Cronoloxía do Galeguismo

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,52 KB

18 de maio de 1916: Fundación das Irmandades da Fala

Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da RAG na Coruña. Asistiron arredor de 20 persoas, entre elas Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carre Aldao, Luis Porteiro Garea, Francisco Tettamancy e Ramón Vilar Ponte. Acordouse a creación da Irmandade dos Amigos da Fala, que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua galega, e nomeouse a Antón Vilar Ponte como Primeiro Conselleiro.

20 de outubro de 1920: Nacemento da revista Nós

Na cidade de Ourense naceu a revista Nós. Arredor dela xurdiu un grupo de autores literarios que, a partir da Asemblea de Monforte (1922), se foron integrando de cheo nas estruturas das Irmandades da Fala. A revista Nós estaba conformada principalmente, no seu inicio, polos integrantes do cenáculo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e Castelao. Posteriormente, a revista vería chegar novos autores.

12 de outubro de 1923: Nacemento do Seminario de Estudos Galegos

Un grupo de estudantes da Universidade de Santiago realizou unha peregrinación entre Compostela e Ortoño (Ames), seguindo as pegadas de Rosalía. Este acto simbólico supuxo o nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG), que se constituíu oficialmente o 21 de outubro na casa do catedrático Armando Cotarelo Valledor. A el uníronse boa parte da intelectualidade galega que xiraba ao redor do Grupo Nós. O SEG foi un dos grandes proxectos culturais e científicos do galeguismo, unha iniciativa que buscaba "rescatar a cultura galega", afondar na investigación e na formación e afianzar a difusión.

5 e 6 de decembro de 1931: Fundación do Partido Galeguista

O Partido Galeguista de Pontevedra convocou a VII Asemblea Nacionalista co propósito de crear un partido nacionalista. Á convocatoria acudiron 32 grupos e irmandades, entre os que destacan o Grupo Autonomista Galego de Vigo, Labor Galeguista e o Partido Nacionalista Republicano de Ourense. Tamén participaron representantes da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina e da sección arxentina da ORGA. A Nosa Terra foi o voceiro do PG no período 1932-1936. Nesta Asemblea decidiuse a disolución das Irmandades da Fala, integrándose os seus membros no Partido Galeguista que naceu nese momento. O acordo de constitución reclamou, por primeira vez na historia de Galicia, o dereito de autodeterminación e proclamou, como primeiro obxectivo político, a redacción dun Estatuto de Autonomía. Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo formaron parte do Consello Executivo.

18 de xullo de 1936: Golpe de Estado e represión

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, denominado "Alzamento Nacional" polo bando sublevado, foi unha insurrección de carácter militar perpetrada contra o goberno da Segunda República Española. O seu fracaso parcial conduciu á Guerra Civil Española (1936-1939) e á posterior ditadura franquista. Tras a sublevación comezou a represión dos militantes galeguistas. Algúns dirixentes, como Johan Carballeira, Ánxel Casal, Manuel Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas ou Alexandre Bóveda, foron fusilados; outros marcharon ao exilio. Aínda así, o PG desaprobou a participación dos seus militantes na guerrilla antifranquista.

A sociedade galega entrou nun período escuro sen cultura, literatura ou calquera outra expresión artística ou política propia.

Entradas relacionadas: