Conceptos clave do século XVIII: Absolutismo a Liberalismo

Enviado por Nuria y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,22 KB

Absolutismo

O absolutismo era o sistema político que rexía na maior parte de Europa a principios do século XVIII. O rei concentraba o poder lexislativo, executivo, xudicial, militar, etc. Naceu en Francia no século XVII durante o reinado de Luís XIV. Apoiábase nas teorías de pensadores como Bossuet, que defendían a orixe divina da monarquía, polo que nada, ningunha lei nin institución podían estar por riba do rei.

Mercantilismo

O mercantilismo era un sistema económico desenvolvido polo ministro de facenda de Luís XIV, Jean Colbert, que defendía tres ideas:

  • Un estado era máis rico cantos máis metais preciosos (ouro e prata) acumulase.
  • Para captar estes metais, era necesario fomentar as exportacións e restrinxir as importacións.
  • Isto implicaba un forte proteccionismo económico, con altos impostos aos produtos estranxeiros para evitar que se vendesen dentro do país. O estado interviña noutros aspectos da economía.

Sufraxio censitario

O sufraxio censitario é un sistema no que só se lle permite votar ou presentarse nas eleccións a aquela persoa que teña unha determinada renda ou propiedade.

Centralización

A centralización é un modelo de goberno e administración en que as decisións se toman por unha soa persoa ou institución, sen delegar autoridade.

Réxime señorial

O réxime señorial era un sistema polo que os campesiños traballaban nos señoríos, terras pertencentes á nobreza e ao clero, a cambio dunhas rendas. Os señores, ademais, exercían a súa xurisdición no territorio.

Gremio

Un gremio era unha asociación profesional de artesáns que controlaba a produción de manufacturas e fixaba unhas condicións determinadas para acceder ao oficio e elaborar produtos.

A industria

A industria foi principalmente impulsada polos reis, xa que o clero e a nobreza non tiñan interese, e a burguesía tampouco podía porque non tiña capacidade. A monarquía intentou renovar o sistema produtivo creando manufacturas reais, que eran máis ben grandes obradoiros artesáns ca industrias modernas.

Comercio

O comercio exterior crecera moito grazas á expansión colonial e ao aumento da demanda. Porén, o comercio interior tiña problemas debido ao control gremial, a pervivencia de aduanas interiores e a mala calidade das vías de comunicación. O comercio foi a actividade que permitiu o enriquecemento da burguesía.

Liberalismo político

O liberalismo político foi a base teórica da monarquía parlamentaria inglesa. Esta doutrina foi enunciada por John Locke, que definiu os seus principios básicos: a liberdade, a igualdade ante a lei e a propiedade como criterio de diferenciación social.

Ilustración

A Ilustración foi un movemento intelectual que se desenvolveu en Europa ao longo do século XVIII. Os pensadores ilustrados partían de tres principios:

  • Era posible analizar a sociedade aplicando a razón.
  • O ser humano era o centro das súas teorías.
  • Afirmaban que a tolerancia debía ser a base da convivencia humana.

Desamortización

Desamortizar significa privar da propiedade da terra aos propietarios que non a explotasen correctamente.

Absolutismo ilustrado

O absolutismo ilustrado ou despotismo ilustrado era o sistema político que nace da aplicación das ideas ilustradas por parte da monarquía absoluta. O despotismo ilustrado apoiouse na fisiocracia, que era unha teoría económica enunciada por Quesnay. Para os fisiócratas, a riqueza dunha economía dependía da agricultura.

Revolucións burguesas

As revolucións burguesas foron o proceso de conquista do poder por parte da burguesía.

Liberalismo revolucionario

O liberalismo revolucionario foi o pensamento no que se apoiaron as revolucións burguesas e do cal extraeron dous principios esenciais: a separación de poderes e a soberanía nacional.

Separación de poderes

A separación de poderes foi desenvolvida por Montesquieu, que defendía a existencia de tres poderes principais (lexislativo, executivo e xudicial) e a necesidade de que unha soa persoa ou institución non os acumulase.

Soberanía nacional

A soberanía nacional foi exposta por Rousseau. Para el, o poder corresponde á nación, é dicir, ao conxunto de cidadáns. A constitución é o pacto entre a nación e o estado, onde se recollen os dereitos e deberes de ambas partes. O poder emana da nación e o rei é tan só un representante da nación.

Liberalismo económico

O liberalismo económico é a doutrina económica que vai unida ás revolucións burguesas.

Librecambismo

O librecambismo, defendido por Adam Smith, sostiña que o estado debía permitir que os intereses económicos se fixasen libremente sen protexer os produtos propios mediante impostos fronteirizos.

Entradas relacionadas: