A Época Nós: Irmandades, Grupo Nós e a moderna narrativa galega
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,82 KB
Esta etapa – especialmente de 1916 e 1936 - é coñecida como a Época Nós pola importancia que estes autores terán na cultura galega.
Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e só a partir de 1918 centran a súa atención en Galicia. Castelao en cambio provén do agrarismo. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan en todas as actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Eles son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego.
1. A contribución de Ramón Otero Pedrayo
foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa longa e xira ao redor da Galiza contemporánea. Podemos clasificala en:
a) Novelas realistas: Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928): novela longa en tres partes que relata a historia de dúas familias fidalgas ourensás.
b) Novelas culturalistas: narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930), cuxo protagonista, Adrián Solovio, é un trasunto do propio Otero e a súa incorporación ao galeguismo.
Apartadas da súa temática habitual están Fra Vernero e A romeiría de Xelmirez.
A xeito de conclusión podemos dicir que hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero
* A tradición: sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo de séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo,
* A fidalguía: Otero non lle perdoa a súa deserción da aldea e do galeguismo, mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade. Inventa unha fidalguía ideal, irreal, consciente do seu papel na sociedade galega.
* A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida do home.
O seu estilo, persoal e barroco, levou a Carballo Calero a definilo como un cesto de cereixas.
2. Castelao
foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
- A 1ª obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), visión sintética da realidade social, na que sae particularmente maltratada a figura do cacique.
-Cousas son relatos moi curtos que Alonso Montero considera un novo xénero narrativo porque combinan perfectamente o texto coas ilustracións. Son 45 relatos nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles.
-Os dous de sempre (1934). Tanto o título como o debuxo da portada (un paxaro e un sapo) fan referencia aos dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista. Narra as peripecias vitais e as ambicións de Pedro e Rañolas, contrapostos desde a súa infancia á madurez. Cada capítulo leva unha ilustración do propio autor.
-Retrincos (1934) Cinco relatos sobre cinco momentos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela). Con estas tres obras Castelao converteuse xa nun dos clásicos da narrativa en galego.
3. Vicente Risco
cultivou tamén a narrativa (O porco de pé, feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística) pero é fundamentalmente ensaísta.