A Descolonización: Causas, Consecuencias e o Legado Colonial

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,76 KB

Causas da Descolonización

A descolonización é o proceso polo cal as colonias dos imperios europeos logran a súa independencia. As causas principais son:

Impacto da Segunda Guerra Mundial

  • Esta guerra mostrou a debilidade das potencias imperiais europeas, e o mito da invencibilidade europea estaba roto.
  • A formación de guerrillas e a inclusión de tropas coloniais nos exércitos serviu para formar numerosos cadros que despois encabezarían os procesos de independencia.
  • Esgotadas polo conflito, as potencias europeas tiveron graves problemas económicos e militares para poder sosterse.

Os desexos de independencia relacionábanse co desenvolvemento das ideas de liberdade e democracia.

Aparición de Movementos Anticolonialistas

Tras a guerra xurdiron movementos nacionalistas. As súas orixes ideolóxicas procedían de tres fontes:

  • A Internacional Comunista, que impulsou a creación de partidos desta ideoloxía en todo o mundo.
  • Ideoloxías indixenistas, que propugnaban a recuperación das culturas autóctonas.
  • A defensa da identidade relixiosa, aspecto moi importante nalgúns países islámicos.

Tamén foi importante o papel desempeñado por algúns líderes locais. A forza dirixente destes grupos independentistas estaba nas burguesías comerciais e administrativas, que conformaban a minoría dominante local.

Os Cambios na Opinión Pública

A conciencia antiimperialista foi adquirindo importancia nos países occidentais. En 1918, o presidente estadounidense Wilson expuxo os seus 14 puntos, entre os que incluía o dereito de autodeterminación das colonias. As mostras desta crítica ao colonialismo foron abundantes. O cambio na opinión pública intensificouse pola acción de distintos axentes, como as igrexas cristiás e os chamados partidos socialistas.

Aumento dos Custos de Mantemento dos Imperios

Tanto os EUA coma a URSS opoñíanse ao colonialismo, o que aumentou os custos de mantemento dos imperios.

A Conferencia de Bandung

Esta conferencia foi un importante acelerador da conciencia anticolonialista, xa que lles deu un apoio moral aos movementos independentistas. Os asinantes debían:

  • Axudar os diversos movementos independentistas.
  • Impedir a instrumentalización dos novos países.
  • Condenar o imperialismo.

A Herdanza Colonial: Os Problemas dos Novos Países

Os novos países tivéronse que enfrontar a graves problemas tanto económicos coma políticos:

  • Unha primeira limitación foi a situación de empobrecemento económico, caracterizada por niveis de renda per cápita moi baixos.
  • No tema social, o principal problema foi a insuficiencia das estruturas sanitarias e educativas, o cal impedía o desenvolvemento futuro.
  • Un terceiro factor foi a inestabilidade política. Os novos Estados intentaron copiar os modelos políticos dominantes nese momento, pero isto acabou fracasando e xerando situacións de inestabilidade política.

Así mesmo, moitos destes novos países estaban desolados por conflitos internos. O proceso de descolonización foi tamén a causa de conflitos internacionais como consecuencia do desacordo polo trazado das fronteiras, que se fixeron pensando máis nas metrópoles que nos novos países.

A Evolución Económica dos Novos Países

O Paso da Economía Colonial á Independencia

As causas do subdesenvolvemento económico dos novos países remóntanse á dominación colonial. Durante ese período, as economías das colonias subordináronse ao interese das metrópoles. A isto sumóuselle a inestabilidade política na que quedaron moitos destes países tras a marcha das administracións coloniais. Como consecuencia disto, era imposible comezar un proceso de desenvolvemento económico, e a situación intensificouse pola sucesión de gobernos corruptos en moitos destes países.

Características do Subdesenvolvemento

  • Desarticulación da súa agricultura.
  • Crecemento demográfico moi elevado e descompensado en relación cos recursos.
  • Aparición dunhas desigualdades económicas e sociais extremas, onde unha minoría concentraba a maior parte da riqueza.
  • Grave déficit educacional, que impediu que gran parte da súa poboación accedese a unha formación necesaria.

O Neocolonialismo

Os países do Terceiro Mundo atópanse nunha situación de dependencia económica que foi denominada neocolonialismo. Este é visible a través de tres mecanismos:

  • A dependencia financeira.
  • A dependencia tecnolóxica.
  • A dependencia comercial.

Entradas relacionadas: