Características Vangardistas en 'De catro a catro' de Manuel Antonio

Otras lenguas extranjeras2,31 KB

Características Vangardistas en 'De catro a catro'

A relación da obra De catro a catro coas vangardas baséase en tres elementos principais: o compromiso ideolóxico, a relación do autor co texto e a vontade renovadora respecto da linguaxe e da forma poética.

Compromiso Ideolóxico e Antiruralismo

En primeiro lugar, a poesía de vangarda mostra o seu compromiso ideolóxico a partir da elección do galego como idioma poético, desafiando a situación periférica e marxinada de Galicia. Ao mesmo tempo, débese evitar o ruralismo, pois as vangardas son movementos elitistas que desexan evitar a repetición da arte popular e promover a individualidade do poeta.

Relación Poeta-Texto: Creación e Subxectivismo

En canto á relación do poeta co texto, a creatividade e a innovación deben ser absolutas; non se debe limitar a describir, senón a crear mundos e naturezas novas a partir das súas impresións persoais. Aínda que Manuel Antonio tenta ser obxectivo, podemos apreciar certo subxectivismo a través dos seus sentimentos e no intimismo dalgúns poemas. Non obstante, tamén é capaz de mostrar unha actitude de distanciamento a través do humor e da ironía.

Renovación da Forma e da Linguaxe Poética

Manuel Antonio tamén levou a cabo unha renovación completa da forma e da linguaxe poéticas, na que cabe destacar:

  • A ausencia de puntuación.
  • A ruptura cos versos tradicionais.
  • A desaparición da rima e do ritmo dos versos.
  • A descolocación de versos e estrofas.
  • A intercalación de espazos en branco para resaltar os silencios.

A súa intención é crear unha imaxe plástica do poema para presentar varias perspectivas ao mesmo tempo. Tamén introduce termos mariñeiros e técnicos que relacionan a súa obra co futurismo e destaca a súa innovación na creación de semellanzas léxicas e asociacións de imaxes.

En resumo, na obra de Manuel Antonio hai aspectos vangardistas como a actitude obxectiva, o distanciamento do contido poético, a linguaxe e o vocabulario innovadores, o humor e a ironía, que son matizados polo evidente compromiso ideolóxico, pola presenza da voz poética, a aproximación á natureza e un certo sentimentalismo.

Descargar

PDF Word HTML