Contexto da Literatura Galega Medieval: Orixes e Formas

Clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,65 KB

Contexto da Literatura Galega Medieval

Alta Idade Media (s. V - mediados XI)

Caracterizada por unha economía de subsistencia (agraria), pola perda da unidade política e administrativa debido ás constantes guerras e invasións que xeraron un clima de inseguridade. Esta situación propicia que os nobres terratenentes protexan aos pequenos propietarios, dando lugar a un novo sistema social (feudalismo) a partir do s. XIII. A cultura concéntrase nos mosteiros, onde estaban os monxes, que eran case os únicos que sabían ler e escribir. Dedícanse a recoller coñecementos da época e copiar textos.

Baixa Idade Media (mediados s. XI - finais XV)

Sociedade na Baixa Idade Media

Prodúcese un rexurdir da vida urbana que dará lugar ao desenvolvemento da produción artesanal e comercial, o que fará que apareza a burguesía (artesáns e comerciantes organizados en gremios). Aínda así, a maior parte da poboación vivía no campo. Tamén comeza unha etapa de esplendor en Galicia coa "Era Compostelá", na que Galicia exerce un predominio político sobre os outros territorios, ata que se une a Castela. Dáse un sistema social estamental no que se diferencian tres grupos:

  • Nobreza: posúe terras, ten privilexios e a súa misión é participar nas guerras.
  • Clero: clase privilexiada que posúe a cultura e se dedica á vida espiritual.
  • Campesiñado: maioría da poboación, dedícase a traballar no campo e ten que pagar rendas.

O reparto desigual de riqueza provocará conflitos sociais e crises demográficas. A relixión ten unha gran importancia na sociedade da Europa occidental, ata o punto de perseguir aos herexes e estimular o proceso da Reconquista contra os árabes. Prolifera a creación de mosteiros e a peregrinación a lugares sagrados (Roma, Xerusalén e Santiago, despois de atopar os restos do apóstolo Santiago, que se converte nun dos lugares de peregrinación máis importantes de Occidente).

Economía na Baixa Idade Media

A poboación vivía nunhas condicións moi malas que melloran grazas á produción agraria, que reduce a fame, as mortes e aumenta a poboación. No s. XIV, diminúe debido á guerra e á Peste Negra. A partir da segunda metade do s. XV comezará a recuperación.

Cultura na Baixa Idade Media

A cultura en Europa florece nesta época: nacen universidades e desenvólvese a cultura popular que se manifestará na arquitectura, música e literatura. Debido á mellora económica, nos castelos lévase unha vida ociosa que axuda a que se creasen centros culturais nas cidades, que foron adquirindo importancia grazas a outros condicionantes (o ascenso social da muller...). Isto deu lugar á aparición da lírica provenzal, desenvolvida en Francia e Cataluña, cuxo tema principal foi o amor cortés. A literatura, aínda que se seguía producindo en latín, incrementou a súa produción na lingua vulgar. Cultívase a épica, a novela e a lírica.

Orixes da Lírica Profana Galega

  • A tese folclórica: Baséase na idea romántica do pobo creador. Desde esta perspectiva, a lírica nacería da tradición popular.
  • A tese mediolatina: Para os medialatinistas, a literatura medieval é un fenómeno de alta cultura con orixe na poesía latina medieval dos goliardos.
  • A tese arábico-andaluza: Establece as fontes da lírica románica na poesía árabe e na súa cultura.
  • A tese litúrxica e paralitúrxica: Céntrase nas formas rítmicas e pretende derivar o lirismo trobadoresco das formas da poesía da Igrexa cristiá.

Tipos de Cobras na Lírica Medieval

  • Unisonantes: todas as cobras teñen a mesma rima.
  • Singulares: cada cobra presenta rima distinta das demais.
  • Dobras: cada parella de cobras ten a mesma rima.
  • Ternas: mesma rima para cada tres cobras.
  • Alternadas: as cobras pares reproducen unha rima e as impares outra.
  • Capfinidas: cada cobra comeza pola última palabra ou secuencia de palabras da anterior.
  • Capcaudadas: a rima do último verso dunha cobra repítese no primeiro da seguinte.
  • Capdenals: repetición dunha ou varias palabras no mesmo lugar do verso en cobras sucesivas.
  • Retrogradadas: a segunda cobra repite en orde inversa a distribución de rimas da primeira.

Entradas relacionadas: