Constitucionalización e Internacionalización Laboral: Análise

Clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,02 KB

4. Do tema 6, «A constitucionalización e a internacionalización das relacións laborais»

Os temas obreiros non só chamaron a atención do lexislador ordinario, senón que tamén acabaron chamando a atención do lexislador extraordinario, mediante a plasmación de tales temas en textos constitucionais e internacionais.

No Estado Español, este fenómeno da constitucionalización e internacionalización da regulación das relacións laborais é propio do século XX, rexistrando unha cronoloxía peculiar marcada por tres grandes fitos, que son o noso ingreso na Organización Internacional do Traballo en 1919, que abre o proceso de internacionalización do Dereito español do Traballo; a promulgación da Constitución da II República de 1931, que abre o proceso de constitucionalización do Dereito español do Traballo; e o noso ingreso nas Comunidades Europeas en 1986, que abre o proceso de europeización do Dereito español do Traballo.

A etapa actual da regulación do sistema español de relacións laborais iníciase a partir da Constitución Española de 1978. Nela concorren fenómenos aparentemente independentes, pero que en España presentan unha constatable interconexión contemporánea, dando lugar a «unha serie de reformas lexislativas importantes; esixidas ou aconselladas unhas pola transformación das bases de sustentación do Dereito do Traballo operada no texto constitucional, condicionadas outras pola incorporación á Comunidade Europea, e determinadas outras, en fin, polas profundas transformacións do sistema produtivo experimentadas.

5. Do tema 7, «As normas laborais constitucionais»

As normas laborais constitucionais son os preceptos de contido laboral recollidos na Constitución española de 1978. Do mesmo xeito que a xeneralidade de constitucións europeas posteriores á segunda guerra mundial, a nosa contén múltiples referencias a aspectos laborais no seu Título I.

Os preceptos constitucionais máis importantes para a cidadanía litigante, tamén desde o punto de vista laboral, son os mencionados no artigo 53.2 da Constitución (os artigos 14 a 30), posto que permiten aos tribunais laborais declarar nulas as actuacións realizadas en contravención dos dereitos fundamentais e liberdades públicas que devanditos preceptos constitucionais regulan.

Destes dezasete preceptos constitucionais sobre dereitos fundamentais e liberdades públicas, soamente dous teñen un contido laboral, aínda que todos son de aplicación aos traballadores pola súa cidadanía. Son o artigo 25.2, sobre o traballo remunerado e os beneficios da seguridade social das persoas condenadas a penas de prisión, e tamén, principalmente, o artigo 28, cuxo apartado 1 afirma o dereito que todos teñen a sindicarse libremente, e cuxo apartado 2 recoñece o dereito á folga dos traballadores.

6. Do tema 8, «A ignorantia legis non excusat e o dereito á información xurídica da cidadanía»

No Estado español, o aforismo xurídico romano «ignorantia legis non excusat» estivo sempre presente en textos normativos, aparecendo recollido na actualidade no Código Civil, en virtude do cal «a ignorancia das leis non escusa do seu cumprimento». A respecto disto, hai que indicar que a xurisprudencia laboral afirma que nas leis aludidas tamén están incluídas as leis laborais, as leis de seguridade social e os convenios colectivos. Este vello aforismo acabou tendo progresivamente tres facetas, complementarias entre si. A primeira alude á presunción de coñecemento da lei por parte da cidadanía, por causa do feito da súa publicación en periódicos oficiais. A segunda alude á eventual eficacia xurídica da proba de falta de coñecemento da lei. E a terceira alude ao deber que ten o Estado de facilitar á cidadanía o exercicio do dereito subxectivo a poder coñecer a lei, a respecto do cal foi pioneiro o Dereito francés, posibilitando o coñecemento do Dereito a través de Internet de forma pública, completa e gratuíta.

Entradas relacionadas: