Desenvolvemento do Oído Musical na Educación Infantil
Clasificado en Música
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,04 KB
O oído musical na infancia
A música é a arte de combinar os sons que se perciben a través do oído. Nas primeiras idades ten lugar o desenvolvemento da capacidade sensorial do neno ou nena, así que atopámonos no camiño sensorial idóneo para un bo desenvolvemento auditivo. As actividades de educación auditiva teñen que espertar no pequeno ou pequena o interese polo seu mundo sonoro máis próximo. Unha das primeiras é o recoñecemento dos ruídos da contorna e das voces familiares. Estas actividades levan exercicios de atención, recoñecemento, localización do obxectivo sonoro e memoria. A través delas hai que conseguir sensibilizar dun xeito gradual aos nenos e nenas de modo que sintan a necesidade do silencio; nun ambiente de silencio pódense captar mellor os sons. Hai que expor e preparar as sesións de audición con dedicación e mimo. As actividades deben durar pouco xa que supón un gran esforzo de atención nos nenos e nenas. É bo que queden con ganas de oír máis. Algúns educadores utilizan música clásica cun volume moi baixo como música de fondo para durmir na sala de bebés. As audicións pódense acompañar de actividades que impliquen acción do neno ou nena.
Estratexias metodolóxicas musicais
A música débese identificar cos sentimentos e coas ideas de xogo, alegría, movemento, orde e expansión. Unha necesidade do pequeno ou pequena fai que as súas cancións sexan monótonas, rítmicas e moi sinxelas na liña tonal. As cancións que cantan non deben ser unha imposición externa do adulto, deben ser cancións coas que se sinta libre. O educador ou educadora será un mago da música coas dúas regras fundamentais:
- Non se debe esixir ao neno ou nena un esforzo superior á súa capacidade mental.
- Non se ha de ensinar sistematicamente só o que gusta, tamén o que lle convén.
O educador ou educadora creará nel ou nela o hábito de escoitar poñendo en xogo a atención, o silencio e o respecto. Os elementos da educación musical presentaranse coma se se tratase dun xogo. As actividades serán motivadoras e espertarán o interese do neno ou nena. Desde moi pequeno porase ao neno ou nena en contacto coa música; por outra banda, a expresión musical non se debe considerar como actividade de recheo senón como parte fundamental do currículo. Non se trata de que os nenos e nenas aprendan música senón de que a poidan empregar como recurso expresivo, que se expresen con ritmo.
Tipos de sons para traballar cos nenos
Tipos de sons que debe traballar o neno ou nena:
- Realizados co propio corpo: Son os primeiros que se traballarán, escoitar a súa voz, imitala...
- Da súa contorna: A medida que creza irá descubrindo os sons que ten ao seu redor e iraos incorporando. É o momento de deixar ao seu alcance todo tipo de xoguetes e que sexa el mesmo ou ela mesma quen descubra como se realiza o son.
- Onomatopeicos: Son os que se utilizan para imitar as voces dalgúns animais. Estes sons poden ir acompañados de imaxes visuais como contos ou fotografías.
- Da natureza: Refírense a sons como os do vento, do lume, do mar, do río, da choiva.
Recursos didácticos para os sons
A utilización dun CD onde aparezan grupos de sons permitirá aos nenos e nenas identificar auditivamente a fonte sonora e desenvolver a súa capacidade de concentración e memoria. Pódense inventar actividades de memoria para observar se retiveron todos os sons. Como actividade globalizadora pódense propor historias sonoras. A partir dos diferentes sons que anteriormente se explicaron, os nenos e nenas deben representar unha pequena historia onde só deben intervir xestos e sons. Pódense realizar pequenas escenas como un circo, unha granxa... É aconsellable imitar todos os sons que se desenvolven na historia inventada.
A intensidade do son na educación
É a calidade do son baseada no contraste frouxo-forte. A medida que o neno ou nena se faga maior, introduciranse a terminoloxía e as grafías musicais referidas a esta dinámica. A intensidade será percibida polo neno ou nena de xeito sensorial. Estes sons poden ser cancións entoadas pola educadora ou educador ou ben audicións as cales reflectirán contrastes fortes-frouxos.
Actividades para traballar a intensidade
Pódese traballar a intensidade a través da imitación dos ritmos que realiza a educadora ou educador cun pandeiro (forte-frouxo). A educadora ou educador interpreta un ritmo e os nenos e nenas imítano coa mesma intensidade con palmas ou instrumentos de percusión. Tamén a partir desta idade poderase incorporar a grafía correspondente á intensidade. Outra actividade consiste en explicar un conto de dúas illas. Unha illa onde os sons son moi fortes: coches, bucinas, motos... Alén do mar, unha illa de sons frouxos: paxaros, árbores...