Conceptos clave da Historia Antiga de Galicia

Clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,61 KB

Economía predadora

É aquela que se caracteriza por consumir os recursos da natureza sen xerar produción e que está baseada na caza de animais, a pesca e a recolección de froitos silvestres. É característica da Prehistoria na súa primeira fase ou Paleolítico. Oponse á economía produtiva, que consiste no desenvolvemento da agricultura e a gandaría.

Megalitismo

Cultura xurdida no Calcolítico ou Idade de Cobre (3500-2200 a.C.) en numerosas áreas peninsulares e europeas e caracterizada polas construcións, a maioría delas con finalidade funeraria, feitas a base de grandes pedras que dan nome á Cultura Megalítica. A súa tipoloxía é moi variada e de distinta complexidade: dólmenes, menhires, taulas…

Guerras cántabras

Supoñen a última etapa no proceso de conquista romana da Península Ibérica. Comprenden unha serie de campañas militares nas que participou persoalmente o emperador Octavio Augusto entre os anos 29 e 19 a.C. Rematan coa total derrota dos cántabros, ástures e galaicos.

Conventus

Subdivisión territorial das provincias da Hispania romana. Eran unidades administrativas de carácter xudicial, de recadación de impostos e de recrutamento de tropas. Engloban varias civitas.

Bárbaros

Individuos de calquera das tribos ou pobos situados á marxe das civilizacións grega e romana. Dende os primeiros séculos da nosa era realizaron incursións contra a civilización romana ata que no século V conseguiron destruír o Imperio Romano e asentarse na maior parte de Europa. De distinta orixe (xermanos, eslavos…), destacan os suevos, vándalos, godos, hunos, francos…

Aula Regia (palatinum)

Organismo do Estado hispanogodo que colaboraba co rei na elaboración das leis e o asesoraba en asuntos políticos, militares e xudiciais. Formaban parte del os magnates que vivían na corte, os gobernadores provinciais, os membros da comitiva real, os xefes militares, os xuíces das cidades e os xefes dos distintos servizos de palacio.

Castro

Asentamento ou poboado característico dos pobos prerromanos no noroeste peninsular. Estaban situados en lugares defensivos (cerros…) e rodeados de fortificacións (murallas, foxos…) de pedra e terra. No seu interior acollían construcións domésticas realizadas en pedra nas que predomina a planta redondeada. A súa área cultural comprendía a actual Galicia e prolongábase cara ao sur ata o río Douro e polo leste ata o río Sella. Foron abundantes na segunda Idade de Ferro (a partir do s. VI a.C.) e desaparecerán coa romanización.

Entradas relacionadas: