Conceptos Fundamentais: Arkhé e o Principio de Non Contradición
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,53 KB
Noción de Ser Entendida como «Arkhé»
É dicir, como principio de todas as cousas, como o comezo temporal que permanece en canto substrato material, determinando o modo de ser da totalidade do real. Teses:
Que o principio de todas as cousas non pode ser el mesmo unha cousa, por dúas razóns:
Porque se fose unha cousa, tería que ter unha identidade propia e diferenciada da identidade das demais cousas, e entón xa non sería o que todas as cousas teñen en común, xa non sería o substrato último e común do que están feitas as cousas.
Porque se fose unha cousa, tería que estar determinada a través das súas relacións coas demais cousas e ocupar unha posición determinada dentro da orde do todo, e entón xa non sería o fundamento desa orde.
Que o principio de todas as cousas ten que ser concibido tomando pé na experiencia que temos das cousas. Ese principio ten que ser pensado por medio de categorías que só teñen sentido e validez con respecto ás cousas da experiencia, pero que non son válidas para pensar axeitadamente «algo» que (por definición, segundo a primeira tese) desborda a nosa capacidade de experiencia, categorías que non son válidas para pensar a totalidade e o fundamento da totalidade.
Por que o Principio de Non Contradición é Indemostrable
Porque, ao ser o principio maximamente xeral (rexe sobre todo o posible e sobre todo o pensable), non hai, por definición, ningún principio máis xeral do que poder derivalo para a súa fundamentación.
Porque, ao ser constitutivo do propio pensamento, a súa verdade está presuposta en toda explicación posible, e polo tanto non pode ser demostrado sen cometer petición de principio.
Como Probar o Principio de Non Contradición
Aínda que o Principio de Non Contradición sexa absolutamente indemostrable (como o son os postulados), pódese probar a súa verdade indirectamente, probando que resulta imposible negalo.
Refutativa ou indirecta: posúe a estrutura dunha redución ao absurdo; en lugar de demostrar directamente a verdade dunha tese, o que fai é probar indirectamente esa verdade, demostrando que a negación desa tese é falsa e mesmo imposible.
Práctica ou pragmática: porque analiza as consecuencias prácticas do propio acto de negar unha tese para probar que este acto resulta imposible cando a tese negada é o Principio de Non Contradición.