Educación Primaria: Obxectivos, Organización e Avaliación
Clasificado en Formación y Orientación Laboral
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,49 KB
Educación Primaria (EP)
Introdución
A EP é unha etapa educativa de 6 cursos, dende os 6 anos ata os 12. Ten como finalidade proporcionar a todos os nenos e nenas unha educación que permita afianzar o seu desenvolvemento persoal e o seu propio benestar, adquirir habilidades culturais básicas relativas á comprensión e expresión oral, á lectura, á escritura e o cálculo, así como desenvolver as habilidades sociais, hábitos de traballo e estudo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade.
Obxectivos
- Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos.
- Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmos, sentido crítico, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.
- Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades.
- Coñecer e utilizar de maneira apropiada a lingua castelá e, se a hai, a lingua cooficial da Comunidade Autónoma.
- Adquirir polo menos unha lingua estranxeira, que lles permita expresar e comprender mensaxes sinxelos e desenvolverse en situacións cotiás.
- Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na resolución de problemas.
- Coñecer e valorar o seu contorno natural, social e cultural.
- Iniciarse na utilización das TIC.
- Valorar a hixiene persoal e a saúde, aceptar o propio corpo e o dos demais, respectar as diferenzas e utilizar a Educación Física e o deporte como medios para favorecer o desenvolvemento persoal e social.
- Desenvolver as capacidades afectivas en todos os termos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como unha actitude contraria á violencia.
- Fomentar a educación vial.
Organización
A etapa de EP comprende 3 ciclos de 2 anos cada un e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador. As áreas desta etapa son:
- Coñecemento do medio natural, social e cultural.
- Educación artística.
- Educación física.
- Lingua castelá e literatura e, se a hai, a da lingua cooficial.
- Lingua estranxeira.
- Matemáticas.
Nun dos cursos do 3º ciclo engadirase a Educación para a cidadanía e os dereitos humanos, na que se prestará especial atención á igualdade entre homes e mulleres.
No 3º ciclo, a Administración educativa poderá engadir unha segunda lingua estranxeira.
No conxunto da etapa, a acción tutorial orientará o proceso educativo individual e colectivo do alumnado.
Principios pedagóxicos
- Porase especial interese na atención á diversidade do alumnado, a atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten.
- A comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación e a educación en valores traballaranse en todas as áreas.
- Fomentar o hábito da lectura.
Avaliación
- Será continua e global e terá en conta a progresión no conxunto das áreas.
- O alumnado accederá ao ciclo educativo ou etapa seguinte sempre que se considere que alcanzou as competencias básicas correspondentes e o adecuado grao de madurez.
- O alumnado que non acadase algún dos obxectivos das áreas poderá pasar ao ciclo ou etapa seguinte, sempre que esa circunstancia non lle impida seguir co aproveitamento do novo curso. Neste caso, recibirá os apoios necesarios para recuperar ditos obxectivos.
- Un alumno que non acadase as competencias básicas poderá permanecer un curso máis no mesmo ciclo. Esta medida poderá adoptarse unha soa vez ao longo da EP e cun plan específico de reforzo ou recuperación das súas competencias.
- Cada alumno disporá ao final da etapa dun informe sobre a súa aprendizaxe, os obxectivos alcanzados e as competencias básicas, segundo dispoña a administración educativa.
Avaliación de diagnóstico
Ao final do segundo ciclo, os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias básicas alcanzadas polos seus alumnos. Terá carácter formativo e orientador para os centros e informativo para as familias e para o conxunto da comunidade educativa.