Enerxías convencionais e alternativas

Clasificado en Tecnología

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,94 KB

Fontes de enerxía convencionais: a electricidade

A electricidade considérase imprescindible para o funcionamento de todos os equipos electrónicos actuais e para cubrir as nosas necesidades de calor e luz. É unha das formas de enerxía máis estendidas na actualidade por tres razóns principais:

  • Transpórtase con facilidade a longas distancias.
  • É limpa, polo menos no lugar en que se utiliza, onde non xera residuos.
  • Convértese con facilidade en calquera outro tipo de enerxía: calorífica, luminosa, química e mecánica a través de motores eléctricos.

Formas tradicionais de obter electricidade

  • Enerxía térmica: créase nas centrais térmicas. Nelas quéimase combustible, e a calor producida pola combustión quenta auga e xera vapor de auga a alta presión. Este chorro de vapor de auga move unhas turbinas, que están conectadas a xeradores eléctricos que producen a electricidade.
  • Hidroelectricidade: utiliza a forza da auga para obter electricidade. A auga acumúlase en encoros e constrúense presas nos puntos máis estreitos. Na parte máis externa da presa faise pasar a auga polas aspas dunha turbina e prodúcese electricidade cando as aspas xiran. A enerxía hidroeléctrica é a enerxía renovable máis utilizada. Algúns países son grandes produtores de hidroelectricidade como Canadá, Estados Unidos, Brasil e China.
  • Enerxía nuclear: prodúcese a partir da fisión, ou ruptura dos átomos, de minerais radioactivos, sobre todo de uranio. Iso produce grandes cantidades de calor. Esta calor utilízase para quentar auga e xerar vapor de auga a alta presión, que move unhas turbinas e xera electricidade. O proceso de fisión lévase a cabo nas centrais nucleares.

Problemas ambientais das enerxías convencionais

A explotación das enerxías convencionais causa graves problemas ambientais:

  • O uranio é altamente contaminante.
  • A hidroelectricidade é unha enerxía limpa, pero para producila hai que construír encoros e presas, que alteran a paisaxe e a forma de vida das zonas onde se constrúen.
  • A queima de combustibles fósiles está a provocar o cambio climático.

As enerxías alternativas

Nos últimos anos puxéronse en marcha enerxías alternativas para obter electricidade. Son enerxías renovables e menos contaminantes cás convencionais. O custo do combustible é cero e non se esgotan pola súa explotación. As principais son:

  • Enerxía eólica: a forza do vento move as aspas duns enormes aparellos que están conectados a un xerador eléctrico. Os aeroxeradores poden ser terrestres ou mariños, e requiren que o vento sexa constante, polo que non se poden instalar parques eólicos en calquera lugar.
  • Enerxía solar: produce enerxía eléctrica aproveitando a radiación do sol e presenta dúas variantes:
    • Solar térmica: utiliza paneis solares que captan os raios do sol e teñen uns tubos polos que circula a auga, que quenta e que se pode almacenar para o seu uso.
    • Solar fotovoltaica: emprega paneis solares para producir enerxía eléctrica directamente a partir do sol.
  • Biomasa e biogás: para obter enerxía eléctrica quéimanse os residuos orgánicos. Tanto os gases producidos pola descomposición destes residuos coma a calor que desprenden utilízanse para mover unhas turbinas, que xeran electricidade.
  • Enerxía xeotérmica: a calor interna da Terra utilízase para producir electricidade ou nos sistemas de climatización.
  • Enerxía mareomotriz: baséase no aproveitamento das mareas para producir electricidade. As centrais funcionan como un encoro tradicional. O elevado custo de mantemento frea o seu desenvolvemento. A enerxía das ondas tamén se pode aproveitar.

Entradas relacionadas: