Bioloxía Celular: Membrana, Parede e Citoplasma

Clasificado en Biología

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,07 KB

Estrutura da Membrana Plasmática: Modelo do Mosaico Fluído

Modelo de Singer e Nicholson ou Mosaico Fluído

  • Na membrana plasmática, os lípidos dispoñen-se formando unha bicapa: Os lípidos da membrana son, fundamentalmente, fosfolípidos e colesterol. Nestes lípidos distínguense dúas partes: parte hidrofílica e parte hidrofóbica, o que fai que as moléculas se dispoñan formando unha dobre capa lipídica.
  • Os lípidos e as proteínas integrais dispoñen-se formando un mosaico (estrutura formada por pequenas fraccións). As proteínas son diversas e realizan as funcións específicas da membrana.
  • As membranas son estruturas fluidas: Existen desprazamentos laterais.
  • As membranas son estruturas asimétricas respecto a todos os seus compoñentes.

Funcións da Membrana Plasmática

  • Delimita a célula e actúa como filtro selectivo.
  • Receptores de membrana: glicoproteínas que identifican outras moléculas.
  • Identidade antixénica: Existen moléculas que serven para que o noso sistema inmunolóxico recoñeza as nosas células como propias e así non as ataque.
  • Polarización e despolarización: Facultade mediante a cal é capaz de transmitir impulsos nerviosos.
  • Transporte a través da membrana: Como é unha barreira lipídica, impide a entrada de moléculas disoltas en auga, e ten que desenvolver mecanismos de transporte específicos para solucionalo.

A Parede Celular Vexetal

É unha estrutura ríxida exclusiva de células vexetais e que se localiza por fóra da membrana plasmática.

Composición da Parede Celular

Presenta unha composición variada, dependendo dos organismos (os fungos presentan como polisacárido a quitina; as algas e plantas superiores, celulosa e hemicelulosa, etc.).

Estrutura da Parede Celular

  • Lámina media: Capa máis externa (a primeira que se orixina). É como un cemento de unión entre células veciñas. O seu principal compoñente é a pectina.
  • Parede primaria: Capa delgada e flexible, formada por celulosa, hemicelulosa e pectinas. Propia de células en crecemento.
  • Parede secundaria: Aparece cando cesa o crecemento. É a última en orixinarse. É grosa e ríxida e o seu principal compoñente será celulosa, pectina ou lignina.

Funcións da Parede Celular

  • Constitúe un exoesqueleto que protexe e dá forma á célula, sen impedir o seu crecemento.
  • Intervén no mantemento da presión osmótica.

Diferenciacións das Paredes Celulares

Debido ao illamento que proporciona a parede celular, a célula necesita mecanismos para intercambiar substancias co medio ou con outras células. Tipos:

  • Punteaduras: Son zonas de adelgazamento da parede celular que se corresponden con outras complementarias e ao mesmo nivel na célula adxacente.
  • Plasmodesmos: Son canles finas que atravesan totalmente as paredes celulares e establecen unha continuidade entre citoplasmas de células veciñas.

O Citoplasma: Citosol e Orgánulos

Citosol ou Hialoplasma

É a parte soluble (líquida) do citoplasma da célula. Representa aproximadamente a metade do volume celular.

Está composto por proteínas, ións, glícidos, ácidos nucleicos, nucleótidos, metabolitos, etc.

Contén gran cantidade de encimas que catalizan un gran número de reaccións do metabolismo celular.

Ademais, no citosol de moitas células almacénanse substancias de reserva en forma de gránulos, denominados inclusións citoplasmáticas, que non están rodeados por membrana.

O citosol contén unha gran variedade de filamentos proteicos que constitúe o citoesqueleto.

Orgánulos Citoplasmáticos

Orgánulos Citoplasmáticos sen Membrana

Citoesqueleto

Estrutura formada por proteínas que determina a forma da célula, facilita a mobilidade celular (constituíndo cilios e flaxelos) e desempeña un importante papel na división celular. Nas células eucariotas, consta de microfilamentos, filamentos intermedios e microtúbulos.

  • Microfilamentos: Compostos por unha proteína contráctil denominada actina. A súa función é dar estabilidade e forma á célula.
  • Filamentos intermedios: Formados por proteínas fibrosas. A súa función principal é proporcionar rixidez á célula.
  • Microtúbulos: Estruturas tubulares que interveñen en diversos procesos celulares como transporte intracelular de substancias, división celular (mitose e meiose) e constitúen a estrutura interna de cilios e flaxelos.

Os microtúbulos poden organizarse en forma de 9 tripletes circulares, constituíndo os centriolos.

Os centriolos son orgánulos con estrutura cilíndrica que se dispoñen perpendiculares entre si. A súa función principal é participar na división celular, colaborando na separación dos cromosomas.

Os centriolos están rodeados dun material proteico denso chamado material pericentriolar e xunto con el forman o centrosoma ou COMT (Centro Organizador de Microtúbulos).

Ribosomas

Son complexos macromoleculares, formados por ARN e proteínas (ribonucleoproteínas) de forma máis ou menos redondeada e carecen de membrana. Están formados por dúas subunidades e a súa función é a síntese de proteínas.

Poden atoparse libres no citoplasma, adheridos ás membranas do RER e á membrana nuclear externa, ou na matriz mitocondrial e estroma do cloroplasto (teñen información xenética específica para formar proteínas determinadas do seu metabolismo específico).

Orgánulos Citoplasmáticos con Membrana Sinxela

Retículo Endoplasmático

Estrutura constituída por unha serie de condutos membranosos (túbulos e sáculos) que atravesan o citoplasma das células eucariotas. Estes condutos están interconectados e ademais conectados coa membrana nuclear e a membrana plasmática. Hai dous tipos de RE:

Retículo Endoplasmático Rugoso (RER)

Constituído por sáculos aplanados e vesículas intercomunicadas. Presenta ribosomas adheridos. Está moi desenvolvido nas células nas que a síntese de proteínas é moi elevada. As funcións do RER son:

  • Síntese de proteínas (nos ribosomas da membrana)
  • Almacenamento e transporte de proteínas
  • Glicosilación de proteínas (unión a glícidos)
Retículo Endoplasmático Liso (REL)

Son túbulos interconectados cuxas membranas están conectadas co RER. Non presenta ribosomas. As súas funcións son:

  • Biosíntese, transporte e almacenamento de fosfolípidos, colesterol e esteroides.
  • Metabolización de substancias tóxicas.
  • Detoxificación (proceso de eliminación de substancias tóxicas).

Entradas relacionadas: