Conceptos Clave da Transición Española e o Franquismo
Clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,77 KB
Lei para a Reforma Política (LRP)
A Lei para a Reforma Política (LRP) foi a última Lei fundamental do Franquismo. Impulsada por Adolfo Suárez, serviu para disolver as Cortes Franquistas e sentar as bases para o réxime democrático, convocando unhas eleccións xerais. Para aprobar esta Lei, necesitábase a aprobación do Consejo Nacional del Movimiento e das Cortes. Torcuato Fernández Miranda foi decisivo, logrando que o Consello do Movemento aprobase a LRP tramitando a Lei polo procedemento de urxencia, evitando que pasase pola Comisión das Cortes, controlada por xente do búnker. A aprobación desta Lei polas Cortes entre os días 16 e 18 de novembro de 1976 foi un dos momentos máis decisivos da Transición.
Nacionalcatolicismo
O Nacionalcatolicismo representou a actualización dos vellos postulados do conservadorismo e tradicionalismo español. O catolicismo e a confesionalidade do Estado foron dous principios básicos que lle permitiron distanciarse do laicismo da II República. O carácter confesional daba por feito que todo bo español tiña que ser católico, e as demais relixións eran moi mal vistas por un Réxime que aspiraba á uniformidade de pensamento dos cidadáns.
Pactos da Moncloa
Os Pactos da Moncloa foron acordos políticos e sociais impulsados por Enrique Fuentes Quintana e asinados en outubro de 1977 por todas as forzas políticas con representación parlamentaria. Establecían mediante o consenso unha serie de acordos de índole política, social e económica co compromiso de aceptar a moderación salarial a cambio dunha reforma fiscal (para reducir a inflación e mellorar a balanza de pagamentos).
Ademais, existían outros compromisos:
- Creación de novos postos escolares.
- Aumento das prestacións da Seguridade Social.
- Control do Gasto Público.
Plan de Estabilización de 1959
O Plan de Estabilización de 1959 foi un plan económico dirixido por Laureano López Rodó que introduciu medidas liberalizadoras da economía, propiciando o desarrollismo. O obxectivo era modernizar a economía mediante a súa flexibilización, liberalizando prezos e suprimindo a intervención. A peseta fixouse segundo os tipos do FMI e o goberno comprometíase a reducir a inflación. O modelo autárquico foi abandonado, pero a parte negativa foi o reaxuste salarial e o aumento do paro e da emigración.
Platajunta
A Platajunta foi un organismo creado polas principais forzas políticas da oposición para conseguir institucións democráticas en España. En xullo de 1974, e por iniciativa de Santiago Carrillo, líder do PCE, formouse en París a Junta Democrática. En xuño de 1975, creouse a Plataforma de Convergencia, liderada polo PSOE. Os contactos entre ambas as dúas organizacións fixeron que o 30 de outubro de 1975 a súa fusión dese lugar á Platajunta.
Sección Feminina
A Sección Feminina foi a rama feminina de Falanxe e, posteriormente, de FET-JONS. Estivo dirixida dende 1934 ata 1977 por Pilar Primo de Rivera e preparaba ás mulleres para ser perfectas amas de casa, ensinándolles:
- Cociña
- Costura
- Coidado dos nenos
- Tarefas do fogar, etc.
Do mesmo xeito que os homes cumprían co Servizo Militar, as mulleres debían prestar Servizo Social.
Sindicato Vertical Franquista
O Sindicato Vertical foi o sindicato único do Franquismo, de clara inspiración fascista. Significou a desaparición de todos os sindicatos e a inclusión de todos os traballadores en corporacións de carácter vertical, na que estaban de forma xerárquica os patróns e os obreiros baixo a supervisión do Ministerio de Traballo.
A organización sindical organizábase en tres esferas:
- A campesiña.
- A artesanal-industrial.
- A marítima.
Durante o Franquismo, o Sindicato, ademais de regular a vida laboral, era tamén a canle de participación na vida política nunha dobre vía:
- A representativa.
- A electiva.
Unión de Centro Democrático (UCD)
A Unión de Centro Democrático (UCD) foi unha coalición política e, posteriormente, un partido político español liderado por Adolfo Suárez, que exerceu un papel protagonista durante a transición á democracia, liderando o Goberno de España entre 1977 e 1982. Dentro do seu seo coexistían numerosas «familias» políticas.
Despois da dimisión e saída de Adolfo Suárez en febreiro de 1981, o partido entrou nunha descomposición que acabaría coa perda de máis de 157 parlamentarios nas eleccións xerais de 1982, o que se traduciría na súa disolución uns meses máis tarde.