A Cantiga de Amigo: Un Xénero Lírico Medieval
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,03 KB
A Cantiga de Amigo
A cantiga de amigo é unha breve composición posta en boca dunha moza solteira e namorada que expresa os seus sentimentos amorosos.
Os temas máis frecuentes son:
- O lamento pola ausencia do amigo
- A alegría polo reencontro
- O enfado co namorado
- A paixón polo amado
Caracterízase pola presenza dunha voz feminina. O trobador asume a perspectiva feminina, finxe ser muller, e o xograr interpreta a composición.
A cantiga de amigo, ao igual que as kharxas mozárabes e os villancicos casteláns, ten a súa orixe nunha tradición lírica popular que se estendía por boa parte da Península. Trátase, nos tres casos, de poesía de carácter feminino, de ambiente doméstico e familiar e cun ritmo repetitivo.
A palabra «amigo» adoita aparecer nos primeiros versos e serve de palabra clave para identificar o xénero. A moza fala consigo mesma, con confidentes (a nai, as irmás, as amigas...) ou mesmo con elementos da natureza (as ondas do mar, as flores, os cervos...) aos que comunica os seus sentimentos amorosos.
Simboloxía
Existe tamén un amplo repertorio de símbolos sobre o amor e a paixón:
- Auga: simboliza a fecundidade ou pureza da rapaza.
- Fontes, lagos, ríos...: son o lugar de encontro dos namorados.
- Mar tempestuoso: símbolo da paixón amorosa.
- Vento: símbolo da masculinidade.
- Cervos: representan o namorado.
- Flores: símbolo da sensualidade da primavera.
- Cabelos (lavar cabelos): representan a fermosura e o erotismo. Indica un próximo encontro dos namorados.
Subxéneros da Cantiga de Amigo
Segundo o tema e as características espaciais ou temporais, algunhas cantigas de amigo podemos clasificalas nos seguintes subxéneros ou variedades:
- Mariñas ou barcarolas: teñen como escenario o mar, co que en ocasións conversa a rapaza.
- Cantigas de romaría: desenvólvense nunha igrexa, capela ou ermida, a onde a moza acode para reunirse co amigo.
- Bailadas: a moza expresa a ledicia de vivir e o seu xúbilo por estar namorada e convida a bailar as súas compañeiras.
- Albas ou alboradas: sitúanse no amencer, momento no que os amantes se reúnen ou teñen que separarse.
Recursos Formais
Toda a literatura medieval está condicionada polo feito de estar pensada non para ser lida, senón cantada. Moitos dos recursos utilizados tiñan como finalidade facilitar a comprensión e a memorización. Ao tratarse de poemas destinados ao canto, tiñan ademais un ritmo moi marcado. Os recursos máis comúns son:
- Leixaprén: é a repetición dos segundos versos de cada par de estrofas como primeiros do par seguinte.
- Refrán: é un verso que se repite ao final de cada estrofa.