Filosofía de Kant: Condicións do Coñecemento e Tipos de Xuízos
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,85 KB
A Filosofía Kantiana: Condicións e Xuízos
Condicións Empíricas e Condicións a Priori
Para entender a formulación kantiana, temos que distinguir entre o que Kant denomina condicións empíricas e condicións a priori.
Isto vese mellor cun exemplo: para que poidamos ver algo, dependemos, en primeiro lugar, de que a nosa vista sexa suficientemente aguda e o obxecto non se atope excesivamente lonxe ou sexa moi pequeno. Estas condicións son particulares e fácticas. Estas condicións de feito, que poden ser alteradas (por unha miopía, por falta de luz, etc.), denomínanse condicións empíricas.
Pero existen outro tipo de condicións que son xerais e necesarias. No caso da visión, unha condición para ver algo é que a nosa percepción estea localizada nun lugar do espazo e nun momento do tempo. Espazo e tempo son condicións da nosa percepción, pero son xerais (afectan a todo individuo), non son puramente fácticas (non poden ser alteradas), senón estritamente necesarias. A este tipo de condicións denomínaas Kant condicións a priori. Son condicións que pertencen á estrutura do suxeito e son, á vez, condicións que fan posible a experiencia e o coñecemento, por iso se chaman transcendentais.
Ambas condicións son posibles de investigar a partir dos xuízos que fai a ciencia. Dado que a ciencia é un conxunto de xuízos universais, necesarios e fácticos que recolle ambas, a pregunta agora podería ser: cales son as condicións que fan posible os xuízos da ciencia?
Os Xuízos Científicos en Kant
Bastará, pensa Kant, con observar coidadosamente que tipo de xuízos utiliza a ciencia e investigar as condicións que os fan posibles. Kant comeza distinguindo entre xuízos analíticos e xuízos sintéticos.
Xuízos Analíticos
Un xuízo analítico, segundo Kant, é aquel no que o predicado está incluído no suxeito. Abonda con analizar o suxeito para comprender que o predicado lle convén necesariamente. «Un todo é maior que as súas partes» é un exemplo destes xuízos que teñen como característica o feito de que non amplían o noso coñecemento, pois non dan información distinta da que se deriva do propio concepto «todo».
Xuízos Sintéticos
Un xuízo sintético é cando o predicado non está incluído na noción de suxeito. «Todos os pigmeos miden menos de 1,50» é un xuízo que amplía o noso coñecemento do mundo; son extensivos.
Xuízos a Priori e a Posteriori
Logo están os xuízos a priori, que son aqueles cuxa verdade pode ser coñecida independentemente da experiencia, xa que o seu fundamento non se atopa nesta. «Un todo é maior que as súas partes» é un xuízo a priori do que coñecemos a súa verdade sen necesidade de acudir á experiencia.
E os xuízos a posteriori, que son aqueles cuxa verdade só é coñecida a partir da experiencia. Para saber o que miden os pigmeos, éme necesario observalos e medilos experimentalmente.
Características dos Xuízos Kantianos
Esta distinción permite observar as características importantes dos xuízos. Así, os xuízos a priori son universais e necesarios, mentres que os xuízos a posteriori son particulares e continxentes. Estes últimos nin son universais, posto que admiten excepcións, nin son necesarios porque, seguindo a Hume, a experiencia non pode demostrar ningunha conexión necesaria entre ser pigmeo e medir tales centímetros. Nesta situación non é contraditorio que naza un pigmeo máis alto. O «todos os pigmeos...» admite excepción, mentres que «o todo maior ca parte» nunca será contradito.