Evolución da escritura infantil: períodos e etapas

Clasificado en Matemáticas

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,62 KB

Tendo en conta que a aparencia figural por si mesma non é garantía de escritura, actualmente considéranse as escrituras infantís atendendo tamén aos aspectos constructivos. Estes teñen que ver co que o neno quixo representar no momento de realización e os medios que empregou para iso, e describen un proceso continuo no que o neno vai adquirindo a lóxica da lectoescritura. Nesta evolución distínguense tres grandes períodos, compostos por diferentes etapas: o período icónico e non icónico (escrituras non diferenciadas), o período de diferenciación (escrituras diferenciadas) e o período de fonetización (escrituras silábicas, escrituras silábico-alfabéticas e escrituras alfabéticas). Dito isto, e volvendo ao noso caso particular, sinalaremos que a nena comprende a distinción entre debuxo e escritura, e asimilou, con creces, que esta última é un sistema de representación. Por tanto, podemos afirmar que a nena atravesou os dous primeiros períodos e sitúase na última fase: o período de fonetización, que comeza cando o neno comeza a prestar atención ás propiedades sonoras, plantexándose así a relación entre a lingua oral e a escritura. Como se afirmou anteriormente, dentro do período de fonetización distinguimos tres etapas: as escrituras silábicas, as silábico-alfabéticas e as alfabéticas. Neste caso, atopámonos cunha escritura claramente alfabética, posto que non escribe unha grafía por sílaba (escritura silábica) nin introduce en ocasións máis dunha grafía por sílaba (escritura silábico-alfabética), senón que asimilou completamente a correspondencia entre sons e grafías, ingresando así no último eslabón do proceso de comprensión do sistema de escritura. Seguindo con esta idea, observamos que, en canto ao eixe cuantitativo, a nena comprende que non pode establecerse ningunha regularidade entre a cantidade de letras por sílaba, entendendo que hai sílabas que se escriben con dúas letras, outras con tres, con catro, etc.; a proba disto é que escribe absolutamente todas as letras da frase: para escribir Esta es mi muñeca Nancy, que se ha disfrazado de india a nena escribe ESTAESMIMUÑECANANCI, CESEA DISFRACADODE INDIA. Sinalamos tamén que, en contraste co dominio da correspondencia fonema-grafía, aínda non controla del todo a separación entre palabras, xa que as escribe xuntas practicamente todas. Respecto ao eixe cualitativo, hai que mencionar que, nesta fase, os nenos enfrontanse a numerosos problemas ortográficos, posto que no noso sistema a identidade de son non garante a identidade de letras, nin viceversa. Por exemplo, nesta escritura podemos observar que a nena entende que a grafía c pode representar tanto o fonema /θ/ (DISFRACADO por disfrazado) como o fonema /κ/ (CE por que), pero aínda non domina as normas ortográficas que regulan, neste caso, que entre vocais o fonema /θ/ se representa coa grafía z e que diante de e ou i a grafía c non representa o fonema /κ/, senón o /θ/. Outro erro a comentar, que ademais reafirma a hipótese de situar á nena nas escrituras alfabéticas, é que non escribe a grafía h no verbo haber da oración, demostrando así que se guía pola lóxica de “un fonema, unha grafía”. Finalmente, e máis ben como curiosidade, destacar o emprego que fai a nena dos signos de puntuación, o que demostra que, moi probablemente, tivo ocasións de aprendizaxe nas que lle mostraron modelos de textos escritos. Así, vemos que escribe un punto final, sinalando o fin da oración, e emprega a coma no lugar correcto (detrás do suxeito en oracións compostas formadas cunha oración subordinada adxectiva).

Entradas relacionadas: