Eduardo Blanco Amor: Realismo Social e Narrativa Galega
Clasificado en Otras materias
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,73 KB
O Realismo Social de Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor iniciouse na literatura a través da poesía. A súa primeira novela foi A escaleira de Xacob. Na década dos 30 integrouse na cultura española, escribindo, en castelán, La catedral y el niño, obra na que recreaba o ambiente de Auria (Ourense).
A Esmorga: Punto de Arranque da Narrativa Galega Moderna
Máis tarde, Blanco Amor publicou A esmorga, considerada o punto de arranque da moderna narrativa galega. Nesta obra, aparecen dous narradores:
- Un narrador editor-investigador, presente na “Documentación” inicial, que abre paso a unha crónica infiel.
- Outro narrador en primeira persoa, que desenvolve o núcleo do relato, seguindo unha estratexia autoexculpatoria.
O autor busca que o lector activo manteña a dúbida sobre a veracidade do narrado, eliminando ademais as preguntas feitas polo xuíz cunha técnica telefónica. En canto ao espazo físico e social, distínguense dous polos: a cidade e o suburbio, cun desprazamento espacial no que se van degradando os espazos.
Personaxes Principais de A Esmorga
- Cibrán “O Castizo”: Posúe unha personalidade contraditoria, xa que non dubida en falar mal dos seus compañeiros e ben do seu propio comportamento, sendo a única testemuña do sucedido e o único que pode ser condenado. A pesar disto, tamén mostra remordementos en forma de ataques epilépticos, coñecidos como “o pensamento”.
- Xan “O Bocas”: Un personaxe botado para adiante, irreflexivo e violento, personalidade que usa para ocultar a súa homosexualidade, que só acepta cando se embebeda.
- Eladio “O Milhomes”: Un xastre homosexual e afeminado que se mostra como o personaxe máis íntegro, asumindo a súa personalidade e mantendo a súa fidelidade cara ao Bocas.
- Ademais, existen algúns personaxes secundarios, entre os que destacan os femininos, como a dama do pazo de Andrada, o ideal da perfección feminina, e a Socorrito, a única que conserva a pureza e a inxenuidade e que consegue o respecto de toda a cidade.
Os Biosbardos: Contos de Formación Infantil en Auria
Anos máis tarde, Blanco Amor publicou Os biosbardos, unha obra de ambientación tamén en Auria. É un libro composto de sete contos, como “A arrasadeira” ou “O noxo”, que narran o ciclo de formación de personaxes infantís. Os seus temas principais son o sentido da propia dignidade, a autoestima persoal, a desigualdade, o amor e a amizade. Os argumentos falan de forma irónica dos pecados capitais. Nesta obra pódense adiviñar vivencias propias do autor.
Xente ao Lonxe: Compromiso Social e Maduración
Despois desta obra, publicou Xente ao lonxe, que se inicia cun “Prólogo útil” no que reflexiona sobre o papel do escritor nunha cultura minorizada e sobre os problemas para crear unha narrativa moderna. Defende o uso dunha lingua escrita para a xente e mostra o seu compromiso co país. Na obra adóptase a perspectiva de Suso, o fillo dunha familia proletaria e socialista, narrando o seu proceso de maduración desde os doce ata os dezasete anos. Móstranse as experiencias que o van modelando e facéndoo tomar conciencia dos conflitos ideolóxicos e económicos da sociedade. Con este proceso de maduración, Blanco Amor vai analizando o movemento obreiro de Ourense. Esta é unha novela coral, xa que van aparecendo multitude de figuras secundarias coas súas historias e vivencias. O paso de Suso á idade adulta e a madurez do pobo prodúcense no libro o día 1 de Maio.