A Función de Relación e os Sentidos: Como Percibimos o Mundo
Clasificado en Biología
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,7 KB
A Función de Relación: Percibindo o Mundo
A función de relación permítelles ás persoas percibir os cambios (estímulos) externos ou internos, interpretar ou procesar estas variacións e elaborar respostas coordinadas adecuadas para sobrevivir.
Estímulos e Receptores: A Base da Percepción
Un estímulo é un cambio físico ou químico que se produce no exterior ou no interior do organismo e desencadea nel unha resposta. No organismo existen células especializadas na captación dos estímulos, os receptores.
Tipos de Receptores Sensoriais
Os receptores poden ser internos ou externos:
- Receptores Internos: captan cambios do medio interno, como por exemplo a subida de glicosa en sangue.
- Receptores Externos: captan estímulos externos e clasifícanse en:
- Mecanorreceptores: captan vibracións, movemento, presión, etc.
- Termorreceptores: perciben variacións de temperatura.
- Quimiorreceptores: detectan substancias químicas disoltas no aire, na auga, etc.
- Nociceptores: son sensibles á dor.
- Fotorreceptores: son sensibles á luz.
O Olfacto: O Sentido do Cheiro
Os receptores do olfacto ou células olfactivas son quimiorreceptores sensibles ás substancias volátiles ou gasosas que hai no aire. As substancias do aire, ao entrar no nariz, disólvense en moco e son percibidas polas células olfactivas que recobren a parte superior das fosas nasais, denominada pituitaria. As células olfactivas son neuronas que, ao estimularse, envían o impulso nervioso a través do nervio olfactivo ao cerebro, que interpreta e identifica o cheiro.
O Gusto: O Sentido do Sabor
Os receptores do gusto son quimiorreceptores sensibles ás substancias químicas disoltas na saliva. As células gustativas atópanse no padal, na farinxe e principalmente na lingua, nunhas estruturas en forma de bulbo denominadas botóns gustativos que se agrupan formando as papilas gustativas. As células gustativas son neuronas que, ao estimularse, envían o impulso nervioso a través do nervio gustativo ao cerebro, que interpreta e identifica o sabor.
O Tacto: O Sentido da Pel
Os receptores do tacto son mecanoreceptores, sensibles ao contacto; termorreceptores, sensibles á temperatura; e nociceptores, sensibles á dor. Estes receptores distribúense, de xeito non uniforme, pola pel e envían a información, a través de distintos nervios, ao cerebro, que interpreta os estímulos.