Descartes e as Ideas: O Camiño á Realidade Extramental
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,83 KB
O Punto de Partida: A Certeza do Eu Pensante
Temos xa unha verdade absolutamente certa: a existencia do eu como suxeito pensante. Esta existencia indubidable do eu non parece implicar, non obstante, a existencia de ningunha outra realidade. Como demostrar a existencia dunha realidade extramental, exterior ao pensamento?
O Desafío de Descartes: Deducir a Realidade
O problema é enorme, sen dúbida, xa que a Descartes non lle queda máis remedio que deducir a existencia da realidade a partir da existencia do pensamento. Fagamos balance e inventario dos elementos con que contamos:
- O pensamento como actividade (o eu penso).
- As ideas que pensa o eu.
A Natureza Dual das Ideas
A afirmación de que o obxecto do pensamento son as ideas (non as cousas) leva a Descartes a distinguir coidadosamente dous aspectos nelas:
- As ideas en canto que son actos mentais («modos de pensamento», en expresión de Descartes).
- As ideas en canto que posúen un contido obxectivo.
En canto actos mentais, todas as ideas posúen a mesma realidade; en canto ao seu contido, a súa realidade é diversa. Hai, pois, que partir das ideas e sometelas a unha análise coidadosa para tratar de descubrir se algunha delas nos serve para rachar o cerco do pensamento e saír á realidade extramental.
A Clasificación das Ideas en Descartes
Ao realizar esta análise, Descartes distingue tres tipos de ideas:
1. Ideas Adventicias
Son aquelas que parecen provir da nosa experiencia externa (ideas de home, árbore, cor, etc.). Son produto da facultade sensible, da nosa sensibilidade.
2. Ideas Facticias
Son aquelas que constrúe a mente a partir doutras ideas (unicornio, cabalo alado, etc.). Estas son produto da nosa imaxinación.
Limitacións das Ideas Adventicias e Facticias
É claro que ningunha destas ideas pode servirnos como punto de partida:
- As adventicias, porque parecen provir do exterior e, por tanto, a súa validez depende da problemática existencia da realidade extramental.
- As facticias, porque ao seren construídas polo pensamento, a súa validez é cuestionable.
3. Ideas Innata
Existen, non obstante, algunhas ideas que non proceden do exterior nin tampouco as construímos, senón que o pensamento as posúe en si mesmo, é dicir, son innatas. Esta é unha afirmación fundamental do racionalismo.
Ideas innatas son, por exemplo, as ideas de «pensamento» e a de «existencia», que nin son construídas por min nin proceden de experiencia externa ningunha, senón que as atopo na percepción mesma do «cogito, ergo sum».