Bilingüismo en Galicia: Tipos, Factores e Diglosia

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,45 KB

O Bilingüismo: Concepto e Tipos

O bilingüismo é unha consecuencia directa do contacto de linguas, o uso habitual de dúas linguas ao mesmo nivel de igualdade, nun mesmo espazo xeográfico ou faladas por unha mesma persoa. Para comprender o significado de bilingüismo cómpre facer unha distinción: o bilingüismo social e o bilingüismo individual, xa que non son o mesmo.

Bilingüismo Individual

Os requisitos para considerar a un individuo bilingüe poden ser moi variados. O bilingüismo individual establece que unha persoa é bilingüe cando, ademais da súa primeira lingua, ten unha competencia semellante noutra lingua e pode usar unha e outra en calquera circunstancia con eficacia parecida. Este sería o bilingüismo ideal, mais na realidade atopamos individuos que se aproximan máis ou menos a el. Existen diferentes tipos de bilingüismo dependendo da adquisición, do grao de competencia e do uso.

Tipos de Bilingüismo Individual

  • Segundo a adquisición: bilingües iniciais (a adquisición é instantánea) ou bilingües secuenciais (a adquisición é espontánea ou sistemática).
  • Segundo o grao de competencia: bilingües pasivos (dominan as destrezas pasivas) e bilingües activos (dominan as catro destrezas).
  • Segundo o uso: bilingües equilibrados (usan as linguas en todos os ámbitos) ou bilingües parciais (usan as linguas en función do ámbito).

Bilingüismo Social

Á hora de describir unha situación de bilingüismo social debemos ter en conta os seguintes factores: demográficos, status e apoio institucional.

Factores Demográficos

Os factores demográficos estudan o número de falantes de cada lingua co fin de determinar cal é a maioritaria e a minoritaria. Ademais, comproban a distribución dos falantes ao longo do territorio para coñecer se estes están concentrados ou dispersos, así como se predominan en zonas urbanas ou rurais.

Factores de Status

Os factores de status refírense á oficialidade das linguas dende un punto de vista lexislativo. Ademais, indican se as linguas son recoñecidas como linguas nacionais polos seus falantes, o lugar que estes ocupan na sociedade e o seu poder económico. Por último, o prestixio internacional vén marcado pola presenza das linguas máis alá das fronteiras da sociedade analizada.

Factores de Apoio Institucional

Os factores de apoio institucional están divididos á súa vez en apoio oficial (institucións públicas) e apoio informal (industria, comercio, relixión e cultura).

Diglosia e Conflito Lingüístico

A análise global destes tres factores permite valorar a vitalidade de cada unha das linguas implicadas e así podermos diferenciar cal é a lingua dominante (lingua alta) e a dominada (lingua baixa), xa que as situacións de bilingüismo social supoñen sempre unha relación de desequilibrio lingüístico máis ou menos estable. A esta situación de desequilibrio denomináselle diglosia.

Diglosia Clásica

O concepto de diglosia clásica refírese a un tipo concreto de bilingüismo social: a lingua alta é utilizada soamente en situacións formais e a baixa, só se usa en situacións informais. Cando a estabilidade diglósica se altera e unha das linguas se introduce nos ámbitos reservados tradicionalmente á outra, fálase de conflito lingüístico.

Entradas relacionadas: