O Estado: Definición, Compoñentes e Tipos

Clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,17 KB

O Estado: Definición e Compoñentes

É a unidade política e administrativa superior que rexe un territorio e todos os seus habitantes están sometidos á súa autoridade.

Compoñentes do Estado

O Territorio

Este territorio está delimitado por fronteiras que o diferencian dos demais Estados.

A Poboación

A poboación que vive no territorio dun Estado é o conxunto dos cidadáns dese Estado. Os cidadáns teñen uns dereitos recoñecidos que o Estado debe respectar, pero tamén teñen unha serie de obrigas, como pagar impostos.

O Poder do Estado

O Estado dita un conxunto de leis que deben ser obedecidas por todas as persoas e organizacións que forman parte dese Estado.

Ademais, crea un conxunto de institucións que teñen como misión facer efectivas as decisións do Estado: unha policía, un exército, un Corpo diplomático e tamén un conxunto de funcionarios que leva a cabo as distintas políticas.

A Diversidade dos Estados

Uns Estados creáronse recentemente e outros teñen unha longa historia. Por exemplo: Montenegro fundouse en 2006, mentres que Exipto ten unha historia de máis de 5.000 anos.

Uns Estados son moi grandes e outros son diminutos. Por exemplo: Rusia é o máis extenso e os máis pequenos como Mónaco, San Marino…

Sobre todo, non todos os Estados son igual de poderosos. Por exemplo: Estados Unidos é a primeira potencia do mundo.

As Funcións do Estado

Os estados desempeñan un gran número de funcións:

  • Manteñen a orde pública
  • Defenden o seu territorio
  • Establecen relacións internacionais
  • Elaboran leis
  • Proporcionan servizos
  • Regulan a economía

O Estado de Benestar

Tamén chamado Estado social: cando os gobernos interveñen na economía e na sociedade co fin de lograr que todos os cidadáns teñan un nivel digno e se reduzan as desigualdades sociais.

Para isto, os estados establecen servizos de saúde e de educación gratuítos, conceden axudas económicas para as persoas que están no paro, establecen pensións para os xubilados e fixan un salario mínimo por debaixo do cal non se pode traballar.

Os Estados Democráticos

Segundo quen teña o poder político e como o exerza, pódese distinguir entre Estados democráticos e ditaduras.

A palabra democracia quere dicir goberno do pobo. A democracia parte da idea de que, xa que as decisións dos gobernos deben ser acatadas polos cidadáns, estes deben tomar parte nas decisións.

Para considerar un Estado democrático débense cumprir 3 características:

  • que os cidadáns participen no goberno
  • que haxa unha separación de poderes
  • e que exista un Estado de dereito.

A Participación dos Cidadáns

A participación dos cidadáns consiste na elección duns representantes que gobernen por eles. Para que unhas eleccións sexan realmente democráticas deben cumprir uns requisitos:

  • Todos os cidadáns maiores de idade deben poder votar sen importar o seu sexo ou condición económica.
  • Deben poder presentarse ás eleccións todas as persoas e partidos que o desexen, sempre que respecten as normas da democracia.
  • Todos os que se presenten poderán expor os seus programas libremente, sen ningún tipo de censura.
  • As eleccións deben celebrarse periodicamente. En España son cada 4 anos.
  • Débese garantir a limpeza dos resultados.

A Separación de Poderes

Nos Estados democráticos o poder está repartido:

  • O Parlamento ten o poder lexislativo. É o órgano encargado de aprobar as leis e de controlar as accións do Goberno.
  • O Goberno ten o poder executivo. Ocúpase de aplicar as leis e de administrar o país.
  • Os xuíces teñen o poder xudicial. A súa misión é velar polo cumprimento das leis, tanto por parte dos cidadáns como por parte das institucións.

A separación de poderes garante a protección dos cidadáns fronte aos posibles abusos da autoridade.

O Estado de Dereito

Nos Estados de dereito as leis deben ser respectadas por todos, incluídas as persoas que están en posicións de poder. Hai unha lei máxima, a Constitución, na que se definen os dereitos e deberes dos cidadáns, e que pon límite ao poder das institucións.

