.
  11. Innovadora.
  12. Científica.
  13. Vitalidade e posibilidade de compartir.
  14. Natureza baseada no diálogo.
  15. Crítica.
  16. Emancipadora.

O Profesor como Investigador Profesional

Para que os profesores realicen investigación é necesario que posúan destrezas de investigación e que tomen medidas segundo os resultados. As limitacións que teñen son: falta de tempo, falta de recursos, falta de destrezas na investigación e aspectos organizativos da escola. Parte da solución é económica, posto que conceder aos profesores máis tempo para facer traballo de investigación-acción custaría máis diñeiro.

Problemas Pedagóxicos e a Finalidade do Ensino

A didáctica trata de elaborar un coñecemento científico do ensino, pero atópase con 2 problemas:

  • O Problema das Finalidades

    O ensino pode ser guiado desde o campo dos porqués ou dos para qués (finalidades). Agora ben, os motivos deben ser analizados de maneira racional dando prioridade aos preferentes. A finalidade última da educación é promover o desenvolvemento dos seres humanos. As discrepancias a este nivel veñen dadas polos que pensan que a educación é un proceso exóxeno e polos que pensan que é endóxeno. É necesario diferenciar entre as finalidades externas asumidas e as impostas; de non haber empatía entre Estado, centro e profesores, ningunha reforma se fará realidade. A finalidade máis concreta é o dereito de toda persoa á educación, a través da escolaridade obrigatoria que fai posible a reprodución da cultura dispoñible.

  • O Saber Facer ou o Compoñente Práctico

    As accións pasadas guían as futuras, de xeito que cada experiencia non parte de cero. Ademais, as accións son imitables e transmítense xerando unha cultura intersubxectiva, unha cultura escolar compartida. A educación non é tan só reprodución da tradición, xa que esta pode ser revisada e recreada con críticas e novas achegas. Os tempos cambian e os profesores tamén. A práctica educativa que implica a estudantes, docentes, currículo, medios e contexto está mediatizada pola cultura institucional que á súa vez está influenciada pola política educativa, a organización da institución, a cultura dos docentes e o seu desenvolvemento persoal.

Entradas relacionadas: