Crise da Restauración e Desarticulación do Sistema Canovista

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,43 KB

A crise da Restauración (a desarticulación do sistema canovista)

No reinado de Afonso XIII (1902-1931) produciuse unha progresiva desarticulación do sistema canovista debido ás excesivas intervencións do monarca en asuntos políticos e militares; fraccionamento e descomposición dos partidos dinásticos, tanto no Partido Conservador polo asasinato de Cánovas, como no Partido Liberal despois da morte de Sagasta, de xeito que os novos líderes conservadores (Silvela, Maura, Dato, La Cierva) e liberais (Canalejas, García Prieto, Romanones) non foron capaces de aglutinar os seus partidarios; o crecente papel do exército na vida política, en defensa dos seus intereses corporativos e con posturas cada vez máis autoritarias.

De feito, en 1905, o Goberno non se atreveu a castigar uns oficiais da guarnición de Barcelona que asaltaran as redaccións de prensa da revista satírica Cu-Cut! e do xornal La Veu de Catalunya que defendían o catalanismo e criticaban ao exército. Deste modo, o poder militar impúxose ao poder civil ao conseguir, co consentimento do rei, a aprobación da nova Lei de xurisdicións de 1906 pola que se sometía ao código militar o xuízo de delitos de opinión e obra contra a unidade da patria e contra o exército. Houbo, polo tanto, un cambio na mentalidade da clase militar que pasou de apoiar a unha ou outra das faccións políticas liberais a defender os seus intereses corporativos e considerarse os salvadores da patria e da unidade nacional. Ademais, mantívose o fraude electoral e o caciquismo que eran cada vez máis insoportables para a opinión pública.

Produciuse unha crecente contestación política ao sistema por parte das clases medias urbanas, que apoiaron a republicanos e nacionalistas e lograron un maior control do poder municipal, rompendo o monopolio dos partidos dinásticos. A conflitividade social foi en aumento debido ás difíciles condicións de vida e traballo das masas populares nos inicios da industrialización, xunto coa dura represión da patronal e do Goberno ante as súas demandas. Foron moi frecuentes os atentados terroristas dos anarquistas que alcanzaron ao rei, aos xefes de Goberno (Maura, Canalejas, Dato), empresarios e eclesiásticos. Tamén se produciu un enfrontamento irreconciliable entre o catolicismo intransixente da Igrexa, apoiado pola Coroa, e as correntes anticlericais estendidas entre republicanos e organizacións obreiras (PSOE, UXT, CNT).

Outro dos factores que contribuíu á crise do sistema foron as sucesivas derrotas militares no norte de Marrocos, onde España trataba de consolidar a súa posición para compensar a perda de colonias de 1898. Asinou acordos con Francia para establecer un protectorado na rexión do Rif, zona inhóspita, habitada por cabilas ou tribos bérberes, dirixidas por Abd el-Krim, que opuxeron unha férrea resistencia, obrigando a España a empregar fortes continxentes militares e convertendo este problema nun dos principais dos gobernos e causa de graves tensións políticas, militares e sociais, como se evidenciou na Semana Tráxica de Barcelona de 1909.

Os intentos de reforma de Maura (nova Lei de reforma electoral e Lei de administración local) e de Canalejas (Lei de asociacións relixiosas, Lei de mancomunidades provinciais e Lei de recrutamento) fracasaron e acabaron minando a monarquía constitucional e facilitando o golpe de estado de Primo de Rivera en 1923.

Entradas relacionadas: