Contabilidade e Patrimonio Empresarial
Clasificado en Economía
Escrito el en gallego con un tamaño de 44,97 KB
1.1.- O Patrimonio da Empresa: Concepto
O patrimonio dunha empresa pódese definir como o conxunto de bens, dereitos e obrigacións que constitúen os medios económicos e financeiros a través dos que esta pode cumprir os seus fins.
Elementos Patrimoniais
- Bens: Elementos da empresa que poden ser obxecto de dereito e serven para satisfacer necesidades.
- Dereitos de cobro: Representan as mercadorías vendidas e aínda non cobradas pola empresa.
- Obrigacións: Documentos que recoñecen unha débeda e o compromiso do seu pago. Son as débedas que a empresa ten que pagar.
Masas Patrimoniais
Unha masa patrimonial é un conxunto de elementos cun mesmo significado económico ou financeiro. Os elementos patrimoniais agrúpanse en masas patrimoniais atendendo a características comúns:
- Activo: Bens e dereitos.
- Pasivo: Débedas ás que debe facer fronte a empresa.
- Neto patrimonial: Obrigacións que non comportan esixencia de devolución porque se establecen ben coa propia empresa ou ben cos seus socios.
1.2. Valoración dos Elementos Patrimoniais
Á hora de valorar os elementos do activo material hai que ter en conta que sofren co tempo variacións no seu valor, debido a diferentes causas.
1.3. Métodos de Valoración de Existencias
As existencias son as mercancías destinadas á venda que a empresa ten depositadas en almacén, así como os bens que se van incorporar ao proceso produtivo, no seu caso. Se as existencias son produtos comprados pola empresa valóranse ao prezo de adquisición. Se son produtos elaborados na empresa, valóranse ao custo de produción.
- Prezo de adquisición: Importe total da compra, segundo a factura do provedor, sen incluír o IVE deducible, máis todos os gastos da operación.
- Custo de produción: Suma do prezo de adquisición das materias primas e dos materiais consumidos na fabricación, dos custos directos da produción e da parte proporcional dos custos indirectos.
1.4. A Imaxe Fiel
A contabilidade é un sistema de información que procura coñecer o estado do patrimonio dunha empresa, mediante o rexistro de todas as transaccións económicas que se producen na mesma. Ten a finalidade de mostrar unha imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da empresa, referida á data de finalización do exercicio económico.
Para iso, o rexistro contable debe ser fiable, comprensible, comparable e relevante.
1.5. Contas Anuais
As contas anuais teñen a finalidade de mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da empresa, referida á data de finalización do exercicio económico. Toda esta información debe depositarse no Rexistro Mercantil.
1.6. Estrutura do Balance
O activo indica as inversións que realizou a empresa e o patrimonio neto e o pasivo mostran de onde veñen os fondos que financiaron as inversións.
Características do balance:
- Refírese a unha data determinada.
- Exprésase en euros.
- O total do activo é igual á totalidade do patrimonio neto máis o pasivo.
- No activo ordénanse todos os elementos de menor a maior liquidez.
- O patrimonio neto e o pasivo ordénanse de menor a maior esixibilidade.
1.7. As Contas
Entendemos por saldo da conta, a diferenza entre os totais do debe e do haber:
- Debe > haber: saldo debedor.
- Debe < haber: saldo acredor.
- Debe = haber: saldo cero. Conta saldada ou cancelada.
Plan Xeral Contable (PXC) que é de aplicación obrigatoria na contabilidade das empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica.
1.8. Memoria
A memoria é o documento que ten por finalidade completar, ampliar e comentar a información contida nos outros documentos que forman as contas anuais. Debe facilitar información comparativa, incluso de carácter descritivo, en sintonía co disposto no Plan Xeral de Contabilidade. Algúns puntos importantes son: actividade da empresa, ingresos e gastos, débedas, fondos propios.
Informe de Xestión
É un documento que están obrigados a realizar todas as sociedades e aínda que non forma parte integrante das contas anuais, presentase xuntamente con elas.
Informe de Auditoría
É a análise feita polos auditores externos sobre a actividade da empresa, e no que se expresa unha opinión sobre as contas anuais da empresa.
1.9. Estado de Cambios no Patrimonio Neto
Documento que reflicte o valor inicial do patrimonio neto e informa sobre as súas variacións ao longo do exercicio. Este documento consta de dúas partes:
- Estado de ingresos e gastos recoñecidos: Reflicte os ingresos e gastos durante o exercicio.
- Estado total de cambios no patrimonio neto: Recolle todos os movementos do patrimonio neto incluídos os procedentes de transaccións realizadas cos propietarios da empresa.
2.1 Estado de Fluxos de Efectivo
Informa sobre as variacións, aumentos ou diminucións, dos saldos de “efectivo” da empresa. É dicir, avalía a capacidade da empresa para xerar tesourería.
2.2 Obrigacións Contables
Son obrigatorios os seguintes libros:
- Libro diario: Rexistro diario das operacións económicas e financeiras, indicando o debedor, o acredor, e unha breve explicación da operación de que se trata.
- Libro de inventarios e contas anuais: Ábrese co balance inicial, recolle trimestralmente os balances de comprobación de sumas e saldos e péchase co inventario de peche e coas contas anuais.
- Contas anuais: Documentos que reflicten a situación da empresa.
- Outros libros obrigatorios, aínda que non contables, son o Libro de Actas que recolle os acordos das xuntas da empresa, o Libro rexistro dos socios e das accións nominativas nas sociedades anónimas, o Libro de visitas dos órganos de inspección de traballo, e o Libro de matrícula de persoal que leva control das altas e baixas das traballadoras/es.
Libros non Obrigatorios
O libro maior facilita un control individualizado de cada conta, recolle a situación real de cada elemento patrimonial. As diferentes contas que se empregan aparecen no Plan Xeral de Contabilidade.
2.3. Auditoría de Contas
Órgano externo á empresa que controla aos administradores en nome dos socios, nomeado pola Xunta Xeral cunha duración entre 3 e 9 anos.
2.4. Balance Social
O balance social informa da responsabilidade social da empresa na súa relación cos axentes sociais. Nace da necesidade de pedir contas ás empresas pola súa xestión, non só económica, senón tamén social. Trátase de coñecer o impacto da actividade da empresa na sociedade na que está inmersa.
2.5 Fondo de Manobra
Un comportamento empresarial prudente sería que o investimento no activo non corrente sexa financiado mediante débedas a longo prazo ou fondos propios; mentres que as débedas a curto prazo deben financiar unicamente parte dos investimentos no activo corrente, non a totalidade, para evitar dificultades de tesourería por posibles desfases na xestión de cobros e pagos.
2.6. Período Medio de Maduración
Durante o período de maduración, cada euro empregado na compra de materias primas estará investido certo tempo en:
- Período de almacenamento: Tempo que pasan as materias primas no almacén.
- Período de fabricación: Tempo que tarda un produto en ser elaborado.
- Período de venda: Tempo de permanencia no almacén de produtos terminados.
- Período de cobro: Crédito aos clientes polo aprazamento do pago.
O período medio de maduración é o tempo que a empresa tarda en recuperar cada euro investido no seu ciclo de explotación.