Formación de Cordilleiras e Tipos de Rochas Ígneas
Clasificado en Geología
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,24 KB
Formación de Cordilleiras
A formación de cordilleiras pode ser de dous tipos principais:
Cordilleiras de Tipo Andino
Orixínanse nas marxes dun continente, onde a litosfera oceánica subduce baixo a litosfera continental. Tamén se chaman oróxenos de bordo continental. Os Andes son o mellor exemplo.
Proceso de Formación
- Sedimentos e rochas sedimentarias mariñas sen deformar avanzan á zona de subdución.
- A maioría dos sedimentos non subduce; dóbranse, fractúranse e acumúlanse, formando o prisma de acreción, que se incorpora ao continente.
- A calor pola fricción das placas e a presenza de auga favorecen a fusión parcial das rochas, formando magmas.
- Parte do magma sae á superficie e orixina volcáns; outra parte solidifica no interior e dá lugar a plutóns que engrosan a codia.
- Altas presións e temperaturas causan o metamorfismo dalgunhas rochas.
Cordilleiras de Tipo Alpino
Prodúcense cando dúas litosferas continentais converxen e coliden. Exemplos notables son os Alpes, o Himalaia e os Urais. Comeza sendo igual ca a andina, pero neste caso a placa que subduce posúe un tramo oceánico e outro continental tras el. O maior grosor e a menor densidade da codia continental dificultan a súa subdución. Tras a colisión continental, prodúcese a incrustación e o cabalgamento dun continente sobre o outro, o que pode chegar a duplicar a codia continental.
Rochas Ígneas Plutónicas
Orixínanse no interior terrestre. O magma arrefría moi lentamente e atópanse ben cristalizadas. A súa textura é sempre holocristalina e fanerítica, podendo ser homométricas ou heterométricas.
Granito
É a rocha plutónica máis abundante, constituíndo boa parte da codia continental. De cor gris ou rosada, os seus minerais principais son cuarzo, ortosa, plaxioclasios e micas, podendo tamén conter anfíbolos.
Sienita
De cor rosada pola ortosa, o seu compoñente maioritario. Ademais, contén plaxioclasios e biotita, e pode ter anfíbolos. A diferenza do granito, non contén cuarzo.
Diorita
De cor gris, composta fundamentalmente por plaxioclasios. Pode conter pequenas cantidades de biotita, anfíbolo e, ás veces, piroxenos.
Gabro
De cor escura, composta por plaxioclasios e piroxenos. Pode conter biotita e olivina.
Peridotita
De cor moi escura, é moi pouco frecuente na codia terrestre. Constitúe o manto e é a rocha máis abundante do planeta. Está formada por piroxenos e olivino.
Rochas Ígneas Volcánicas
Orixínanse do magma que alcanza a superficie. O seu arrefriamento é moi rápido, polo que cristalizan mal. Presentan texturas hipocristalinas ou vítreas e afaníticas. Os gases que saen co magma deixan ocos nas rochas, creando unha textura vacuolar.
Clasificación
Rochas Hipocristalinas
Caracterízanse por ter cristais inmersos nunha matriz vítrea.
- Basalto: É a rocha volcánica máis abundante, esténdese polos fondos oceánicos. A súa composición é similar á do gabro. De cor escura, case negra, presenta unha matriz microcristalina ou vítrea, na que se diferencian cristais de gran tamaño (fenocristais).
- Andesita: De cor gris, a súa composición é similar á da diorita. Abunda nos Andes.
- Riolita: De cor clara, a súa composición é similar á do granito.
- Traquita: De cor clara, a súa composición é similar á da sienita.
Rochas Vítreas
Caracterízanse por ser unha masa amorfa con aspecto de vidro.
- Obsidiana: É o nome xenérico das rochas volcánicas de textura vítrea con poucos ocos ou sen eles. De cor negra, presenta fractura concoidal e a súa composición é moi variable.
- Pumicita ou Pedra Pómez: Rochas volcánicas con textura vacuolar e cor clara. A súa baixa densidade faia inconfundible. A súa composición mineralóxica pode ser similar á da riolita ou traquita.
Rochas Piroclásticas
Formadas a partir do material fragmentario (piroclastos) expulsado polo volcán.
- Tufo: Resulta da unión dos piroclastos a causa das altas temperaturas ás que son expulsados polo volcán.
- Brecha Volcánica: Composta por fragmentos grosos de rochas unidos por cinzas e lapilli.
Rochas Ígneas Subvolcánicas
Orixínanse cando o magma queda preto da superficie. O seu arrefriamento prodúcese a unha velocidade intermedia, resultando en rochas con características intermedias entre as volcánicas e as plutónicas.
- Aplito: Presenta textura holocristalina, homométrica e de gran fino. De cor gris clara, a súa composición é similar á do granito.
- Pórfiro Granítico: De textura holocristalina, con cristais moi grandes envoltos nunha matriz microcristalina. A súa composición é similar á do granito.
- Diabase: Holocristalina, con grans de tamaño fino e medio. De cor verde, a súa composición é similar á do basalto.