A formación do Estado Español: A monarquía dos Reis Católicos

Clasificado en Física

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,04 KB

En 1469 habían contraído matrimonio o príncipe Fernando de Aragón, herdeiro do rei Xoán II, e a princesa Isabel de Castela, irmá do rei Enrique IV. Á morte de Enrique IV, Isabel proclamouse raíña de Castela (1474), pero unha parte da alta nobreza, apoiada por Portugal, recoñeceu a Xoana, filla do finado monarca, como herdeira da coroa, o que provocou unha guerra civil. Despois da decisiva batalla de Toro (1476) e a firma con Afonso V de Portugal do Tratado de Alcaçovas, Isabel foi finalmente recoñecida como raíña en 1479. Por outra banda, Fernando converteuse en rei de Aragón o mesmo ano, á morte do seu pai.

Mentres que a Coroa de Castela tiña unha estrutura política claramente unitaria, os territorios que integraban a Coroa de Aragón (Aragón, Cataluña, Valencia, Mallorca, Cerdeña e Sicilia) constituían diferentes Estados con súas propias leis e órganos de goberno. Ao longo do seu reinado, os Reis Católicos aceptaron esta pluralidade de Estados e non deixaron de recoñecela en todos os seus documentos. A unión das dúas coroas, Castela e Aragón, foi persoal (unión dinástica) e nunca se constituiu unha unidade política e administrativa común a ambas.

Isabel e Fernando coincidían na necesidade de completar a unificación territorial dos reinos hispánicos como base indispensable para consolidar e estruturar un Estado forte e poderoso. Así, Castela anexionou o reino nazarí de Granada en 1492, completando a Reconquista. Do mesmo xeito, Fernando de Aragón, sendo rexente de Castela tras a morte de Isabel, incorporou Navarra en 1512.

Os Reis Católicos pretendían a creación dunha monarquía autoritaria, que se impuxese sobre as forzas que na Idade Media diminuíran o poder da Coroa (fundamentalmente, a nobreza) e que dotase á Monarquía de unhas institucións eficaces para afirmar a autoridade real e que permitisen aumentar o seu control sobre o Estado.

Unha figura importante no progresivo aumento do poder real en Castela foron os corregidores, encargados de trasladar ás autoridades locais as ordes da Corte, ao tempo que exercían funcións xudiciais, recadaban tributos e detentaban a comandancia militar do territorio baixo a súa xurisdición (correxemento). En cada un dos territorios da Coroa de Aragón instituíuse o cargo de virrey, como representante do monarca que, en seu nome, exercía a plenitude dos atributos reais.

Incrementouse o papel do Consello Real de Castela, como instrumento para fortalecer a acción política dos reis, ampliando as súas atribucións ao dotar de capacidade de decisión sobre algúns temas xudiciais e administrativos. A progresiva burocratización da monarquía levou á creación de outros Consellos, cada un deles con funcións específicas: Consello de Aragón, Consello da Inquisición, Consello das Ordes Militares... Tanto o Consello Real como os restantes Consellos pouco a pouco foron asumindo funcións lexislativas, mentres as diferentes Cortes ían perdendo a súa función e cada vez se reunían menos.

En 1480 avanzou a racionalización da administración de xustiza mediante a reorganización das Audiencias e a creación da Cancillería, mentres que en Aragón continuou actuando o Xustiza Maior, como mediador nos conflitos entre o rei e os seus súbditos.

A reforma da Facenda iniciouse coa súa reorganización mediante a creación, en 1476 de dous organismos: a Contaduría Maior de Facenda, dedicada á recadación dos impostos e a Contaduría Xeral de Contas e Resultas, encargada do control de ingresos e gastos. Tamén se creou a Santa Hermandad, unha forza militar ao servizo da Coroa, que actuaba en todo o reino e exercía funcións de vixilancia e de tribunal de xustiza.

Entradas relacionadas: