O Desenvolvemento Económico en España (1959-1975): Planificación e "Milagre Español"
Clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,49 KB
Obxectivos do Plan de Estabilización de 1959
Os obxectivos do Plan de Estabilización de 1959 eran os seguintes:
- Cortar a inflación e sanear as contas exteriores: limitar o gasto do sector público, elevar os tipos de interese, frear as importacións especulativas, liberalizar o comercio exterior, frear a demanda, estabilizar prezos e liberalizar as importacións de capitais, entre outras medidas.
- Establecer un modelo de economía de mercado semellante aos de Europa Occidental.
Impacto e Consecuencias do Plan de Estabilización
O Plan de Estabilización sentou as bases para o crecemento económico. Os seus efectos foron positivos:
- Redución da demanda e da inflación, saneamento do comercio exterior..., pero a costa da conxelación salarial e un aumento do paro que atopou a súa válvula de escape na emigración a Europa.
A Planificación Indicativa e os Plans de Desenvolvemento
Para alcanzar os obxectivos propostos no Plan de Estabilización, o Estado desenvolveu a Planificación Indicativa.
En 1962 creouse a Comisaría do Plan de Desenvolvemento. Elaboráronse tres plans:
- I Plan de Desenvolvemento (1964-1967)
- II Plan de Desenvolvemento (1968-1971)
- III Plan de Desenvolvemento (1972-1975)
Os plans pretendían programar o crecemento da economía, sobre todo da industria, e de determinadas zonas que estaban atrasadas pero que tiñan posibilidades de crecemento. Puxéronse en marcha os Polos de Desenvolvemento e os Polígonos Industriais para estender a industria e corrixir os desequilibrios rexionais (Burgos, Vigo, A Coruña, Valladolid, Zaragoza).
O "Milagre Español": Crecemento e Desequilibrios
A planificación tivo un éxito importante. Creceron todos os sectores económicos:
- A agricultura modernizouse e as producións aumentaron.
- A construción.
- A industria, sobre todo a química, de automóbiles, de ferro e aceiro, de maquinaria e de construción naval.
- O sector servizos (impulsado polo turismo).
Este gran crecemento da economía foi presentado polo réxime como o “milagre español”. Un exemplo dese crecemento foi o do sector automobilístico, co desenvolvemento de industrias como a SEAT, que fabricaba o mítico Seat 600 (Doc. 4), presentado polo réxime como o coche que podía alcanzar calquera español. Tamén se desenvolveu a industria de uso e consumo (para o fogar), alimentación, etc., que proporcionaba os novos produtos para a clase media, que aumentaba progresivamente en España.
Desequilibrios e Críticas ao Desenvolvemento
Pero este crecemento non evitou os desequilibrios rexionais nin sociais, nin a dependencia exterior (de capital e tecnoloxía), e permitiu a entrada de capital estranxeiro nas grandes empresas españolas. Por estas razóns fálase dun “desarrollismo”, é dicir, un crecemento desordenado. A planificación tivo grandes problemas como:
- Proxeccións mal feitas e non revisadas.
- Investimentos que non se cumpriron.
- Agudización de desequilibrios interprovinciais e sociais.
Factores Clave do Éxito Económico: Emigración e Turismo
O éxito do desarrollismo e da planificación veuse dado pola achega de diñeiro que proporcionaron a emigración, o turismo e o investimento estranxeiro, sen os cales a planificación non tería tido tan bos resultados:
A Emigración: Válvula de Escape e Achega de Divisas
A táboa do Doc. 5 móstranos a emigración entre 1951 e 1980. Nela vemos como se produce un forte aumento (un millón no período 1961-1970) e o cambio de destino de América cara a Europa, debido a que esta se recuperaba da Segunda Guerra Mundial. No período 1971-1980, a emigración descende ao mellorar as condicións en España e pola crise de 1973. A emigración actuou como a válvula de escape ao paro e á tensión sobre os salarios.
Houbo dous tipos de emigración:
- Interior: das zonas rurais cara ás industrializadas (baixos salarios, sen terra...), acompañada da agudización do problema da vivenda nas cidades e do despoboamento das provincias do interior de España.
- Exterior: sobre todo a Europa Occidental (xove, masculina, pouco cualificada e temporal).
Os seus efectos foron:
- Descenso do paro en España.
- Entrada de divisas.
- Aumento do consumo en España.
O Turismo: Motor do "Milagre Español"
Segundo o Doc. 6, o turismo foi unha peza clave do “milagre español”. Pasou dun millón de turistas en 1952 a 34,5 millóns en 1973, como se observa na táboa. Estes turistas supuxeron a entrada de divisas que axudaron a compensar o déficit e, desa forma, poder mercar o necesario para a nosa industria.
Fin da Etapa Desenvolvista e Transición
O remate desta etapa desenvolvista produciuse en 1975, motivado polo desenvolvemento da crise mundial, iniciada en 1973, e pola morte de Franco. Nesas circunstancias, o conxunto da economía entrou nunha profunda crise de estancamento e inflación, polo que era necesario un cambio na planificación. Así, interrompeuse o Terceiro Plan de Desenvolvemento e comezaron a realizarse transformacións que axudasen ao cambio do sistema ditatorial á democracia.