As Ditaduras

Nas ditaduras, unha persoa ou un grupo (exército, grupo étnico, dirixentes relixiosos, partido político…) concentra nas súas mans todos os poderes do Estado.

Os cidadáns non participan de ningún xeito no goberno, e o goberno non respecta máis leis ca as que el dita nin recoñece os dereitos humanos.

Estados Laicos, Confesionais e Teocracias

Nos Estados laicos hai unha separación total entre o Estado e a relixión. As leis non se basean en ningunha doutrina relixiosa e os cidadáns poden profesar a relixión que desexen, ou ningunha. Por exemplo: España.

Nos Estados confesionais existe unha relixión oficial que goza de amplos privilexios. Algúns estados confesionais son democráticos (Dinamarca, Grecia, Reino Unido…) e neles está permitida a práctica doutras relixións.

Nas teocracias existe unha relixión oficial; ademais, os libros sagrados convértense na lei e os relixiosos ocupan o goberno ou teñen autoridade para decidir sobre as súas políticas.

Monarquías e Repúblicas

As monarquías son os Estados en que o xefe do Estado é un rei. Poden ser democráticas ou ditatoriais. Por exemplo: España é unha monarquía democrática.

Nas repúblicas o xefe do Estado é un presidente. Nas repúblicas democráticas o presidente é elixido polos cidadáns, mentres que nas repúblicas que son ditaduras o presidente é elixido polos grupos que controlan o poder. Por exemplo: Francia é unha república democrática.

A Organización Territorial do Estado

Para poder administrar mellor o seu territorio, os Estados organízanse en unidades territoriais menores. Por exemplo, en España as organizacións territoriais máis pequenas son os municipios (vilas e cidades); estes municipios reúnense en provincias; e as provincias agrúpanse en Comunidades Autónomas.

Estas divisións territoriais reciben distintos nomes en cada país: Francia: departamentos; Suíza: cantóns; Italia: rexións.

Por esta razón, nun Estado adoitan existir dous tipos de institucións de goberno:

  • As institucións estatais son as que teñen o poder de impoñer as súas decisións en todo o territorio do Estado. Son o parlamento nacional, o goberno do país e os tribunais superiores.
  • As institucións rexionais e locais só poden impoñer as súas decisións no ámbito territorial a que pertencen.

Estados Centralizados e Descentralizados

Nos Estados centralizados, as institucións locais e rexionais dependen das institucións estatais.

Nos Estados descentralizados:

  • As rexións teñen institucións propias.
  • O Estado mantén o poder máximo. Existen unhas leis comúns para todos os territorios e as institucións estatais.
  • Os municipios e mais as rexións contan con amplos poderes nos seus territorios.

España é un Estado descentralizado.

As Relacións entre os Estados

Para facilitar as relacións, os Estados asinan tratados, pactos e convenios. Son documentos en que os Estados se comprometen a realizar determinadas accións nunha materia concreta (medio natural, armamento, educación, comercio…)

Pero en ocasións, xorden conflitos entre os Estados:

  • Os máis comúns son os conflitos económicos, que se producen cando chocan os intereses económicos de dous ou máis países.
  • Nos casos máis graves estouran conflitos militares, que poden dar lugar a terribles guerras.

As Organizacións Internacionais

Son asociacións que os Estados crearon voluntariamente para tratar cuestións de interese común e adoptar decisións sobre elas.

Por exemplo:

  • ONU: organización internacional de alcance mundial. A ONU (Organización das Nacións Unidas) é o principal organismo internacional de mediación entre os Estados.
  • UNIÓN EUROPEA, ORGANIZACIÓN DE ESTADOS AMERICANOS E A LIGA ÁRABE: Só agrupan a países dunha zona determinada do mundo.
  • OTAN: organización militar.
  • OPEP: organización económica.

Exemplos Xeográficos

America mapa:

Alasca, Canadá, Estados Unidos, México, Belize, Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua, Costa Rica, Panamá, Venezuela, Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia, Paraguai, Brasil, Chile, Uruguai, Arxentina.
Enriba de Brasil: Güiana, Suriname.
Illas: Bahamas, Cuba, Haití, República Dominicana, Xamaica.
Asia: Turquía, Iraq, Arabia Saudita, Irán, Afganistán, Paquistán, India, China.

Entradas relacionadas: