Evolución do galego: 1900 á actualidade
Clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,96 KB
O galego entre 1900 e 1936
Aínda que a política do poder seguiu a ser completamente oposta á recuperación das linguas distintas ao castelán, ausentes do ensino e de todo uso oficial, nesta época vanse producir uns logros importantes na loita pola recuperación do galego e contra a asimilación á que parecía condenado.
En 1906 fundouse a Real Academia Galega, pero isto ficou no plano simbólico, ao ser o seu labor de motivación practicamente nulo. Un dos logros da etapa foi o cultivo elevado da lingua no plano literario e no ensaio e prensa, pero sobre todo como lingua oral formal en diversos actos públicos. En canto ao literario, a lingua ampliou os seus ámbitos de uso; desenvolveuse a prosa narrativa e a poesía, e foron importantes os ensaios científicos e divulgativos e as traducións de textos estranxeiros por parte da Revista Nós. Nacen nesta época tamén as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o Seminario de Estudos Galegos, que son monolingües en galego. Para os seus membros, a lingua é sinal de identidade. Estas organizacións, totalmente nacionalistas, iniciaron a loita pola cooficialidade do noso idioma e pola introdución deste nos ámbitos administrativo, xudicial e educativo.
En 1936, época da República, gañouse o plebiscito para a aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia, no cal se recoñece a cooficialidade do galego e o castelán, pero non tivo efecto porque a legalidade republicana foi abolida polos militares que gañaron a Guerra Civil ese mesmo ano. Comeza así unha longa etapa de silencio para a lingua e a cultura galega.
O galego entre 1936 e 1975
Despois de que as tropas franquistas gañasen a Guerra Civil (1936-39), a ditadura militar instaurada polos vencedores (ideoloxía baseada no nacionalismo español exacerbado) practicou contra os intelectuais galeguistas unha forte represión e o galego perdeu toda posibilidade de acceder á oficialidade e ao uso público. A ditadura contou con medios de gran poder como a escola e a Igrexa. Só conseguiu subsistir a cultura galega no exilio americano.
A pesar de todo iso, despois do triunfo dos aliados na 2ª Guerra Mundial, empezou a recuperarse o galego pouco a pouco. Os poucos continuadores do movemento galeguista centráronse no plano cultural. Foron de gran axuda nesta recuperación a Editorial Galaxia (1950) e a Revista Grial. Tivo lugar nesta época un gran éxodo rural de poboación xa castelanizada, o que, unido á opresión política, provocou a deserción de moitos falantes. Será logo o castelán unha lingua urbana.
Nos anos 60 e 70 aumentou a actividade política clandestina, xa que se crearon novos partidos políticos nacionalistas como a UPG e o PSG, e tamén asociacións culturais co obxectivo de difundir a lingua e a cultura galegas. O resultado de todo isto foi, nos anos 70, un fenómeno novo, no que moitos rapaces que tiñan o castelán como primeira lingua aprenderon o galego e empezaron a defendelo. Así entrou por vez primeira o galego na radio, na prensa e na universidade de forma extraoficial.
O galego de 1975 á actualidade: marco legal
Coa morte de Franco en 1975 e 3 anos despois, as Cortes democráticas aprobaron a Constitución que actualmente está en vigor. Establécese nesta a cooficialidade do galego e o castelán en Galicia. O recoñecemento oficial produciuse en 1981 no Estatuto de Autonomía, que establece que a lingua propia de Galicia é o galego e que ninguén será discriminado polo uso desta. En 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso na Administración e servizos. O galego pasou a ser a lingua oficial da Administración Autonómica (Xunta de Galicia e demais delegacións do Parlamento). Cúmprese a lexislación con lixeiras excepcións.
É obrigatorio o seu ensino en niveis medios e primarios, onde se establece que, polo menos, dúas materias teñen que ser impartidas en galego. No ensino universitario estas normas non teñen validez. En setembro do 2004 o Parlamento aprobou unanimemente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (case 450 medidas potenciadoras do galego) e, un ano máis tarde, o Consello de Europa recomendou que en Galicia o ensino sexa principalmente en galego.
Totalmente distinta é a situación noutras administracións e institucións (Administración do Estado e xudicial). Na Igrexa permítese o seu uso nas misas, pero os párrocos, maioritariamente foráneos, non fan uso dela. Cualitativamente o galego está presente a día de hoxe en ámbitos que anos atrás eran impensables (política, institucional, cultural e universitario). Ata parece que o seu uso, en canto ao comercial, prestixia certos produtos. Cuantitativamente, é negativo, xa que se están a perder falantes a pasos axigantados. Recoñécese o seu uso case maioritario, pero nas enquisas este número decrece segundo o fai a idade dos enquisados. Ata fai pouco era a lingua única do rural, pero hoxe en día xa non o é.