Funcións Sociais da Lingua: Identidade, Familiar, Laboral, Local, Institucional, Cultural e Internacional

Enviado por airamotcefrep y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,56 KB

Funcións Sociais da Lingua

FUNCIÓNS SOCIAIS DA LINGUA

A lingua é un código de signos verbais que permite aos humanos comunicarnos entre nós. É o símbolo de identificación colectiva e sintetiza a maneira de ser e de pensar do pobo que a configurou durante séculos. Falar galego, ademais de servir á comunicación é un acto social no que o falante pon de manifesto unha orixe e a súa vinculación a unha cultura. A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas:

  • 1. F. de identidade: articulación do pensamento, a partir dunha determinada realidade construímos interiormente o mundo que nos rodea.
  • 2. F. Familiar: no entorno familiar nenos e nenas aprenden a súa primeira lingua. A función familiar permite a relación entre os individuos dunha familia.
  • 3. F. Laboral: posibilita a comunicación no mundo do traballo.
  • 4. F. Local: favorece os contactos entre persoas do mesmo contorno, como amigos, compañeiros, etc.
  • 5. F. Institucional: propicia a comunicación entre o cidadán e os diferentes estamentos políticos, administrativos, etc.
  • 6. F. Cultural: serve como medio para expresar e recibir os saberes das ciencias, das artes e da cultura en xeral. Cando unha lingua ten prestixio é porque a comunidade que o fala tamén o ten debido a factores económicos, políticos e culturais positivos. Nestas circunstancias desexará ser aprendido por persoas alófonos.
  • 7. F. Internacional: exerce como tal cando é usada por falantes de varios países con linguas diferentes para se entenderen entre si.

Tanto a función de identidade como a familiar dependen da aprendizaxe directa do individuo a través dun contacto espontáneo (aprendizaxe primaria) e dáse durante a infancia; a función cultural, por exemplo, depende do estudo da lingua por parte do falante (aprendizaxe secundaria).

CONFLITO E DIGLOSIA

A existencia de máis dunha comunidade idiomática no seo dos estados a miúdo presenta situacións de desequilibrio e desigualdade. O uso do idioma propio ou do idioma oficial constitúe por si mesmo un signo de estratificación social.

Ata a chegada da democracia a finais da década de 1970, Galicia vivía unha situación de bilingüísmo diglósico. No noso país coexistían dúas linguas repartidas de xeito desigual na sociedade: o castelán, falado polas clases dominates e empregado para os usos formais públicos (lingua escrita, ensino, política, alta cultura) e o galego, falado polas clases populares e empregado nas situacións familiares. O conflito lingüístico no que unha lingua ocupa a esfera de poder e a outra se converte na lingua dos subordinados a ese poder, trae como consecuencia necesariamente unha situación de diglosia. Unha das linguas goza de estima social e serve para todas as comunicacións posibles; a outra queda pechada no eido familiar e precisa da primeira para as comunicacións socialmente máis valoradas.

En Galicia a diglosia vén condicionada por factores históricos que se remontan a finais da Idade Media coa chegada dunha clase dirixente foránea (nobreza castelá), portadora dun idioma alleo ao conxunto da poboación galega, que se instala definitivamente no reinado dos Reis Católicos. A partir deste momento asociouse o castelán coa lingua da cidade, da cultura, da riqueza e do progreso e o galego como lingua de aldea, incultura e pobreza. Ao non gozar dos privilexios do castelán, o galego dialectalizouse, vulgarizouse e, sobre todo, castelanizouse durante cinco longos séculos. En Galicia a diglosia está caracterizada polo emprego de códigos diferentes segundo:

  • Os ámbitos sociais de uso: emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social, deixando o castelán para representar aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio.
  • Os espazos xeográficos: úsase o galego no rural e nos arrabaldes das cidades, e o castelán nos núcleos máis céntricos das zonas urbanas.
  • Os interlocutores: dependendo da confianza entre os interlocutores, do nivel social medio ou alto ou non, do status social… usarán o galego ou o castelán.

Na loita entre galego e castelán por ocupar as funcións sociais, o castelán vai avanzando e o galego retrocedendo. Nesta situación de convivencia e

desequilibrio desencadéase unha pugna por ocupar espazos de comunicación, o conflito lingüístico. Coñecer, usar, disfrutar… as dúas linguas sería unha opción enriquecedora. Sería posible se antes se dá unha plena normalización do uso do galego, de xeito que o noso idioma fose usado por todos os grupos sociais e en todos os contextos, sen ningún tipo de limitación ou traba.

ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS. AS SÚAS REPERCUSIÓNS NOS USOS

Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor que consisten en presentar trazos negativos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes e teñen como obxectivo provocar o seu rexeitamento. Están baseados na contraposición entre linguas que se consideran “boas” e “importantes” e outras que non terían estas características e serían consideradas como “non axeitadas”.

A lingua galega, lingua minorizada, vén arrastrando historicamente moitos prexuízos que buscan a imposición e substitución lingüística, tentando persuadir os galegos das vantaxes dunha lingua común, neste caso o castelán. Esta actitud vén serrando actitudes de “autoodio” e desprezo do propio, coa conseguinte perda de autoestima. Créanse así estereotipos e prexuízos.

Algúns prexuízos lingüísticos de carácter xeral fóronlle aplicados ao galego. Non obstante, son outros específicos os que máis callaron na sociedade, algúns xa vellos e outros máis recentes. Todas estas falsedades son potenciadas desde distintos ámbitos de poder na procura do reforzamento do castelán e o debilitamento do galego como medio de consecución dun uniformismo político, cultural e lingüístico.

Vencer estes prexuízos é tarefa indispensable para que o proceso de normalización da lingua galega teña éxito.

Entradas relacionadas: